Solicitudes de admisión para o curso 2021/22

O alumnado que desexe acceder ás ensinanzas de ESO ou Bacharelato no IES de Monterroso e que non teña praza reservada(1), debe presentar solicitude de admisión. O procedemento desenvolverase segundo o seguinte calendario de admisión.
(1)Os colexios de Monterroso e de Antas están adscritos a este centro polo tanto o seu alumnado ten dereito á reserva de praza, non precisan solicitar admisión.

Prazo de solicitude: do 1 ao 22 de marzo, ambos incluídos.

Formas de presentar a solicitude:
a) De forma electrónica a través da aplicación admisionalumnado, identificándose con Chave365 ou con certificado electrónico
b) Cubrir a solicitude manualmente e presentala asinada na secretaría do IES e Monterroso, utilizando os anexos ao remate da noticia.
Xunto a estes formularios débese presentar:
- DNI do alumno/a e dos membros da unidade familiar (cando non se autorice a súa consulta)
- Libro de familia
- Certificado de matrícula
- Sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou convenio regulador onde conste a custodia do menor, de darse o caso.
A solicitude de admisión presentada nun centro educativo poderá anularse mediante a presentación dunha nova, indicando expresamente por escrito que quedan sen efecto a/s presentada/s con anterioridade.

Presentación de documentación acreditativa dos criterios de baremación:
Só no caso de que houbera maior número de solicitudes que de prazas ofertadas, os solicitantes deberán presentar a documentación de forma presencial na secretaría do centro. No centro hai prazas libres en todos os niveis.

Prazo: do 25 de marzo ao 9 de abril, ambos incluídos.

Publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas:

Prazo: publicarase no taboleiro de anuncios do centro antes do 25 de abril.
Poderase formular reclamación no prazo de 5 días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

Publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas e non admitidas:

Prazo: publicarase no taboleiro de anuncios do centro antes do 15 de maio.

Solicitudes presentadas fóra de prazo
As instancias presentadas entre o 23 de marzo e o 18 de maio, ambos incluídos, serán consideradas fóra de prazo (Artigos 15, 34 e D.A. primeira da Orde do 12 de marzo de 2013) e perderán o seu dereito de prioridade.
Estas solicitudes enviaranse á xefatura territorial, que adoptará as medidas necesarias para asegurar a escolarización do alumnado afectado nun centro sostido con fondos públicos que dispoña de prazas vacantes.

IMPORTANTE:
1º. Cada alumna e alumno só pode presentar unha única solicitude no centro no que solicite praza en primeiro lugar. O feito de presentar máis dunha solicitude determinará a perda dos dereitos de prioridade que poidan corresponderlle.
2º. O alumnado que ten garantía de permanencia nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicalo, ao mesmo tempo, ao centro de orixe.
3º. O alumnado que ten reservada praza nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicar a renuncia á reserva antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión. A presentación de solicitude de admisión noutro centro estando vinculado por reserva poderá implicar a perda do dereito de prioridade que puidese corresponder.

ANEXOS:

- AnexoII_Solicitud de admisión

AnexoII_Solicitud de admisión_comprobación_de_datos

Convocadas probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior - 2021

Publicada a Orde do 22 de xaneiro de 2021 pola que se convocan probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo para o ano 2021.

   1- CICLOS MEDIOS 

  •  PRAZO DE INSCRICIÓN: Entre o 15 e o 26 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos   

  • REALIZACIÓN DA PROBA: 27 de Maio

   2- CICLOS SUPERIORES

  • PRAZO DE INSCRICIÓN:  Entre o 18 de febreiro  e o 03 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.

  • REALIZACIÓN DA PROBA: 15 de Abril

Máis información: 

Espectáculo de Maxia

O pasado dia 22 de decembro, como é habitual, celebramos o final do primeiro trimestre e a chegada das vacacións de Nadal cun espectáculo de maxia a cargo de Magia en el Manga.

 

Partido de voleibol

O día 22 de decembro, para rematar o trimestre, tivo lugar un partido de voleibol entre profesore/as e alumnos/as de 4º ESO, 1º BAC e a colaboración de alumnas de 2º BAC. A actividade foi organizada polo departamento de Educación Física coa colaboración do departamento de Inglés.

Entrega de premios de concursos

Hoxe día 22 foi a entrega de premios dos concursos realizados neste trimestre:

Foron convocados polo Equipo de Dinamización Lingüística coa colaboración do Grupo de Traballo da Biblioteca o departamento de L. Galega e L. E para o concurso de postais tamén colaborou o departamento de Plástica.

Podes ver algunhas imaxes da entrega de premios nos seguintes enlaces:

Concurso de postais de Nadal

O equipo de dinamización de Lingua Galega organizou un concurso de postais de Nadal coa colaboración do departamento de artes plásticas. 

 

Proxecto eTwinning

 Christmas Card Exchange 2020

 

Os alumnos de 1º de Ciclo Medio e 2º de FP Básica participan  nos módulos de “Aplicacións Ofimáticas” e “Operacións auxiliares para a configuración e a explotación”  nun proxecto eTwinning chamado  "Christmas Card Exchange 2020"

 

Neste proxecto eTwinning, os alumnos realizaron felicitacións de nadal que intercambian coas realizadas por outros centros europeos. Participan outros centros de España e doutros países como: Albania, Croacia, Eslovaquia, Finlandia, Francia, Grecia, Italia, Lituania, Malta, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Rumanía, Serbia, Turquía e Ucrania.

 

Este ano debido as circunstancias que estamos a vivir en todo o mundo, faremos o intercambio sen enviar as felicitacións. Creamos unha páxina no Twinspace para dar a coñecer o noso centro e publicar as felicitacións de nadal realizadas polos alumnos.

Actividade de Blindaxe Sport

Este mércores 18 de novembro tivo lugar ás 9:00 unha charla dirixida a Ciclo Medio e Formación Profesional Básica sobre o emprendemento. O poñente, Simón Cabarcos, da empresa Blindaxe Sport S.L. [https://www.blindaxe.com] explicou como emprendeu dende os inicios ata hoxe.

Simón Cabarcos, foi futbolista e actualmente é emprendedor. Fundou a súa empresa adicada á fabricación de proteccións de fibra de carbono hai máis de 10 anos. A idea era innovadora: Facer proteccións cómodas de fibra de carbono que ata ese momento non facía ningunha empresa.

Coñecendo o mundo do deporte e o proceso de fabricación con fibra de carbono, logrou posicionarse no sector de xeito notable. Tanto é así, que a súa pequena empresa situada en As Pontes, surte a futbolistas de primeira división e deportistas ao redor de todo o mundo sendo unha referencia galega a nivel mundial.

Os estudantes tiveron oportunidade de preguntar, a través de videochamada co poñente, as súas inquedanzas tanto sobre a empresa, o funcionamento, fabricación e cuestións relacionadas co emprendemento.

A través de este caso de éxito, os estudantes puideron coñecer de primeira man aspectos importantes a ter en conta de cara a montar unha empresa.

A actividade foi organizada a través de eduemprende [http://www.edu.xunta.gal/fp/eduemprende].

A realización de actividades por videochamada ven a tratar de suplir as dificultades de organización das mesmas neste curso no contexto da pandemia do COVID19.

TITORÍAS

Este curso as titorías coas familias faranse preferentemente non presenciais. Para elo as familias podedes chamar na hora de titorías de pais aos seguintes teléfonos do centro: 

FIXO   982 870 573 

MÓBIL 645 388 251

Podedes atopar o horario das titorías dos profesores no apartado de Nais/Pais -> Titorías

Selo de Calidade eTwinning

Aos alumnos e á profesora de 1º de Ciclo Medio e 1º de FP Básica concedéronlles o Selo de Calidade de eTwinning polo proxecto «Letras Galegas 2020 - Ricardo Carvalho Calero».

Este premio supón un recoñecemento do traballo realizado nos módulos de Aplicacións Ofimáticas e Ofimática e Arquivamento de Documentos durante o curso 2019-2020.

 

 

 

Distribuir contido