eduemprende
O espírito emprendedor é un dos motores principais da innovación, a competitividade e o crecemento da economía. Desde hai anos, observouse unha correlación positiva e sólida entre o fomento do espírito emprendedor e os resultados económicos en termos de crecemento, supervivencia de empresas, innovación, creación de emprego, cambio tecnolóxico e incremento da produtividade.
Pero o emprendemento achégalle á sociedade moito máis que iso, ao constituírse nun elemento favorecedor da cohesión social, posto que representa un vehículo de desenvolvemento persoal e ofrece a toda a poboación a oportunidade de mellorar a súa empregabilidade, independentemente do seu ámbito ou situación.
O espírito emprendedor pódese entender nun sentido amplo, como unha actitude xeral que resulta útil tanto na vida cotiá de calquera persoa como nas actividades profesionais que desenvolve, e tamén como un concepto específico de formación dirixida á creación dunha empresa, a empresarialidade.
Está demostrado que a educación e a formación contribúen á creación dunha cultura emprendedora, empezando polas idades máis temperás, ao fomentar entre o alumnado as calidades persoais que constitúen a base do espírito empresarial: a creatividade, a iniciativa, a responsabilidade, a capacidade de afrontar riscos e a autonomía persoal.
O Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia eduemprende supón unha aposta clara e firme pola implantación na comunidade educativa dos niveis non universitarios desta cultura tan necesaria para mellorar a competitividade das nosas empresas e a empregabilidade dos galegas e das galegas. Así mesmo, constitúese como o marco onde coordinar as sinerxías en materia emprendedora que actúen sobre o sistema educativo, ordenando e planificando a súa aplicación.