Inclusión

Mulleres importantes nas nosas vidas

Ao longo da semana do Día da Muller realizamos no cole diversas actividades educativas que buscaban pór de manifesto a loita das mulleres pola igualdade e o recoñecemento e exercicio efectivo dos seus dereitos na busca dunha igualdade real.

O equipo de biblioteca realizou unha exposición de fondos que abordaban dalgún xeito esta temática. Asemade, organizouse a elaboración dun gran cartaz no que a comunidade educativa fixo unha homenaxe ás mulleres máis importantes na súa vida, aportando carteis cos seus nomes e imaxes desas mulleres. O resultado podédelo ver na galería de imaxes, na presentación de máis abaixo e na imaxe do cartaz.

O alumnado, tamén reflexionou sobre as mulleres máis importantes da súa vida e a maioría coincidiu e que foi a na súa nai. As nenas e nenos de 2º de E.P, para facerlle un pequeno agasallo, fixeron un banderín debuxando o retrato delas e escribíndolle algo que lle saíra do corazón. Na hora de ler, escolleron o conto ¡Vivan as uñas de cores! Unha historia real que serviu de inspiración ás escritoras e unha bandeira literaria para falar de igualdade.

Preme aquí para ver a pantalla completa

Desfile do venres de Entroido

Esta ano, o venres de Entroido, participamos no desfile que organizou o Concello de Ourense polas rúas do centro da cidade.

O alumnado de Ed. Infantil e 1º de Ed. Primaria disfrazouse de Arco da vella e o profesorado de nubes. O alumnado de 2º, 3º e 4º de Ed. Primaria ía disfrazado de curuxas e o profesorado de árbores. Por último, os máis maiores do coles, 5º e 6º de Ed. Primaria foron disfrazados de nativos do Amazonas.

Baixo a dirección da nosa xefa de tribu, desfilamos ao son de Carnaval de Maluma representando a coreografía traballada ao longo de toda a semana no tempo de lecer e que non deixou indiferente a ningunha das miradas do público asistente ao desfile.

Xogando ao atletismo.

O 10 de febreiro participamos na proba comarcal de Xogando ao atletismo que organizou a agrupación deportiva As Brurgas dentro do programa Xogade.

O alumnado de 2º e 3º de Ed. Primaria dun total de oito colexios da cidade de Ourense realizamos unha xornada de convivencia deportiva na pista cuberta de atletismo de Expourense. Unha forma lúdica de iniciarse no atletismo con equipos mixtos compostos por cinco deportistas que realizan probas de velocidade, lanzamento, triple salto, axilidade, relevos, … adaptados á súa idade.

A maioría do alumnado era a primeira vez que participaba nunha proba deportiva destas características, polo que estiveron moi emocionados ao longo de toda a xornada. O mellor momento de alegría foi cando recibiron unha medalla de ouro polo esforzo e compañeirismo mostrado nas diferentes probas.

Estamos desexando ser invitados para participar na xornada provincial que se celebrará nos próximos meses.

 

O Segredo dos Franciscanos

O martes 8 de febreiro, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria acudiu ao Arquivo Provincial para realizar un obradoiro de escritura medieval.

A saída do centro foi ás 9,25 horas e despois de camiñar 20 minutos chegamos ás portas do Arquivo histórico de San Francisco onde nos estaban agardando para a comenzar a realización de dous obradoiros: escritura medieval e visita ao Claustro de San Francisco.

O obradoiro, consistiu en descubrir os diferentes materias que se utilizaban para a escritura, así, vimos os pergameos, papiros e papel e os útiles como as plumas, plumis,... Ao rematar, démonos conta da dificultade que tiñan os nosos antepasados á hora de escribir e o difícil que é non mancharse.

O segundo dos obradoiros consistiu na visita ao Claustro de San Francisco e ao arquivo histórico onde nos ensinaron non so as marabillosas columnas senón a historia do Convento de San Francisco. Antes de rematar a visita estivemos vendo uns libros moi antigos.

A visita foi impresionante... e a verdade... tal e como dicía Breogán... hoxe foi unha clase de historia ben distinta...

A actividade rematou cun percorrido pola cidade de Ourense ata chegar ao colexio, visitando: Praza da Magdalena, Concello de Ourense, Oficina de Turismo, Parque de San Lázaro onde vimos por fóra onde trouxeron a igrexa de San Francisco e ás 13,45 chegamos ao colexio.


   

Se eu tivera una púa

O alumnado de 2º de  Educación Primaria seguimos desfrutando das nosas historias favoritas e, nesta ocasión, foi a quenda de Carlota quen escolleu o libro “Se eu tivera unha púa” de Eva Clemente para contarllo ao resto da clase.

O seu protagonista, Pepincho Repúa, quere atopar amigos cos que xogar. Pero canto estás disposto a pagar para tentalos conseguir? Un raposo con peculiares afeccións, un can moi presumido, unha aguia que non merenda, un sapo que soña con coroas... Estes son algúns dos personaxes que atopará este entrañable ourizo no seu camiño polo bosque. Unha viaxe cargada de aprendizaxe que che levará a descubrir o que é a autoestima e o importante que é aprender a coidarse e dicir que non de cando en vez.

Grazas

O alumnado de 2º de E.P. seguimos disfrutando cos nosos contos favoritos.

Esta vez foi Maia a que elixiu o seu: Grazas. Historia dun rueiro de Rocío Bonilla; conta a historia sobre a convivencia e as relacións humanas. Unha historia sobre todos nós. Por mor dunha avaría inesperada, a vida do rueiro vai mudar totalmente. Grazas á curiosidade e á empatía, os veciños e veciñas van chegar lonxe, moi lonxe. E farano xuntos.

A partir do conto, ademais de desfrutar da súa lectura, traballamos a comprensión e a descrición dos seus personaxes (como son, como van vestidos, que é o que lles gusta facer…) e aproveitamos esa actividade para coñecernos nós e que nos coñezan un pouco mellor os nos@s compañeir@s.

O conto tamén tiña un xogo co que o pasamos moi ben.

 

A pinga Sueiriña

A nosa pinga pirata xa viaxa no seu barco cara a aqueles lugares nos que a falla de auga potable non deixa espazo para unha vida digna.

Todos aqueles que quixeron, nenos e nenas, mestres e mestras, mestras en prácticas, auxiliar de conversa, coidadoras, conserxe, ..., todos nós demos forma ao libro “A PINGA SUEIRIÑA”, plasmando os nosos pensamentos e mellores desexos para acadar un mundo máis xusto e sostible.

En galego, castelán, inglés e francés, A Pinga Sueriña transporta ese valioso tesouro que é a AUGA.

O libro físico, elaborado por todos e todas nós, xa vai cara ao Comité UNICEF en Galicia. Este non é o fin do proxecto que iniciamos coa exposición “AGUA, CADA GOTA UN TESORO”, facilitada por UNICEF, e seguemos coa conmemoración do día internacional contra o cambio climático. É o rumbo que leva o noso barco pirata coa Pinga Sueiriña ao seu timón.

QUE OS VENTOS NOS SEXAN PROPICIOS!

 


PREME PARA VER O LIBRO A TODA PÁXINA


Xogos populares no CIFP Portovello

O 12 de maio, coa colaboración co CIFP Portovello, participamos nunha xornada de xogos populares que o alumnado de 1º curso do Ciclo superior de animación sociocultural preparou para os nenos e nenas de 2º de Ed. Primaria do noso cole.

Xogos de presentación, carrilanas, a rá, xogos de aros... fixeron que os Superheroes do Sueiro disfrutaran dun momento de lecer a carón do horto escolar no que tamén estamos a traballar en colaboración co alumnado do CIFP Portovello.

A experiencia deixou con gañas de repetila, tanto ao noso alumnado como aos monitores e monitoras do ciclo de animación.

Xogando coas emocións

Libro interactivo sobre as emocións realizado coa colaboración do alumnado de 1º e 2º de Ed. Primaria para traballar  as emocións básicas.

Kick out Loneliness

 

Decidimos dar unha patada ben forte á SOIDADE, e facernos fortes no grupo, sentindo o apoio, lealdade e orgullo ben entendido de pertenza a un grupo, no noso caso á aula de 6º E.P. da nosa escola.

Tomando como referencia a fundación do Liverpool FC, aprendemos a historia do clube e os valores nos que se fundamenta.

Mighty Red foi o guía no noso camiñar cara a igualdade, inclusión e diversidade. Aprendeunos que a nosa forza está na unidade e o esforzo, e que, co apoio de todos/as nós, ninguén se sentirá so ou soa.

Somos os mellores supporters da grada KOPT. Non hai KOPITE mellor ca nós cando se trata de axudar e acompañar a quen se sinta apartado dalgún xeito.

Porque como di o seu himno,

AT CEIP MANUEL SUEIRO,
YOU’LL NEVER WALK ALONE!

Distribuir contido