Skip to Content

A SENDA DAS CEGOÑAS

Grazas á asociación "Ciconia. Amigas das cegoñas", estamos a gozar no Otero Pedrayo dunha exposición na que se nos explica todo sobre elas: a súa fisionomía, onde viven, as principais ameazas , a cegoña branca en Galicia, a cegoña negra... Unha marabilla! Grazas á asociación polo préstamos.
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

ABRIL OTERIANO

DÍA DO LIBRO

Onte celebramos o Día do libro cunha chea de actividades: troco de libros, cita a cegas cun libro, fallo do concurso ao mellor marcapáxinas e, como non, lectura dos nosos libros...
 
Botádelle un ollo ao blog da Biblioteca, que foi quen organizou a xornada, e poderedes ver a memoria fotográfica. Felices lecturas!
 
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

AGROECOLOXÍA LABREGA

AGROECOLOXÍA LABREGA. UNHA ALTERNATIVA SUSTENTABLE AO PARADIGMA DE PROGRESO DO SISTEMA AGROALIMENTARIO INDUSTRIAL E GLOBAL.
O pasado xoves, Sergio Sánchez Taboada achegábase ao noso centro para falarlle ao alumnado de 1º BAC sobre a relación entre os modos de cultivo e produción alimentaria industrial capitalista e ecolóxico, ilustrando a relación entre eles e as súas consecuencias ecolóxicas (para a biosfera), económicas e de saúde (para o consumidor).

 

IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

DÍA MUNDIAL DA ARTE 23-24

Que mellor maneira de celebrar o Día da arte que cunha exposición dos nosos artistas! O alumnado de 1º BAC de Debuxo artístico, co seu profe Manuel Sánchez á fronte, deixounos abraiadxs coa marabilla de debuxos que nos presentaron. A inauguración da mostra foi esta semana e poderémola disfrutar no centro ata o mes de maio. Deixámosvos un album no que podedes ver o fantástico traballo realizado. Bravo. Parabéns á nosa rapazada!
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.
 
Álbum: CURSO 23-24 -> DÍA MUNDIAL DA ARTE 23-24

OURENSE NO TEMPO

 

O alumnado de 3º Cultura Clásica e 4º Proxecto Competencial facía unha visita guiada o pasado luns á exposición "Ourense no tempo" que, a través de 150 pezas, `explora a nosa cidade desde as súas orixes ata a actualidade, combinando obxectos de alta cultura e cotiás, obras de arte, documentación histórica, mapas e planos, recreacións virtuais, fotografías e publicacións.´
Que sorpresa levou o noso alumnado ao ver que unha desas 150 pezas pertence ao noso instituto: o home clástico fabricado nos prestixiosos talleres do médico francés Louis Auzoux a principios do século XIX. Este modelo anatómico foi mercada polo centro en 1878 e é unha auténtica obra mestra, xa que é totalmente desmontable e ten sinaladas sobre o corpo o nome de 2000 partes diferentes. Permite separar as vísceras e mostra multitude de detalles e cortes feitos con grande precisión e exactitude.
Convidámosvos a que visitedes esta magnífica exposición. De verdade que paga a pena.
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

OLIMPÍADA DE ECONOMÍA

O pasado venres, 12 de abril, 5 alumnos e alumnas do IES Otero Pedrayo desprazáronse a Lugo para participar na XIV Olimpíada Galega de Economía, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio de Economistas de Lugo, en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo.
O noso alumnado obtivo uns excelentes resultados: SARA CALVO e PABLO DOMÍNGUEZ clasificáronse para a final despois de obter, respectivamente, o 1º e 2º posto!
Parabéns aos nosos rapaces e rapazas. Parabéns ao noso Departamento de Economía.
 
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

TRANSPLANTES

O venres 5 de abril, Paula Boga, enfermeira e coordinadora de transplantes do Centro de Transplantes de Santiago, visitou o noso centro para darlle unha charla ao alumnado de 1º de Bacharelato e 3º de ESO sobre un dos orgullos patrios: o sistema de transplante de órganos español, punteiro no mundo e gratuito para toda aquela persoa que o necesite. Paula explicopulle ao noso alumnado como funciona o sistema español e animouno, cando sexa maior de idade, a que se faga doante. A charla complementouse coa testemuña dunha pesoa transplantada de ril, que nos contou como se lle produciu a enfermidade, como tivo que vivir con ela (con diálese no domicilio e logo no hospital) cunha calidade de vida pésima, e como foi o proceso do seu transplante e a mellora que experimentou na súa calidade de vida a partir del.
Unha charla moi emotiva e para reflexionar sobre a sorte que temos ao contar cun sistema nacional de saúde GRATUITO E UNIVERSAL.
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO UNIVERSAL.

INMUNOLOXÍA

 

O pasado xoves, 11 de abril, África González, catedrática de Inmunoloxía da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, visitou o noso centro para dar unha charla sobre o funcionamento do sistema inmunitario ao noso alumnado de Bioloxía de 2º de Bacharelato e 4º de ESO. Comezou contándonos como se descubriron as vacinas, principalmente a da varíola, para a continuación explicar o funcionamento do noso sistema inmune, os factores que inflúen negativamente no seu funcionamento (malnutrición, estrés, drogas...) e rematar cos últimos avances sobre inmunoterapia para tratar todo tipo de enfermidades, especialmente o cancro.
Foi unha charla moi amena, onde empezou de xeito moi básico para rematar co máis complexo. O alumnado quedou encantado coa sinxeleza coa que explicou conceptos tan complexos. Moitas grazas, África pola túa charla.
 
IES OTERO PEDRAYO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE.

 

PREMIO ANUAL OTERO PEDRAYO PARA ESTUDANTES

O pasado venres 11 de abril, na casa-museo de Trasalba, nun acto ben bonito, cargado de mooooita, moita emoción, as nosas alumnas Lucía González(categoría individual) e Celia Rodríguez, Nerea Rodríguez e Lidia Rodríguez (categoría colectiva) recollían na Fundación Otero Pedrayo os seus premios polos traballos de investigación levados a cabo arredor da figura de don Ramón.

 

Parabéns ás nosas mozas, non podemos estar máis orgullosas delas e grazas á Fundación por, unha vez máis, facernos sentir como na nosa casa.
 
 
 
 
 
IES OTERO PEDRAIO. ENSINO PÚBLICO. ENSINO DE CALIDADE
Distribuir contido


by Dr. Radut