Skip to Content

Entroido 2020

22/02/2020

 

O sol acompañou ao día de festa que tivemos no centro. Por fin chegou o Entroido! Época de festa, de disfraz, de baile e de moita cor. Dez comparsas numerosas se presentaron ao concurso, e houbo gañadores de todos os niveis: 1ºESO, 3ºESO, 1ºBacharelato e Ciclo. Só catro grupos puideron levar premio, pero todos os que participaron o deberían levar xa que o fixeron estupendamente, sen excepción.

Obradoiro de cómic

19/02/2020

As mozas e mozos do club de lectura participaron no obradoiro de cómic de Fonso Barreiro no recuncho do Cómic da OMIX e Biblioteca Municipal. Os cómics e os carteis da nosa biblioteca acompañan esta mostra. Tamén aproveitaron para visitar na Casa da Cultura a exposición "Á violencia de xénero...dille NON!"

Gañador do sorteo das rifas da excursión a Polonia

14/02/2020

O número gañador do sorteo dunha noite no Gran Talasso Hotel  de Sanxenxo, e dun circuito spa no mesmo hotel, resultou ser o 4704. O número afortunado correspondeulle a Rosa María Piñeiro, de Aguiño. Ata Ribeira chegan as rapazas e rapaces que van ir a Polonia para conseguir fondos para a súa excursión. Gracias a todo o mundo que colaborou.

Gañadores da XI Olimpiada Xeolóxica

14/02/2020

O equipo de alumnas e alumnos de 1ºBac A que participou na XI Olimpiada Xeolóxica en Santiago de Compostela non puido obter mellor resultado, sendo premiados como primeiros na categoría de equipos e na categoría individual. A xincana práctica e a proba teórica  foron un éxito, destacando o excelente traballo de Laura Lojo e Laura Pego. É un orgullo para o centro o bo facer destes rapaces. Pero quizais o máis importante é a boa experiencia da que desfrutaron ese día con alumnos doutros centros aprendendo xeoloxía. Para que digan que non é divertida!

https://aepectgalicia.wordpress.com/2020/02/16/fase-galega-da-xi-olimpiada-de-xeoloxia-seguimos-batendo-records/

 

Día da muller e a nena na ciencia

11/02/2020

Este 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da muller e a nena na ciencia. Ten todo o sentido esta celebración, pois un obxectivo como equiparar o traballo de mulleres e homes na ciencia e tecnoloxía aínda non se acadou en pleno século XXI. As alumnas e alumnos da profesora Raquel, de física e química, buscaron e traballaron ao redor desas mulleres esquecidas, expoñendo o seu traballo en colaboración coa Biblioteca.

RUTA DA AUGA

26/01/2020

Despois de agardar durante o pasado outono tan chuvioso, aproveitamos un día de inverno no que saiu timidamente o sol e parou o nordés, para facer a Ruta da Auga coas rapazas e rapaces de 1º da ESO. Este curso foi unha ruta máis curta, axustándonos ao horario lectivo de mañá. Aínda así, non se perdeu a esencia da ruta, con ese obxectivo transversal baseado na auga e que seguiremos traballando nas clases.

 

 

MANUEL PORTAS FÁLANOS DE "LOURENÇO, XOGRAR"

23/01/2020

Trobadorismo, Idade Media, saber de nós, lusofonía... E o pracer por escribir! De todo isto e da súa obra Lourenço, xograr, falou onte  ao alumnado de 1º de bacharelato Manuel Portas, nunha charla ben interesante. A actividade, organizada polo departamento de Lingua Galega e o equipo de biblioteca, complementou a lectura e o traballo nas aulas.

 

DÍA DA ENXEÑARÍA

21/01/2020

Os alumnos da materia de Debuxo Técnico de 1º e 2º de Bacharelato visitaron o Campus de Ferrol o venres pasado 17 de xaneiro. Nesta visita coñeceron as instalacións das Escolas Politécnicas, así como o Museo Naval da cidade e todo isto enmarcado na celebración do Día da Enxeñaría. Aprenderon así, de primeira man, as principais liñas de estudo e traballo destas escolas e así poder elexir nun futuro seguir por este camiño.

Plan de acreditación da experiencia profesional

13/01/2020
07/02/2020

Enlace á web: http://www.edu.xunta.es/fp/plan-acreditacion-experiencia-profesional

Convocatoria Mellora o teu futuro profesional do 13 de xaneiro ao 07 de febreiro

Pon en valor a túa experiencia laboral

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional puxo en funcionamento o procedemento para recoñecer, avaliar e acreditar, con carácter oficial, as competencias profesionais adquiridas no desenvolvemento do traballo ou por outras vías non formais de aprendizaxe.

Esta acreditación busca pór en valor a experiencia laboral das galegas e dos galegos.

Queremos recoñecer os saberes adquiridos ao longo da vida co fin de facilitar a mellora no mercado laboral e a progresión persoal e profesional.

 

Acredita toda unha vida de traballo

Obterás unha acreditación oficial, con validez en todo o Estado, e un plan de formación á túa medida.

 

Acredítate!!

Folleto informativo. Convocatoria 2020

DE VIAXE POR MADRID

10/01/2020

Os alumnos de 3ºESO están estos días de excursión por Madrid. En poucos días, condensan unha chea de actividades: visita a museos, rutas literarias, parques de atraccións, asistencia a un musical,...Hoxe venres, están coñecendo a cidade de Toledo, polo que de seguro están disfrutando moito.

Distribuir contido


by Dr. Radut