Skip to Content

Eventos

Select event terms to filter by
Select event type to filter by
« Luns Marzo 06, 2017 »
Lun
Start: 06/03/2017 14:25

O próximo 9 de marzo está convocada por diferentes organizacións educativas unha folga xeral do Ensino Público, para continuar na protesta contra da LOMCE, unha lei contra a que levamos máis de cinco anos loitando, que mesmo ten acordos maioritarios de paralización no Congreso dos Deputados, pero que continúa a aplicarse por uns gobernos que non queren escoitar o que a cidadanía dixo na rúa, e tamén nas urnas.

A ANPA do IES DE PORTO DO SON, que en ningún momento deixou de denunciar unha normativa como a LOMCE, lesiva para os intereses da nosa mocidade actual e da sociedade futura en xeral, tampouco nesta ocasión ten dúbidas da conveniencia, da actualidade, nin da necesidade de apoiar pública e rotundamente todas as mobilizacións, tamén as do próximo 9 de marzo, que defendan un Ensino Público libre de normativas como a que se denuncia.

Do mesmo xeito que continuar dicindo en voz alta e moi clara que as nais e pais do alumnado público galego non queremos a LOMCE, demandamos a súa inmediata derrogación, e non aceptamos un “pacto educativo” no que non está presente toda a comunidade educativa galega, porque para nós, o noso País ten motivacións de abondo como para ter voz propia en calquera normativa que pretenda regular a nosa realidade, a nosa convivencia, a nosa educación e a nosa cultura.

Para nós, a defensa dun Ensino Público galego, inclusivo e laico, é a razón fundamental da nosa existencia, e estaremos sempre con todas aquelas persoas e organizacións que defendan con nós eses principios elementais de equidade e respecto mutuo, e loxicamente estaremos en contra de todo aquilo, e de todos aqueles, que os ataque ou os menosprece.

 

Por iso estaremos o día 9 de marzo nas rúas, e por iso animamos a todas as familias do noso concello a apoiar esta folga, para rematar coa LOMCE, para termos un Ensino Público como o que queremos e merecemos.

Distribuir contido


by Dr. Radut