Skip to Content

Xeografía e Historia

Boiro sustentable

Os alumnos e alumnas de 3º de ESO realizaron un traballo consistente na realización dunha breve reportaxe sobre algún aspecto da Xeografía (tanto física como humana) a través dunha fotografía e o comentario desta nun máximo de 120 palabras. Este ano, eliximos como tema a sustentabilidade, dentro do marco da III semana temática do centro e do ProxectoTerra. Aquí podedes ver algunha das mini-reportaxes realizadas:

 

Invasión da costa

Esta montaxe fotográfica, titulada A invasión da costa, amosa como se está a pavimentar na contorna da praia de Raposiños na Pobra do Caramiñal (A Coruña).

A contorna marítima volta a ser sacrificada a prol da industria,sen ter en conta o medioambiente. A zona xa fora impactada con anterioridade pola construción dunha fábrica conserveira en primeira liña de praia que estivo vertendo os seus refugallos ao mar. O cemento e os seres humanos continúan a lle gañar terreo á natureza (Pablo Piñeiro Insua, de 3º B).

A paisaxe do tempo

Esta fotografía, titulada A paisaxe do tempo, foi sacada dende o club náutico de Boiro localizado en Cabo de Cruz. Nun primeiro plano vense os fermosos veleiros e embarcacións de lecer flotando nun mar calmo. Ao fondo vese a historia, a historia e mais o motor do pobo: as embarcacións de madeira ou poliéster de todo tipo de cores pertencentes ás familias da zona que buscan o pan en augas ás veces non tan tranquilas como estas.

Con esta fotografía pódese ollar atrás e ver as mudanzas e transformacións ao longo do tempo, que non debemos esquecer (Pablo Gómez Sánchez, de 3º A). 

Nesta fotografía titulada A ponte que rompe o monte, obsérvase unha ponte na ría de Cespón. Esta ponte aforra moitos kilómetros aos condutores que circulan por ela, o que repercute na axilización do transporte e na mellora da calidade de vida do ser humano; porén, tamén ten consecuencias negativas sobre o medioambiente, xa que parte da estrutura invade a ría e altera a orografía do monte.

Isto debería facernos reflexionar sobre a necesidade de establecer un equilibrio entre os beneficios do desenvolvemento humano e a conservación do medio ambiente, cuxa deterioración trae consecuencias negativas para o hábitat do ser humano (Sandra Martínez Liste, de 3º B). 

 

Esta fotografía titulada Nostalxia do pasado, amosa nun primeiro plano a deterioración e abandono do peirao e o barco, como elementos tradicionais, e ao fondo a autovía do Barbanza, que simboliza o progreso. Este progreso produce unha deterioación da paisaxe e rompe a tranquilidade co intenso ruído.

Esta fotografía transmite nostalxia pola tranquilidade e vitalidade que tiña este lugar no pasado fronte ao abandono e contaminación acústica do presente (Jorge Piñeiro Bermúdez, de 3º B)

 

Esta fotografía recibe o título Un espertar galego e foi tomada a unha mañá de novembro no porto de Vilanova de Arousa. Os principais protagonistas desta imaxe son, o sol, o mar e o ceo. O sol deixa un leve reflexo no mar e xunto coas poucas nubes que se poden apreciar forma un efecto claro na parte baixa do ceo. Ao fondo da imaxe podemos apreciar unhas montañas rodeando a zona. 

A razón pola cal decidín tomar esta fotografía foi porque ás veces a beleza está nas cousas sinxelas coma un simple mencer (Sara Romero Pérez, de 3º B).

 

Esta fotografía titúlase As costas do mundo. O título é unha metáfora que se refire ao cantil coma se fose a fin do mundo. A fotografía foi tomada na illa de Madeira (Portugal).

Ao fondo, arriba do cantil, divísanse unhas casas. O cantil está cuberto de diferentes plantas. Agochada entre estas plantas, pódese apreciar unha pequena fervenza que desemboca no mar. Ao pé do cantil, atópanse sedimentos de rocha producidos pola erosión do mar.

Esta paisaxe conserva moi ben as características medioambientais naturais (Sabela Martínez Tomé e Laura Pérez López, de 3º B).

 

Nesta fotografía, titulada Nova pesca ecolóxica, tomada na desembocadura do río Douro en Porto, podemos observar o contraste entre as construcións do ser humano e a natureza.

Estes dous faros con candansúa plataforma serven para avisar aos barcos de onde está a desembocadura do río; mais impide o paso dos peixes, atrapándoos entre as dúas xigantescas plaformas. Amais diso, impide a chegada de nutrientes das augas mariñas para o río, o que provoca a morte da vexetación acuáticas e o aumento da contaminación das augas. A existencia destas dúas plataformas facilita a pesca durante o solpor e a noite, xa que adoita haber moreas de peixes atrapados no oco que separa os dous faros (Catarina Susana da Silva Lopes, de 3º B). 

 

Contaminación no monte

Esta fotografía titúlase A industria da televisión busca mercado nos bosques,

A contaminación do bosque é sen dúbida un grave problema da sociedade actual. Canto máis avanza a chanada civilización máis residuos producimos e á hora de desfacernos deles, os bosques e camiños parecen a opción máis cómoda e rápida. O alarmante é que non nos deamos conta do dano que provocan estes residuos, xa sexa o envoltorio dun caramelo ou unha televisión como a que vemos na imaxe.

Os animais poden inxerilos, magoarse e, ademais, algúns residuos conteñen tóxicos que se infiltran no terreo e que poden chegar a contaminar augas subterráneas, por non mencionar que afean a paisaxe.

Esta fotografía está tomada en Triñanes, pero en toda Galicia pdemos observar situacións parecidas (María Jacobs Sánchez, de 3º B). 

Edificio

Este edificio que se amosa na fotografía titulada O edificio sen futuro, é un tanto peculariar pois está a medio edificar por mor da actual quebra do sector da construción. 

O estado inacabado do edificio afecta negativamente tanto aos traballadores, que quedan sen traballo, como aos veciños e veciñas da zona, pois o edificio produce un forte impacto visual e é colonia de pragas de ratas e outros animais que poden transmitir doenzas (Juan López Villar, de 3º A). 

Esta fotografía de Praia Barraña, titulada Pegada ecolóxica nas nosas praias, amosa o lixo que se atopa acotío nas nosas praias, ben porque este é botado nelas directamente, ben porque é traído desde outros lugares polas correntes mariñas.

Esta contaminación é moi negativa tanto para os seres humanos como para os animais. En moitas ocasións atópanse paxaros mariños cos seus estómagos ateigados de plásticos tirados ao mar e ás praias polas persoas.

Para evitar isto, cómpre lembrar tirar sempre o lixo nos colectores e reducir o consumo de produtos non biodegradables. Tamén cómpre diferenciar o lixo das algas ou outras plantas mariñas que contribúen á conservación da costa e a area. A eliminación destas algas e plantas para ofrecer praias máis atractivas aos turistas ten un forte impacto ecolóxico (Laura Rodríguez López e Nerea Silva Dieste, de 3º A).

Abrañeira

A Abañeira é un conxunto de aldeas de Boiro. Está constituída por Teaño, Runs, Coroño, Bermo e A Feosa. Aos habitantes destas aldeas púxoselles o alcume d'os do sacho. Titulamos esta fotografía Direccións a ningures porque a Abrañeira se está a despoboar por mor da escasa rendibilidade da economía agraria, producindo a perda dun xeito de vida e a degradación do medio ambiente. Esta degradación obsérvase, por exemplo, na presencia de eucaliptos introducidos desde Australia que leva á redución da presenza do bosque autóctono galego.

A mellor medida para conservar este patrimonio é facilitar que as novas xeracións poidan vivir no campo, para que así continúen transmitindo os coñecementos ás xeracións vindeiras e mantendo vivo o lugar. Para isto deberíase posibiltar a vida rural como unha alternativa viable á urbana (Jorge Hermo Gonzále, Sabela Martínez Tomé, Pablo Piñeiro Insua e Antía Ramallo Blanco, de 3º B).

 

 pasos

Os pasares do río Coroño en Teaño, documentados na fotografía Pasos a outros mundos, son pedras colocadas para poder cruzar o río e poder acceder ás leiras sen ter que rodear o río. Lévanse utilizando moitos anos porque son moi prácticas.

A mellor medida para conservar esta estrutura é usala para evitar que sexa destruída e recompoñela en caso de que se vexa afectada ou destruída. Para que esta estrutura siga en uso cómpre que o modo de vida agrícola e a relación do ser humano co medio non se perda (Jorge Hermo González, Sabela Martínez Tomé, Pablo Piñeiro Insua e Antía Ramallo Blanco, de 3º B).

 

II Olimpíadas de Xeografía

Os alumnos e alumnas de Xeografía de 2º de bacharelato participaron por segundo ano consecutivo na fase autonómica das Olimpíadas de Xeografía organizadas pola Asociación de Geógrafos Españoles e a Faculdade de Xeografía e Historia da USC.

Os nosos representantes, María Alborés, Iris Figueira, Paula García, Sara Outeiral e Antón Sánchez Dosil, disfrutaron moito coa experiencia e ademais acadaron o segundo posto na modalidade de equipos. Moitos parabéns!!

III concurso escolar: Explica xeografía coas túas fotos

O venres, 19 de xuño, desenvolveuse na Facultade de Xeografía de Santiago de Compostela, o acto de entrega de premios autonómicos do III concurso escolar: Explica xeografía coas túas fotos, no que Lois Pimentel Iglesias, de 2º de bacharelato, foi unha das cinco persoas recoñecidas co primeiro premio. Parabéns, Lois!

 

Lois no momento de recollida do premio, explicando a súa fotografía O rural galego... á venda!. Cabo del están a presidenta autonómica da Asociación de geógrafos españoles, a presidenta do grupo de traballo de Xeografía da PAU, o xefe de departamento de Xeografía da facultade de Xeografía e Historia, e o decano da facultade. 

Lois coas outras catro persoas premiadas, dos institutos Luis Seoane (Pontevedra), colegio Alca (A Coruña) e Fernando Wirtz Suárez (A Coruña).

Re-enacting history/ Re-creando a historia

Os alumnos e alumnas de Historia do mundo contemporáneo bilingüe de 1º de bacharelato, recrearon diferente imaxes históricas, reinterpretándoas en relación coa actualidade.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Proxecto Terra 2014-2015: Descubrindo a Galicia oriental

Os alumnos e alumnas de Ciencias Sociais e Ámbito Sociolingüístico de 3º e 4º de ESO participamos por sexto ano consecutivo no ProxectoTerra.

Logo de termos traballado durante o curso no proxecto de investigación Tradicións e costumes nos barrios e parroquias de Boiro, integrado na II semana temática do centro, gozamos de dous días cheos de aventura e diversión na Serra do Courel e a Ribeira Sacra. 

O primeiro día visitamos o museo xeolóxico e o museo etnográfico de Quiroga, fomos ver unha ferrería tradicional, percorremos a paisaxe kárstica do val das mouras escapando ao feitizo das meigas sen quedarmos convertidos en árbores, bañámonos nun recuncho do río Lor e admiramos o sinclinal de Campodola, embigo do mundo hai 350 millóns de anos. 

O segundo día visitamos unha albariza tradicional, vimos sobreiras de máis de 900 anos e un fuxidío corzo entre a vexetación; divertímonos na festa da cereixa e do aceite, e relaxámonos vogando polo canón do río Sil, cinguidos polo verdor do bosque caducifolio e das viñas que desde a Idade Media foron plantadas en socalcos nas impresionantes abas graníticas do barranco.

Bilingual picnic

O alumnado e profesorado da sección bilingüe de 1º de bacharelato (Historia do mundo contemporáneo) e 3º de ESO (Tecnoloxía e Xeografía) aproveitamos o solleiro día para disfrutar dun picnic americano-galego no xardín do noso instituto. Deste xeito celebramos o fin de curso que se aproxima e despedímonos da nosa auxiliar de conversa, Lindsay Meyer.

Thank you very much, Lindsay, for being so wonderful. We will miss you greatly! 

III concurso escolar: Explica Xeografía coas túas fotos

Os alumnos e alumnas de Xeografía de 3º da ESO e 2º de bacharelato participaron no concurso Explica geografía con tus fotos organizado pola Asociación de Geógrafos Españoles (AGE). O concurso consistiu na realización dunha breve reportaxe sobre algún aspecto da Xeografía (tanto física como humana) a través dunha fotografía e o comentario desta nun máximo de 120 palabras.

O alumno Lois Pimentel, de 2º de bacharelato, foi un dos cinco gañadores da fase autonómica e clasificouse para a fase estatal. Os premios autonómicos serán entregados na Facultade de Xeografía e Historia o vindeiro 19 de xuño. Moitos parabéns, Lois, e sorte na fase estatal!

Velaquí a mini-reportaxe de Lois. Se queredes ver outras das realizadas no centro premede aquí.

Nesta montaxe fotográfica titulada O rural galego...á venda! amósase o esmorecemento do rural galego.

As migracións do campo á cidade tiveron lugar cando aumentou a poboación rural e diminuíu o emprego no sector primario a prol do secundario e terciario. Este proceso comezou entre 1900 e 1975, freou coa crise económica de 1975 e volveu comezar a finais da década dos 90. Cos novos usos actuais do espazo rural (residencial, industrial e servizos), recupéranse algunhas zonas, mais a tendencia segue a ser o despoboamento, con Galicia encabezando o abandono rural en España (1614 entidades despoboadas, segundo datos do INE de 2014).

As fotografías amosan a realidade actual de boa parte do rural galego: o abandono. É unha mágoa que esta parte de Galicia, tan importante no pasado, estea en decadencia. O noso pasado merece un futuro! (Autor: Lois Pimentel, 2º Bacharelato).

Proxecto Terra 2014-2015

Os alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO están a participar por sexto curso consecutivo no ProxectoTerra. 

O tema de investigación elixido este curso foi Costumes e tradicións nos barrios e parroquias a través da historia oral. Esta actividade foi desenvolvida nas materias de Ciencias Sociais, Lingua Galega e Ámbito-sociolingüístico e integrouse dentro do proxecto interdisciplinar da biblioteca do centro titulado Costumes e tradicións. Os resultados do traballo foron amosados ao resto da comunidade educativa do centro nunha exposición con motivo da I Semana temática do centro, dedicada aos costumes e tradicións.

Dentro do proxecto de investigación realizouse un estudo temporal (ao longo de catro xeracións) e espacial (en relación ás diferentes parroquias de Boiro) mediante a recollida de testemuñas orais, sobre diferentes costumes, tradicións e prácticas sociais no municipio: as celebracións e o lecer, o ensino, lendas e ditos, o noivado, os medios de comunicación, a vestimenta, a agricultura, e os antropónimos. Os resultados desta investigación foron expostas na biblioteca do centro en tres seccións: Voces e nomes, Historia no Faiado e Remuda de nomes. 

Remuda de nomes: A recollida de antropónimos das catro xeracións, posibilitou un estudo de evolución temporal dos nomes de homes e mulleres ao longo do tempo. Con estes nomes realizouse un eixe cronolóxico no que se podía observar unha diferenza xeracional cracterizada pola existencia maioritaria de nomes compostos e en castelán nas xeracións máis antigas, e nomes simples e curtos nas xeracións máis recentes, con aumento dos antropónimos galegos e estranxeiros. Observamos que da mostra analizada os únicos nomes que se conservan ao longo das catro xeracións son os de José e Manuel para os homes e María para as mulleres. Os visitantes da exposición deixaron tamén os seus nomes e os dos seus familiares. 

 

Historia no faiado: Nesta actividade fixemos unha recollida de obxectos que ilustrasen os temas investigados mediante as entrevistas orais. Na exposición cobraron vida de novo moreas de obxectos que estaban esquecidos en faiados, alpendres e galiñeiros, con cadansúa historia particular nun marco histórico global. 

 

 

Voces e nomes: Démoslle este título á exposición audiovisual das diferentes entrevistas realizadas a persoas de catro xeracións (os alumnos e alumnas, os pais e nais, os avós e avoas, os bisavós e bisavoas). Estas entrevistas foron recollidas nun documental e tamén se presentaron a través de paneis explicativos. 

 

 

Explica xeografías coas túas fotos

Os alumnos e alumnas de Xeografía de 3º da ESO e 2º de bacharelato participaron no concurso Explica xeografía coas túas fotos organizado pola Asociación de Geográfos Españoles (AGE). O concurso consistiu en realizar unha breve reportaxe sobre algún aspecto da Xeografía (tanto física como humana) a través dunha fotografía e o comentario desta nun máximo de 120 palabras. Aquí podedes ver as estupendas mini-reportaxes enviadas ao concurso, realizadas por Marta Folgar, Carmen Gey, Rebeca González, José Antonio Miguélez, Iván Piñeiro, Sergio Piñeiro e Lois Pimentel.

 

Esta fotografía titúlase Un novo espertar, e foi tomada unha mañá de outubro no que o sol aínda estaba espertando. O ceo era unha mestura de cores e liñas de nubes, que un pouco máis tarde marcharían para deixar un ceo totalmente despexado. Nun primeiro plano podemos apreciar unhas árbores de folla caduca que a día de hoxe están completamente espidas. Máis ao fondo podemos apreciar o mar que baña a Praia de Barraña e as montañas que rodean a zona.

Na fotografía podemos ver parte do recheo que se fixo na zona, pois antigamente o mar adentrábase máis e mesmo había unha pequena praia que desapareceu totalmente (Autora: Marta Folgar, 3º ESO).

  

Nestas fotografías podemos ver unha fervenza do río Treito no seu paso por Buhía, unha pequena aldea preto de Rianxo. Dáselle o nome de Pozo Bastón a un conxunto de catro pozas, tres delas máis superficiais e unha cuarta máis profunda que pode acadar entre tres e catro metros de profundidade no inverno.

Esta fervenza era xa coñecida na antigüidade como o acredita unha lenda asociada á mesma que fala de tres mouras atrapadas na fervenza por un meigallo.

A vexetación da zona mestura árbores autóctonas de ribeira, eucaliptos introducidos e sotobosque de fieito e brión no que destacan as carrouchas, da familia EricaceaePozo Bastón constitúe un dos atractivos do turismo rural da zona pola súa beleza e tranquilidade (Autora: Carmen Gey, 2º Bacharelato). 

 

Nestas fotografías amósase a gabarra Prima, un cargueiro que navegaba en lastre de Ucraína a Letonia e que no seu paso pola Costa da Morte embarrancou no Cabo Trece en xaneiro de 2014 por mor dun temporal marítimo. Desde aquela o cargueiro segue encallado na zona debido á súa innaccesibilidade e perigosidade.

As condicións climáticas da zona presentan perigos para o desenvolvemento de actividades humanas como a pesca e a navegación, mais serve de abrigo para a Armeria marítima, coñecida popularmente en Galicia como flor ou herba de namorar (Autora: Rebeca González, 3º ESO). 

 

 

Nesta fotografía, titulada Rochas en equilibrio, obsérvase un batolito granítico no Monte Confurco en Lousame.

O granito é unha rocha ígnea que se orixina pola lenta cristalización dos minerais no interior da codia terrestre. Está formado por cuarzo, feldespato e mica. Esta rocha vaise desintegrando progresivamente debido á meteorizacíón química do feldespato.

Tras eses procesos quedan unhas masas de granito, como a da imaxe, que por efecto da erosión mecánica producida principalmente pola auga, quedan ao descuberto, ás veces unhas por riba doutras en equilibrio, formando as chamadas pedras cabaleiras.

Esta rocha forma parte dun relevo montañoso, neste caso dos montes da Serra da Barbanza, cunha cuberta vexetal de toxo que non parece que se aproveite económicamente, dado o estado de abandono no que se atopa. Entre os toxos aparecen algúns eucaliptos, de orixe australiano e polo tanto alóctonos, que están a desprazar ás árbores autóctonas galegas e a causar un forte impacto ambiental (Autor: José Antonio Miguélez, 3º ESO).

 

Na fotografía, titulada Area do país, podemos observar o mal estado da praia de Argañán, que se atopa totalmente descoidada e cuberta de entullo procedente dunha antiga fábrica de ladrillos e tellas que foi abandonada e que actualmente se atopa en ruínas, oculta baixo matogueiras e silvas que medraron na zona.

Na fotografía amósase o pouco coidado que se tivo tanto no tempo no que a fábrica estivo en funcionamento, xa que todos os residuos eran tirados alí, como no momento do abandono da mesma. Tamén se amosa o estado de completo abandono e descoido da praia na actualidade (Autor: Iván Piñeiro, 3º ESO). 

 

 

Esta fotografía titulada A fervenza, amosa unha parte do río Brea onde a natureza ofrece unha paisaxe inesquecible en calquera época do ano.

Nesta fotografía percibimos as diferentes tonalidades que aparecen no inverno. Tamén podemos observar a velocidade e o caudal do río que aumenta nesta estación provocando fervenzas naturais favorecidas polo desnivel creado polas pedras da presa dun muíño de río cubertas de brión.

Nun segundo plano observamos a vexetación propia de ribeira, coas súas árbores caducifolias altas con sotobosque en tonos vermellos, verdes e amarelos. Tamén vemos como as pólas dalgunhas árbores caídas parecen querer frear a velocidade da auga.

Esta paisaxe transmite o paso do tempo e a velocidade coa que transcurre a vida (Autor: Sergio Piñeiro, 3º ESO).

 

  

 

Nestas fotografías amósase o esmorecemento do rural galego, co título O rural galego...á venda!

As migracións do campo á cidade tiveron lugar cando aumentou a poboación rural e diminuíu o emprego no sector primario a prol do secundario e terciario. Este proceso comezou entre 1900 e 1975, e frea coa crise. Cos novos usos actuais do espazo rural, recupéranse algunhas zonas, mais a tendencia segue sendo o despoboamento, con Galicia encabezando o abandono rural en España (1614 entidades despoboadas, segundo datos do INE de 2014).

As fotografías amosan a realidade actual de boa parte do rural galego: o abandono. É unha mágoa que esta parte de Galicia, tan importante no pasado, estea en decadencia. O noso pasado merece un futuro! (Autor: Lois Pimentel, 2º Bacharelato).

 

I Olimpíadas de Xeografía

Claudia López, Lois Pimentel, Ángela Pouso, Isabel Silva e Sara Tubío de 2º de bacharelato C e D participaron nas I Olimpíadas de Xeografía celebradas na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela. Na proba foron avaliados sobre coñecementos de toda a materia de Xeografía (xeografía física, xeografía política, xeografía económica, xeografía da poboación e urbanismo). Lois Pimentel foi un dos alumnos que conseguiron o 2º premio. Parabéns a Lois e a todo o grupo polo bo traballo!

O equipo olímpico nas cubertas da facultade de Xeografía e Historia.

Distribuir contido


by Dr. Radut