Curso 2019/20

Visita a Coruña: Concerto e Exposición

 No día de onte, martes 21 de xaneiro, o alumnado de 2º ESO fixo unha viaxe cultural á Coruña. En primeiro lugar presenciaron unha “batalla” de galos (rap) no Pazo da Ópera, onde a parte de seren espectadores tamén participaron como xurado, escollendo ó mellor vesificador.

  

Logo dunha parada para repoñer forzas demos un paseo polo entorno da Torre de Hércules. Finalmente asistiron a una exposición, charla e taller baixo o tema “o noso planeta”. E finalmente, algo cansos pero contentos, volvemos para Monforte. A visita resultou un éxito.

 

Andorra: Martes 21 de xaneiro

O día de hoxe amenceu nubrado e con precipitacións de neve a partir da media mañá que se prolongaron ó longo de toda a xornada.

O alumnado segue aumentando o seu dominio do esquí e a súa capacidade para superar novos retos.

O cansazo segue manifestándose pero a ilusión por seguir mellorando nesta habilidade deportiva fai que todo sexa máis levadeiro. Todo se mantén dentro da normalidade!

Mañá máis..

Primeiro día na neve

Primeiro día de contacto coa neve en Andorra.  O  espertar presentouse duro polo cansazo acumulado na viaxe do día anterior, pero a ilusión por comezar a esquiar eliminou todo o negativo de erguerse ás 7h.

Almorzamos e subimos á estación de El Tarter e logo de probar a dureza de convivir coas botas de esquí, empezamos o curso cos monitores dende as 10h ata as 12h.

Transcorridas 2 horas de esquí,  a maior parte dos participantes puideron ter una experiencia positiva. Dende as 12h ata as 14h houbo esquí libre antes de xantar.

Cando aparecían os primeiros síntomas do cansazo, tocou  volver a esquiar ata as 16:45h.

A partir desa hora, todos volvimos ao autobús e a repoñer forzas para seguir mañá coa mesma ilusión.

Continuaremos informándovos.

"Atlantis: la Ciencia del Mito"

O pasado xoves 9 de xaneiro o xornalista galego  Emilio Varela impartiu unha charla para o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato no salón de actos do noso centro.

A Charla levaba por título “Atlantis: la Ciencia del Mito”, e nela se nos falou da civilización Minoica, a súa influencia  e a súa desaparición debido a una serie de catástrofes naturáis que no seu momento non se puideron predicir. Cun apasionado discurso, Emilio fixo multitude de referencias históricas, científicas, filosóficas e artísticas e mesmo relacionou o mito da desaparición da Atlántida cos desastres que está a sofrir o noso planeta, relacionados co cambio climático, coa diferencia de que estes sí se poden predicir.

Un pracer escoitalo. Sen dúbida repetiremos.

Campionato de Brilé

O  pasado decembro  o Departamento de Educación Física e en especial  a xefa do departamento, Berta Seoane, puxo en marcha un Campionato de Brilé entre alumnos dos distintos cursos de Eso e Bacharelato e o profesorado.

Os primeiros partidos celebráronse o  día 20 de decembro,  como actividade de remate de trimestre, e resultaron gañadores  alumnos de ESO.  O campionato continuará durante o segundo trimestre, durante os recreos marcados polos profesores e irémosvos informando sobre os resultados.

Moitos ánimos e sorte a todos os participantes!!

Chegada a Andorra

O alumnado do IES Río Cabe  participante na Semana Branca e o profesorado acompañante xa se atopan perfectamente acomodados no hotel Cosmos de Andorra la Vella.

Saíron o sábado ás 23.45h de Monforte e logo de cruzar toda a península de Oeste a Leste chegaron ó mediodía ao seu destino.

Entraron no hotel entorno ás 14 horas  e logo de facerse cargo dos cuartos puideron xantar en Andorra e xa ás 17.30 tiveron que recoller o material no Tarter.

Para rematar a xornada cearon no hotel e descansarán ata o luns ás 7h da mañá ,que terán que erguerse...

 Mañá máis...

Semana Branca en Andorra

O alumnado de 3º de Eso e 1º de Bacharelato partiu na noite do sábado 19 de xaneiro cara a Andorra, acompañado do seu director  e organizador da viaxe Carlos Parada, así como da xefa de estudos de nocturno, Patricia Barrientos, e a profesora do departamento de Matemáticas Iria Trebolle.

Nesta viaxe  algúns aprenderán a esquiar, outros perfeccionarán a súa técnica, e todos compartirán unha semana de experiencias e emocións intensas. Con moitas ganas e tamén algúns nervos , saíron da estación de autobuses a onde as súas familias os foron despedir.

A todos eles lles desexamos unha moi feliz semana!!

Les Sablés de Noël

As alumnas do segundo ano de Bacharelato, acompañadas de Pilar, a súa profesora de Francés, invitáronnos a degustar unhas deliciosas Sablés de Noël que elas mesmas elaboraron. A degustación tivo lugar no recreo do pasado xoves,19 de decembro.

Ademais as alumnas fixeron uns posters que colocaron á entrada do centro coa receita das pastas explicadas paso a paso, así que non queda xa  excusa para non repetir. Félicitations à tous!!

Vigo, máis aló das luces

Alumnado de nocturno do IES Río Cabe visita Vigo guiados polos seus compañeiros do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turísticas.

 

 

Nun chuvioso mércores 18 de decembro iniciamos a visita á cidade olívica na plaza de O Berbés antes de adentrarnos no Casco Vello, onde observamos a Concatedral de Vigo (comunmente coñecida como A Colexiata) e a casa torre de Ceta e Arines considerada a máis antiga da cidade e que na actualidade é a sede do Instituto Camões, xunto coa contigua casa de Pazos e Figueroa.

Ascendemos pola rúa dos Cestos, onde aínda se poden atopar dous talleres de artesáns cesteiros, para chegar á Praza da Constitución. Resguardados nos seus soportais, observamos a primeira farola alumeada con luz eléctrica en Vigo e a antiga sede do Concello.

Dirixímonos cara a Porta do Sol dende a Plaza da Princesa. Tras unha breve explicación sobre a arquitectura modernista de finais do século XIX e principios do XX, tendo como exemplos os edificios Simeón e O Moderno, dispuxemos dun tempo de lecer para desfrutar do alumeado de Nadal, pasear, tomar algo pola zona e sacar fotos co “Dinoseto”.

Continuamos o paseo baixo a chuvia polo Teatro García Barbón, obra do arquitecto Antonio Palacios, e a comercial rúa Príncipe. 

 

 

No cruce das Rúas Colón e Urzáiz, paramos para coñecer o MARCO (Museo de Arte Contemporáneo de Vigo) antes de baixar cara a Praza de Compostela, onde se sitúa o mercado de Nadal e unha noria xigante. 

Xa que a meteoroloxía non acompañou, regresamos a Monforte enchoupados... pero contentos polo tempo compartido cos compañeiros e agardando a próxima saída xuntos.

Taller de Escritura en Igualdade

Ao rematar o trimestre,o pasado 18 de decembro, xa cansos de exames, traballos, nervos, etc,  propuxemos dende o Cabe, ao alumnado de 2º BAC e 4º de ESO un taller sobre Escritura en Igualdade, impartido pola profesora e autora galega Eli Ríos.

A autora,dun xeito moi ameno, fixo reflexionar aos alumnos e alumnas sobre a escasa visibilidade que sempre  se lle deu á muller na literatura, non só galega senón tamén española e mesmo internacional, e non só como escritora senón tamén como personaxe e/ou protagonista de obras dos distintos xéneros literarios.

Ademais, e traballando en  grupos, @s alumn@s foron quen de construir pequenos relatos e de sentirse  autores das súas propias obras, que leron ao resto de compañeir@s.

Distribuir contido