Skip to Content

Gobble gobble

Today we celebrate Thanksgiving at school, learning about its history, manners and traditions. What are you thankful for?

Día do pixama

O luns 20 de novembro conmemoramos no noso centro o Día Universal da Infancia. Esta conmemoración ben recollida na Orde do 3 de maio de 2023 pola que se aproba o calendario escolar.

Es España, hai case 17.000 nenos, nenas e adolescentes que viven en centros de acollida. Co obxectivo de dar visibilidade a esta situación e concienciar sobre o dereito de todos os menores a vivir nun fogar cunha familia celebramos o Día do Pixama. O alumnado acudiu ao cole en pixama simbolizando os momentos en familia e o calor do fogar cando nais ou pais len un conto aos seus fillos ou fillas antes de ir durmir. Un momento no que os nenos e nenas se senten protexidos, arroupados e seguros. Ademais, nas distintas aulas realizáronse diferentes actividades: lectura de contos, proxección de material audiovisual, xogos, etc.

Foi unha experiencia solidaria, educativa e lúdica. A actividade promoveu que o alumnado identificase e expresase sentimentos, emocións e vivencias, ao mesmo tempo que ofreceu a posibilidade de traballar a diversidade permitindo aos nosos nenos e nenas empatizar con outros iguais que non teñen a oportunidade de crecer en familia e coñecer alternativas familiares diferentes.

Prevención da violencia de xénero

Hoxe tivemos un novo obradoiro da man do CIM para a prevención da violencia de xénero. Abordouse como e sobre que repercute este tipo de violencia e como se pode apreciar en cousas cotiás que manexamos habitualmente. Traballáronse conceptos básicos para aclarar certos termos e mitos. Desmitificáronse falsas crenzas sobre o que deben ser os chicos ou as chicas. Tamén, as causas e consecuencias da violencia de xénero, as repercusións sociais e os mitos que existen con respecto ás vítimas e ós agresores, e o que podemos facer dende o ámbito máis social e das relacións para cambiar estas circunstancias. É moi importante que o noso alumnado sinta que esta, é unha tarefa de todos/as e que coa igualdade gañamos todos pois a educación é un axente transformador moi poderoso.

Os lectores da galaxia

O alumnado de 4º 5º e 6º de primaria recibiu esta semana unha mensaxe importantísima de Tony, a nosa mascota. Resulta que Tony está inmerso nunha viaxe interespacial, e está recrutando a lectores expertos para o seu club. Para lograr entrar nel, os nenos e nenas candidatos tiveron que superar unha serie de probas para adiviñar o primeiro libro no que deberán somerxerse. Seguiremos informando sobre as aventuras destes mozos e mozas!

Magosto chuvioso

O venres 10 de novembro celebramos o magosto no cole e tivemos uns convidados de luxo: o alumnado e profesorado do CEIP o Castiñeiro de Laza.

Foi unha celebración moi especial, xa que comezamos a mañá cuns deliciosos boliños preñados e zumes. Despois, o alumnado dos dous centros compartiu o tempo de lecer.

Aínda que chovia non deixamos que as inclemencias do tempo nos estragaran a festa. O magosto é unha ocasión perfecta para gozar ao aire libre, da natureza e dunha boa fogueira pero axiña atopamos unha alternativa perfecta: o pavillón!

Neste espazo, comezamos cunha dinámica de grupos para que o alumnado se fose coñecendo e interactuara. Gozamos de distintos xogos populares e de habilidade con castañas. Actividades que permitiron compartir momentos de harmonía e convivencia tanto entre o alumnado como o profesorado do CEIP O Castiñeiro de Laza, foi unha excelente oportunidade para facer novas amizades e pasar unha xornada do máis enriquecedora.

Tivemos un xantar especial que rematamos con doces e castañas, o complemento perfecto para gozar dun menú cheo de sabor e tradición. A convivencia e compartir momentos agradables nun ambiente festivo, son os valores que se fomentan con este tipo de actividades, que ademais contribúen a manter vivas unhas tradicións tan nosas.

Xornada formativa de Protección da Natureza

O mércores 8 de novembro tivemos unha xornada formativa sobre a protección da natureza e a prevención dos incendios forestais impartida por Tomás, axente das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, e máis concretamente do Seprona, no marco do programa Voz Natura.

O axente da Garda Civil explicounos que dentro deste corpo hai moitas especialidades, falounos da historia do mesmo e díxonos que en 1988 se creou a unidade do Seprona.

O Seprona ten diferentes áreas de actuación: vertidos, contaminación do medio ambiente, actividades cinexéticas e de pesca irregulares, defensa dos espazos naturais e a prevención, investigación e extinción de incendios. Neste eido, deunos indicacións de como evitalos pero tamén consellos de como escapar se un día nos atopamos no medio dun.

Non queda máis que agradecerlle ao axente Tomás a xornada tan interesante que nos impartiu e que respondera con tanto agarimo ás preguntas do noso alumnado. Xa agardamos unha nova sesión para o curso que vén! Grazas!

Gañadores/as da V edición do Concurso de Cabazas

A V edición do Concurso de Cabazas organizada polo centro, logrou reunir un total de 20 propostas, entre as que o xurado, conformado polo alumnado do centro e o profesorado, escolleron un total de tres. O premio de Educación Infantil foi para David Pereira, e nas aulas de Educación Primaria para Gael Álvarez e Ysabella Carrasco.

Cascos, naves especiais, foguetes ou o propio universo foron algunhas das propostas máis chamativas desta quinta edición dun concurso xa asentado e que sempre achega traballos moi orixinais. E é que nas Vendas, temos moito nivel!!!

Parabéns aos gañadores/as e grazas a todo o alumnado por participar!

 

PROXECTOS DE INNOVACIÓN

Un curso máis estamos de parabéns! Veñen de concedernos na resolución definitiva tres programas enmarcados dentro do Plan Proxecta+ nos que participaremos o curso 2023-2024.

Vexo Vexo Xacobeo

Recíclate con Sogama

O Monte Vivo

O Plan Proxecta+ é unha iniciativa da Consellería de Cultural, Educación, Formación Profesional e Universidades en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial pero que ademais estean comprometidos coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

Novembro: mes da ciencia na biblioteca

Este mes fíxose unha recompilación de libros relacionados coa ciencia en galego que se poñen a disposición do alumnado do centro.

Entusiasmo e curiosidade son a clave da divulgación científica.

Ángel Carracedo

SAMAÍN - HALLOWEEN 2023

Aquí podedes ver o ben que o pasamos celebrando o Samaín e o Halloween no centro. Decoramos o colexio de xeito arrepiante, tivemos por quinto ano consecutivo o Concurso de Cabazas, gozamos dun menú absolutamente aterrador, disfrazámonos de cousas terroríficas,   e ademais participamos nun escape room. Ao rematar de comer o profesorado escoitou un son estraño, portas que se pechaban, golpes, alguén lles comunica aos mestres/as que o colexio está blindado e que non se pode saír... salvo que se superen unha serie de probas,  enigmas e quebracabezas. O noso alumnado, coma xa é habitual, non decepcionou!!! Empregou as súas capacidades intelectuais, creativas e de razoamento, xunto co traballo en equipo para conseguir saír do cole e salvarnos a todos/as! Parabéns pola habilidade!!!

Agardamos que gocedes deste terrorífico vídeo do Samaín!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut