Observa_Acción

Observación focalizada

Nesta fase do programa Observa_Acción e, despois dunha fonda reflexión, os mestres/as participantes no programa decidiron centrar a súa atención naqueles aspectos que consideran poden repercutir na mellora do proceso ensino-aprendizaxe dos nosos alumnos/as.

En 4º E.Infantil observamos a transición nas actividades que teñen que ser moi curtas, máis en lingua estranxeira. En 1º E. Primaria, na área de ciencias naturais, o emprego da lingua galega para a creación de curtas sobre o medio mariño. En 6º E. Primaria, o emprego de linguaxe matemática en lingua castelá para a elaboración de materiais na área de plástica.

Todas as observacións, experiencias inesquecibles.

Continuaremos observando!

Observación holística

O título non é moi común, pero se explicamos que é unha das fases do programa OBSERVA_ACCIÓN do que demos conta noutra nova, todo clarexa.

Non é máis que observarnos uns aos outros e tratar de aprender, sen xulgar, da tarefa ensino-aprendizaxe. Nesta fase do proceso, un mestre observa a outra mestra no grupo de 4º E.Infantil; un mestre observa a outro na aula de 1º E.Primaria, e por último, a mestra  observa ao mestre de 6º E.Primaria: Niveis diferentes nas linguas do centro, galego, castelán e inglés.

Vémonos na seguinte observación!

Programa Observa_Acción

Este curso fomos admitidos no programa de intercambio de experiencias OBSERVA_ACCIÓN. Trátase dun programa de desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais, durante os cursos escolares 2022/23 e 2023/24, que se levará a cabo a nivel autonómico, nacional e internacional.

O xoves 26 de xaneiro, o director do centro e a mestra coordinadora asistiron á primeira xornada de formación en Santiago. Ademais deles, outro docente inicia este camiño no intercambio de observación docente.

Un dos obxectivos que se perseguen con este programa é o de experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa no centro educativo, así como a colaboración con centros doutras comunidades autónomas e/ou países de ámbito europeo.

A nosa liña de traballo vai na dirección da Competencia comunicativa. Aquí comeza a nosa andaina da que vos iremos dando conta.

Distribuir contido