Skip to Content

Construíndo pontes

E puxémonos mans a obra a construír! Aquí tedes o resultado de traballar con uns dos kits singulares que recibimos dos POLOS CREATIVOS. Comezamos por imprimir as pezas que precisabamos coa impresora 3D. Unha vez tivemos todo o necesario, estudamos a foto das instrucións, os pasos que debíamos seguir, e entre todos puxémonos a montar a ponte. Precisamos axuda dos mestres/as, xa que os parafusos eran moi pequenos e custábanos moito apertalos, pero despois moito esforzo e colaboración, quedou feito! Estamos moi orgullosos do que conseguimos montar, e danos moitas ideas de como podemos empregar as pezas KAPLA para facer outras construcións.

Xogos tradicionais

Neste cole non nos aburrimos nadiña! Por iso desta vez tivemos unha xornada de xogos populares do máis interesante e apaixonante! Aprendemos o que é un trabalinguas, fixemos unha frauta con unha simple palliña, un soprador e xogamos ó Moco! Pasámolo fenomenal e Lito aprendeunos milleiros de truquiños que queremos compartir convosco! Nas Vendas non se para! Seguimos!

Hoxe elaboramos... guacamole!

Nestes últimos días estivemos traballando os diferentes tipos de textos narrativos e como na clase de primeiro e segundo somos de moi bo dente, fascinounos a idea de poder facer unha receitiña. Para iso decidimos facer unha "viaxe espacial" nada máis e nada menos que a México e elaboramos un guacamole delicioso, faciliño e sobre todo saudable... Queredes saber como se fai? Pois prestade MOITA ATENCIÓN!

Parabéns Cristian!

E hoxe tócalle a Christian!
Son xa cinco voltiñas ao sol, feito todo un homiño!
O  día 25 finalmente estivemos todos e puidemos celebrar o aniversario de Christian.
Foi moi valente e veu á festa porque aínda estaba algo convalecente pero soprou as velas, repartiu caramelos e xogaron do lindo.
Parabéns Christian!!

Semana do libro

Un libro é unha fonte inesgotable de diversión e aprendizaxe. Os nosos nenos e nenas téñeno moi claro, e así o demostraron aprendendo sobre a creación dunha parte fundamental dos libros: a portada.

Esta semana, para conmemorar o día do libro, quixemos homenaxear a todos os autores e editores dos que podemos desfrutar na nosa biblioteca recreando cos nosos propios corpos as portadas dalgúns dos  seus libros. Os resultados, ademais de ser  moi didácticos, foron moi divertidos. Esperamos que vos gusten moito!

Mochilas viaxeiras artísticas

En outubro, o alumnado do noso centro recibiu un envío dende o espazo exterior de Toni, a mascota da biblioteca. Unha mochila chea de recursos na que, entre outras cousas, atopou libros de manualidades. Os nosos pequenos e pequenas en conxunto coas súas familias foron facendo algúns traballiños ao longo do curso nos que amosaron as súas dotes artísticas creando arte con material de refugallo.

Fomentouse así a imaxinación, a liberdade creativa e a eficiencia no uso dos recursos. Recursos reutilizables cos que familias e alumnado se divertiron creando.  
Aquí vos deixamos unha escolma orixinal e chea de creatividade.  

Excursión a Santiago

O pasado xoves 18 de abril puidemos desfrutar dunha viaxe inesquecible para todos/as. A nosa primeira parada foi na Cidade da Cultura en INNOVART onde aprendemos un montón sobre ensinanzas artísticas, deportivas e de idiomas. Experimentamos con actividades de todo tipo: música en directo, tecnoloxía, deseño, arte ou restauración foron algúns dos apartados que puidemos visitar. O taller de pasta foi  todo un éxito así como o MUPEGA, que nos levou a unha viaxe no tempo para compartir, desfrutar e curiosear sobre como era a escola, os mestres ou os xoguetes dos nosos antepasados. Pero se queredes saber máis non tedes máis que botarlle unha ollada a este vídeo no que se resume á perfección o ben que o pasamos e de paso... cantas cousas aprendemos!

As mochilas xurásicas

O alumnado de 4º 5º e 6º de primaria recibiu esta semana unha mensaxe importantísima de Toni, a nosa mascota. Resulta que Toni está inmerso nunha viaxe interespacial, e está recrutando a lectores expertos para o seu club. Para lograr entrar nel, os nenos e nenas candidatos tiveron que superar unha serie de probas para adiviñar o primeiro libro no que deberán somerxerse. Seguiremos informando sobre as aventuras destes mozos e mozas!


Asturias, préstanos!

Comezamos o curso 23/24 cheos de ledicia, polos novos comezos e tamén, coa ilusión de que o noso alumnado de 6º se gradúe e remate o seu paso polo centro coa viaxe de fin de etapa que o noso centro leva organizando nos derradeiros anos.

Por iso, entre os días 2 e 5 de abril volvemos a Asturias! Para isto despedímonos cunha viaxe chea de emocións e novas amizades. Foron catro días moi emocionantes no que compartimos vivencias na marabillosa compañía dos nosos compañeiros e compañeiras do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia. Con eles compartimos divertidísimos momentos e aventuras. Para compróbalo, non hai máis que ver os sorrisos na cara do alumnado e eses olliños brillando coa ilusión!

Momentos de gran valor non só a nivel pedagóxico senón tamén a nivel emocional que, agardamos queden sempre gravados nos corazóns e na memoria do alumnado ao que con moitísimo agarimo tentamos despedir. Esperamos que vos guste tanto coma a nós e vos transmita a mesma felicidade!

Aquí tedes unha pequena mostra.


Visita á cidade Herculina

O venres 12 de abril o alumnado de 4º 5º e 6º de Educación Primaria foi de excursión á Coruña.

Tocou madrugar moito pero pagou a pena! Primeiro visitamos SOGAMA, complexo medioambiental situado en Cerceda no que se xestionan e tratan os residuos urbanos producidos no territorio galego. Aquí, repasamos como reciclar correctamente ademais fixemos un xogo que superamos con nota!

Tamén fixemos unha visita pola planta cunhas gafas virtuais e percorremos en bus os diferentes espazos onde se realiza a separación dos residuos.
Para xantar visitamos a Torre de Hércules, onde gozamos dunhas fermosas vistas e dun día espectacular!

Á tarde visitamos o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía). Un museo que ten diferentes espazos expositivos nos que puidemos ver a parte dianteira e o tren de aterraxe dun BOING 747, un acelerador de partículas, aparatos tecnolóxicos, instrumentos científicos e ata vehículos de transporte. Participamos nun obradoiro de química no que en pequenos grupos fixemos algúns experimentos.

Unha saída moi enriquecedora que compartimos cos nosos compañeiros e compañeiras do CEIP O Castiñeiro de Laza.

Tras un longo e divertidísimo día, emprendemos a viaxe de volta na que fixemos unha parada técnica para merendar. Foi unha xornada xenial!


Distribuir contido


by Dr. Radut