Skip to Content

COÑECERSE A UN MESMO. A IMPORTANCIA DE ENFRONTARSE AO TEU OUTRO LADO

 

Despois da primeira charla no mes de xaneiro co alumnado de 1º BAC, este martes, o doutor en Filosofía Abraham Rubín, da UVigo, volveu visitar o IES Otero Pedrayo para falarlle ao alumnado de Psicoloxía de 2º BAC sobre autocoñecemento.
Explicoulle como, pasada a fase de espello (Lacan), o inconsciente proxéctase sobre outras persoas á procura de modelos e, dese xeito, vaise construíndo a identidade persoal, deixando fóra aqueles caracteres desagradables que non recoñecemos como propios e detestamos nos demais (a sombra tal e como a definiría Jung). O ponente debuxou con claridade este proceso de autoidentificación, a súa relación co mundo virtual e a necesidade de asumir na consciencia a sombra para non caermos presos da impulsividade.
Todo un privilexio para o Otero Pedrayo poder contar de novo contigo, Abraham. Grazas.
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

CHARLA INFORMATIVA ABAU

O pasado luns, o alumnado de 2º BAC asistiu a unha charla organizada polo Departamento de Orientación na que un representante da Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG) lles aclarou todas as dúbidas relacionadas co proceso de adminisión á universidade, así como as que tiñan a ver coas probas de acceso (probas ABAU). Charla produtiva e moi, moi necesaria.

 

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

DESPEDIDA DA NOSA LECTORA DE FRANCÉS

Despois de pasar o primeiro cuadrimestre no Otero Pedrayo, con moito pesar, tocounos despedir á nosa auxiliar de conversa, Salomé Martín.
Grazas, Salomé, por todo o regalado ao noso alumnado: por esas prácticas de conversa, por ser para el un modelo de corrección lingúística, por achegarlle un pouquiño máis a cultura do teu país..., pero tamén pola túa dozura, a túa adicación e o teu bo pracer. Foi unha experiencia moi enriquecedora.
 
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

OLIMPÍADA DE XEOLOXÍA

A pasada semana, alumnado de 4º ESO e 1º BAC desprazouse a Quiroga para participar nas XV Olimpíadas de Xeoloxía, que tiveron lugar no #CourelMountainsUNESCOGlobalGeopark.
Xincana con 12 probas prácticas polas rúas de Quiroga, realización dun exame, visita ao Museo Xeolóxico e ao Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana ou obradoiro de bateo de Ouro foron algunhas das actividades nas que a nosa rapazada participou, xunto con outros compañeiros e compañeiras de Lugo e Ourense.
O Otero Pedrayo felicita a todos eles/elas e, en especial, aos nosos alumnos SUNAI MARTÍNEZ ZABALA, de 1º BAC, por ese 3º posto absoluto, e a PABLO GÁNDARA, de 4º ESO, por ese accésit concedido polo xurado (4º posto).
 
 

 

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

ENTROIDO

 
Remataron as comandas da nosa parella de mecos Barbie e chegou a celebración do Entroido no IES Otero Pedrayo!
Un ano máis, os amigos e amigas do Centro Interxeracional da Farixa acompañáronnos no festexo, integrándose nas comparsas de 4º ESO, participando de xurado e tamén de público. No Otero sabemos que o traballo en conxunto é o mellor antídoto contra toda esa serie de prexuízos relacionados coa idade. Un ano máis dicimos: "Fóra idadismos!"
Pero iso non foi todo... Co obxectivo de darlle a coñecer ao alumnado as figuras do noso Entroido máis tradicional, este ano visitou o centro... un FELO de Maceda! O felo percorreu as aulas do Otero Pedrayo co seu tocar de chocas, meténdose coa rapazada e chamándoa á festa; tamén nos acompañou no desfile. Grazas á Asociación de Felos da Corga da Serra por conservar e espallar esta tradición tan rica da nosa terra.
Polo demais, moita, moita música, baile e diversión:
- Batalla de coreografías de 1º BAC, cun nivelón fóra de serie. 1º BAC A, B, C, D, E e F pelexaron polo tan prezado 1º posto nun concurso de baile que nos deixou a todos coa boca aberta...
- Na ESO non baixou o listón! Un ano máis, TODOS os grupo de todos os niveis da ESO (15, nada menos!) participaron no desfile-concurso escollendo un disfraz para a clase, unha presentación e unha coreografía, con todo o que iso implica de negociación, cesións, empatía etc. Todo un éxito que se reflectiu na pista.
- E aínda quedaba unha última sorpresa: a córeo grupal de toda a ESO máis profesorado, capitaneada por Xiana Gómez, de 2º BAC. Profes e alumnos bailando, compartindo, disfrutando e tecendo lazos máis estreitos. De verdade que foi espectacular.
Dicía Anxo Cid, profe de EF, que o mantemento das dinámicas cooperativas no centro son sinónimo de boa convivencia e bo funcionamento. Así o cremos e por ese traballo en equipo apostamos e seguiremos apostando.
Grazas Anxo, grazas Eduardo Iglesias, grazas Pablo Fernández (dpto. EF) pola perfección do voso traballo.
 
 
 
 

MOZAS NA REDE

 
 
Un ano máis e grazas ao Proxecta "Por 365 días de respecto e igualdade", o alumnado do IES Otero Pedrayo puido gozar da sempre marabillosa interpretación de Estíbaliz Veiga en "Mozas na rede", unha peza na que a actriz lle dá vida a diferentes rapazas que sufriron Gooming, un problema que, por desgraza, medra día a día na nosa sociedade.
"Mozas na rede" debería ser un espectáculo obrigatorio para a nosa rapazada; é necesario coñecer as diferentes formas de acoso nas redes para así poder recoñecelas e combatelas.
 
IES OTERO PEDRYO. ENSINO PÚBLICO ENSINO DE CALIDADE.

TERTULIAS LITERARIAS DO LICEO: AS ALUMNAS

 

Esta semana alumnas de 4° da ESO e 1 °BAC asistiron ás Tertulias do Liceo. O martes 23, celebramos unha animada Tertulia cos compañeiros do IES O Couto e o IES Ferro Couselo.

Os logros e retos dos dereitos das mulleres, a educación transformadora e a memoria foron os temas aos que nos achegou a obra As Alumnas de Paula Carballeira, premio Nacional de Teatro 2023. A autora conversou co alumnado, riu, asinou libros e mostrou a súa alegría polo encontro, na xornada do mércores 24.

Un luxo de actividade, organizada polo Concellería de Educación e a Deputación, á que lle desexamos longa vida!

 

 

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE

CONCURSO LOGOS EDLG

Velaquí as alumnas premiadas no Concurso de Logos.
Lucía, Khahy e Daniela lucían así de contentas cos seus vales para gastar en material escolar!
Parabéns
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE

O LIBRO DAS MARABILLAS

Onte, a prensa local facíase eco da fantástica presentación da tradución ao galego d´O libro das marabillas, de Marco Polo, que tivo lugar no IES Otero Pedrayo. Todo unha festa na que as persoas asistentes acudimos caracterizadas de cidadáns/ cidadás do vasto imperio mongol, na que gozamos coa magnífica presentación da tradutora, Maite Jiménez, e na que non faltou complicidade, risas e, por suposto, o espectacular viño traído directamente da corte do Gran Khan. Marabilloso o `libro das marabillas´!

 

 

IES OTERO PEDRAYO, ENSINO PÚBLICO, ENSINO DE CALIDADE

EX-PARLAMENTARIOS NO IES OTERO PEDRAYO

Co obxectivo de espallar os valores da democracia entre a xente moza (neste caso, o alumnado de 4º ESO), onte visitaron o noso centro Roberto Castro García, Pablo Xabier López Vidal e Xosé Francisco Ferreiro Abelleira, ex-parlamentarios de diferentes cores políticas. O acto comezou cunha pequena exposición de cada un relativa ao parlamento para, a continuación, darlle paso ao alumnado para que fixera as preguntas que estimara convenientes. E moitas houbo!
Esta actividade complementa a visita ao Parlamento e Xunta de Galicia dos nosos rapaces e rapazas xa fixeran en 1º ESO.

 

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.
Distribuir contido


by Dr. Radut