Escola de Cuvide

O SOLDADIÑO DE CHUMBO

     Como sabedes, o pasado xoves fomos ao teatro a Santiago. Previamente, traballáramos o conto na escola . A versión que nos ofreceu a compañía catalana SIM SALABÍN foi a través do que se chama "teatro negro" : diante dun escenario negro os actores vestidos totalmente de negro de pes a cabeza, polo que non se ven, manexan grandes bonecos que por medio dunhas luces fluorescentes adquiren unhas cores moi intensas e parecen cobrar vida propia. É unha posta en escea que resulta verdadeiramente espectacular e chea de maxia. As cancións que se suceden ao longo da obra estiveron acompañadas en directo polo guionista que tocaba o acordeón.

     Ao final houbo un coloquio no cal os nenos e nenas podían preguntar calquera cousa do seu interés e os actores respondían e descubrían os trucos dos que se valían para a posta en escea.

     Penso que disfrutaron moito e ademáis sorprendéronse  polo inusual do espectáculo.

     Como ben sabedes non asistiron nin Jorge nin Anxo polo que, pensando neles, tratei de sacar unha secuencia de fotos que captaran a unidade da obra e ao día seguinte vímolas na escola o que lles permitiu entender non só a versión do conto senón tamén que era iso do teatro negro.

     Velaí algunha secuencia acompañada dos seus debuxos.

     
     
     

     

LETRAS GALEGAS : ILUSTRACIÓNS DE "POLO LARANXAL..."

POUCO A POUCO IRÁ  APARECENDO O TRABALLO DE ILUSTRACIÓN DO POEMA "POLO LARANXAL..." DOS NENOS E NENAS DA ESCOLA DE CUVIDE

ALBA

 

 

BORJA

 

  

 

RAÚL

 

 

 

ANXO

 

 

PEDRO

 

CARLOTA

 

 

MANUEL

DÍA É DAS LETRAS GALEGAS : XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ : "POLO LARANXAL..."

   Hoxe xogamos cun poema de Xosé María Álvarez Blázquez recollido nos libros "ROSEIRA DO TEU MENCER", da editorial Xerais, e "O QUE BEN CHE QUER", da editorial OQO, ámbolos dous adicados a súa primeira filla de alcume, "Colorín"

POLO LARANXAL

TRES AVELAÍÑAS ANDAN A VOAR.

UNHA, DÚAS, TRES,

DE PRÉSA QUE VOAN, VENSE E NON SE VEN.

POLO LARANXAL

TRES AVELAÍÑAS ANDAN A CHUCHAR.

UNHA, DÚAS, TRES,

DE TANTO QUE CHUCHAN, BORRACHAS DE MEL.

CAÍDAS NO CHAN,

TRES AVELAÍÑAS POLO LARANXAL!

     Fixemoso unha pequena dramatización, un xogo de roda e máis tarde comezamos a ilustrar o poema.

POLO LARANXAL TRES AVELAÍÑAS ANDAN A VOAR

 

 

 

TRES AVELAÍÑAS ANDAN A CHUCHAR

 

BORRACHAS DE MEL, CAÍDAS NOS CHAN

 

 

Tamén sabemos polos poemas do seu pai que Colorín tiña moitos medos : a algúns animais, ao vento...., e hoxe Jorge contounos unhas historias  do "GALO PEDRÉS", que é un galo tremendo, así que entre todos e todas, xogando cos medos e con este personaxe fixemos un poema que xa volo escribiremos no libro web titulado  "O GATO CEGATO"; ademáis precisamos unha foto do galo así que mañá dareivos a máquina de fotos e a ver se lle podedes facer unhas fotiños ben xeitosas para acompañar ao poema.

 

CARREIRA POLO DÍA DAS LETRAS GALEGAS : AS MEDALLAS

O día 16 de maio imos participar todas as escolas do C.R.A.  nunha carreira na que imos gañar todos e todas porque "MOVÉMONOS POLO DEPORTE E A CULTURA"animando co noso esforzo aos escritores e escritoras  para que sigan escribindo na nosa lingua libros de contos e de poesías tan bonitos como os que temos nas nosas escolas.

     As medallas facémolas nós; logo xúntanse todas e a ver cal nos toca a cada quen. Abofé que todas serán preciosas. l

     Na nosa escola o motivo que elixiron para decoralas foi "COLORÍN", a filla de Xosé  María Álvarez Blázquez despois de escoitar esa deliciosa introducción que fai o seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo no bonito libro titulado "O QUE BEN CHE QUER" da editorial OQO, e fermosamente ilustrado pola súa irmá Berta, que é pintora . Chamáronlle Colorín por ter o caboelo loiro, os ollos azuis e as fazulas vermellas e ademáis chegou a cabalo dun airiño soave.

     Velaí as nosas medallas :

  

 

 

 

AS ESTRELAS VIVEN NA NOITE E ALBA ROMPE O DÍA

    Frecuentemente nas aulas atopámonos con diversos problemas de audición e linguaxe para os que Mariña, a especialista, presta un gran apoio cun enfoque da problemática, na miña opinión moi axeitado e que eu  comparto ao cen por cen : non existen nenos problemas senón problemas que teñen determinados nenos ou nenas  aos que se lles da un tratamento lúdico do que participamos todos e todas.

     Onte o xogo ía encamiñado á discriminación auditiva das distintas vogais e a súa correcta pronunciación en concreto á diferenciación do son do e e do a.

     Traía un libro "Rimas con letra" de Gloria Sánchez e abríndoo pola rima do e preguntou :

    - Coñededes este libro? (Risas) Siiii , ese é o embigo de Vicente.

    - Home... coñecémolo de sobra dixo Anxo .

    -E esta letra?

    - Coñecémolas todas!, volveu dicir Anxo cuns olliños luminosos, mirada cómplice e sorriso picarón.

     E claro, e que as letras preséntanse nas palabras sen permiso, todas xuntas e así ímolas coñecendo pero de cando en vez facémoslle un pequeno homenaxe a cada unha delas e  entre outras cousas acudimos ao libro "Rimas con letra" para disfrutar das súas  propostas, amplialas e ás veces  tamén para criticar algún aspecto cun sentido rexoubeiro como cando a rima do u di :

 Uú  -  Uú

                             un moucho vai en autobús.

                              ...........................................

e a ilustración nolo presenta en moto. Rebélanse, aí non vai en autobús profe, que vai en moto.  Pero que é isto?, digo eu,  esta ilustradora... está un pouco despistada. E é que os nenos e nenas non pasan unha, así que ilustradores e ilustradoras poñede máis atención porque nas escolas hai unha crítica moi rigorosa.

     Ben, pois despois de disfrutar coa rima e de participar no xogo, Mariña quixo contarnos un conto que falaba dunha estrela pero xa non foi posible.

     Á pregunta de sabedes onde están as estrelas? sucederon unha serie de intervencións cargadas de lirismo en medio do bulicio.

- "AS ESTRELAS VIVEN NA NOITE" (RAÚL)

- "SI, E ALBA ROMPE O DÍA, E CANDO O SOL VAI TRABALLAR A LÚA TENSE QUE DEITAR" (ANXO).

- "E RAÚL ABRE A NOITE" (ALBA)

Esta intervención de Alba producíu un segundo de desconcerto antes de darme conta de que o dicía porque cando xogamos cos nomes RAÚL lido ao revés di LUAR, e facíalles gracia escoitar que RAÚL tiña unha RA que croaba no LUAR e que LUAR era unha noite de LÚA , así que claro, RAÚL ABRE A NOITE.

     En fin, que cando os nenos e nenas están enfariñados, rebozados e cociñados en poesía de cando en vez e cando menos o esperas deixan escorregar a súa salsa, destilan lirismo, e así acabou a hora con Mariña e nese estado tan poético e bulicioso, que ás veces van da man,   dispuxémonos a seguir co regalo para O DÍA DA NAI, que non vou desvelar porque aínda non chegou o día e malia que seguramente ao saír da escola xa non aguantaran máis sen decirlle que era, naquel momento devanábanse os sesos pensando onde o ían agochar e que lles ían dicir.

CARLOTA : "Eu voulle dicir a miña nai : mamá, vas limpar estes días, antes do día 4, do domingo, do día da nai, debaixo da cama?. E se me dí que non, o deixo alí e se me di que sí o meto nun caixón ou noutro sitio onde non o vexa".

RAÚL : "Eu tamén, debaixo da cama"

ANXO: "Eu tamén, debaixo da cama"

PEDRO : "Pofe, mía, eu vouno esconde debaixo da pama".

ALBA : "Eu debaixo da almohada".

     En fin, xa sabedes onde non podedes facer limpeza nin mirar estes días.

 

 

UN FERMOSO POEMA VISUAL

     Era moi cedo hoxe cando cheguei á escola; tiña cousas pendientes que facer antes de que chegaran os nenos e nenas. Había moito silencio. Como ven sucedendo todos estes días, disfruto moito nada máis chegar observando o pequeno xardín e a fachada da escola. Está tan bonito...!

     Pero hoxe sentín como unha descarga eléctrica, un intenso calafrío percorreu o meu corpo e unha profunda emoción embargoume cando subindo as escaleiras do porche vexo unha flor colocada con coidado na pechadura da porta.

      Todo un fermoso poema visual; non habería mellor forma de reiniciar ese soño cargado de esperanza.

     Inmediatamente agolpáronseme imaxes e sensacións : 24 de abril, case 25 de abril data moi sinalada; o 25 de abril de 1974, Portugal viviu unha revolución incruenta : "A revolución dos caraveis", onde os militares colocaron nos canóns dos seus fusiles esta flor, un feito simbólico, as flores contra a violencia fascista  e o fin da dictadura.

     Logo , mesturado co anterior viñéronme a mente eses versos tan significativos dun  poema de Antonio Machado :

 "Caminante no hay camino

se hace camino al andar.

Al andar se hace camino

y al volver la vista atrás

se ve la senda que nunca

se ha de volver a pisar".

     Inmediatamente quixen recoller ese instante para eternizalo cunha foto e ofrecela no portal para disfrute de todos e de todas.

     Subinme a unha nube e compartín a alegría coas familias, cos nenos e nenas e tamén con Tobías que achegouse á escola a media mañá.

     Tiñamos tantas cousas que facer hoxe :

    - Contacontos

    - Representación plástica

    - Unha salina,

pero este acontecemento estivo presente en todo momento. Falámolo ao principio e pregunteilles se lles parecía bonito que nos puxeran unha flor na pechadura da porta e dixeron que sí e que seguramente os que fixeran mal  lerían os seus carteis. Díxenlles que sí  e que ao mellor tamén visitaran a páxina que temos en Internet e alí verían o seu traballo e o das súas familias e pensarían que así estaba mellor todo, que era máis bonito respectar e coidar que destrozar.

     Inviteilles a facer un cartel de agradecemento e na hora da merenda, mentres estaban sentados comendo, eu ía anotando ideas no encerado.

     Ao final quedaron reducidas a tres :  

     - QUERÉMOSVOS MOITO POR POÑER A FLOR

        NA PECHADURA DA PORTA (ALBA)         

    - COIDADE A NATUREZA CON NÓS (TODOS)

     - INVITÁMOSVOS A NOSA ESCOLA A PLANTAR 

        ÁRBORES (MOTIVADA POR MIN)

     A medida que ían rematando de  merendar, recollían, lavaban os dentes e viñan a facer o cartel.

  

      A media mañá chegou Tobías a facerlles unha proba de linguaxe aos máis pequenos e o cartel e os artiluxos de pintar pasaron ao porche.

 

     Ao final fixemos unha foto de grupo con Tobías, aínda que non están todos porque algúns preferían estar xogando .

     Logo Tobías sacoume outra a min co grupo

     Mirade, temos unhas pequenas árbores nunhas xardiñeiras nacidas das sementes que plantaron os nenos e nenas alá por novembro e que xa están pedindo monte.

     Non sei se leredes esta páxina pero se o facedes, de corazón vos invito a que nos axudedes a buscar e limpar un anaquiño de monte preto da escola e a vir con nós a plantalas.

     De verdade que non hai nin odio nin rencor; hai unha inmensa alegría que nos gustaría compartir con vós.

 

 

 

 

 

 

 

SEMANA POLA ACCIÓN MUNDIAL POLA EDUCACIÓN 2

Entre as actividades que estamos levando a cabo apoiando a Semana de Acción Mundial pola Educación onte limos o conto titulado "O HOMIÑO DE PAPEL", de Fernando Alonso; un boneco que unha nena aburrida de xogar cos xoguetes decide facer con papel de xornal. O boneco quere facela feliz a ela e aos seus amigos pero cando deixan de xogar e se poñen a falar el só sabe contar historias de guerras, catástrofes e miserias e os nenos e nenas póñense moi tristes; decide lavarse pero entón non ten nada que ofrecer así que adentrándose no campo vai empapándose de colores, sonidos e palabras novas e solidarias facendo felices aos nenos así que todas as mañás moi temprano decide regar os xornais con toda aquela alegría. É un pequeno poema á fermosura e aos valores que non aparecen nos titulares de prensa.

     Para ilustrar o contido do conto e para que observaran distintas condicións de vida nos distintos lugares da terra levei recortes de prensa e un libro "Pueblos de la Tierra", onde observamos as duras condicións de vida da extracción e transporte de sal nas impresionantes salinas de Manaure na fronteira de Colombia e Venezuela.

 

 

As  salinas impactáronlles tanto que lles propuxen que trouxeran sal e faríamos unha. Hoxe Carlota trouxo sal. Mellor tería sido pedirlles auga de mar para que fora máis real; outro día lla pedirei.

     Tamén vimos unha vivenda construida nun claro da selava ecuatoriana e observamos o contraste entre as casas das barriadas de Lima, onde a xente non ten traballo e as casas da xente rica, facéndolles pensar se aquilo lles parecía xusto.

 

Vimos tamén nenos traballando, no mercado, vendendo froita, ou no campo cun arado de tracción humana que non sabían o que era. Anxo dixo que agora se fai co tractor cando eu lles expliquei que era para facer sucos na terra e plantar millo.

  

Por último vimos unhas fotos dunhas vivendas pobremente construídas dos mineiros en Bolivia, o seu duro e perigoso traballo e o boneco disfrazado de demo que colocan na entrada da mina como protección.

  

 

Ao final todos e todas fixeron un boneco en papel de xornal e algúns tamén en folios ; hainos brancos, marróns e negros; témolos esperando para entrar nesa gran escola que temos pensado facer.

 

Nueva capa...

FIXEMOS A SALINA

             

OS HOMIÑOS DE PAPEL ESPERANDO POR UNHA ESCOLA QUE OS ACOLLA A TODOS

 

SEMANA POLA ACCIÓN MUNDIAL POLA EDUCACIÓN

    Hoxe sumámonos a outras escolas en pedir que todos os nenos e nenas do mundo teñan unha escola de calidade, na que haxa, como dixeron eles, plantas, libros de contos, xoguetes, puzzles...., onde aprendamos a xogar, a debuxar, a falar en baixo, a non pelexar....

     A través dun conto suramericano moi bonito titulado "O PEIXE QUE NON QUERÍA IR A ESCOLA" démonos conta do importante que que é ir  e aprender a ler porque fixádevos, nese conto había un peixe chamado TRIS que en lugar de ir ao cole andaba a pasear por todo  canto recuncho do río había, e un burro xa velliño, chamado ORELLAS, que como non podía traballar dedicábase a pescar dende unha vella ponte.  Pescaba e pescaba e os peixes moi preocupado decidiron poñer un cartel no que dicía :

ATENCIÓN !

AQUÍ PESCA ORRELLAS!

NON COMADES NINGÚN VERME !

     O burro Orellas non entendía porqué agora xa non pescaba nada, e é que os peixiños sabían ler e non comían o verme do anzó, pero TRIS, a piques estivo de ser pescado porque non sabía que querían dicir aquelas letras e menos mal que cando ía comer o verme do anzó a vella ponte esnaquizouse e ORELLAS foi parar ao río e comprendeu a razón de porqué non pescaba, porque ainda que burro, no seu tempo fora á escola e aprendera a ler.

     Non pensedes que afogou : os peixiños decidiron  axudalo e propuxéronlle que para non aburrirse fora visitalos todos os días e intercambiaríanse historias da terra e do río.

     O conto gustounos moito e aquí tendes as fotos dos debuxiños que fixemos e do mural do peixe que non quería ir a escola.

 

Aquí vemos a Borja facendo o debuxo do mural  do conto e logo aos nenos e nenas colorando e pegando os peixes o cartel de aviso e as palabras do título do conto

 

 

Logo saímos co mural a facernos unha foto diante do xardín e diante da fachada

 

Agora xa o temos nun dos taboleiros de entrada para lembrarnos do impportante que é ir á escola e aprender entre outras cousas a ler.

 

O SÁBADO COÑECIMOS A ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

A MIN FÍXOME  DÚAS ADICATORIAS: UNHA NO POEMA QUE ILUSTREI E OUTRA NO LIBRO QUE MERQUEI. ANXO

 MARÍA : AS ADICATORIAS FORON MOI BONITAS?

"HOME, COMO EL É ARTÍSTICO, NON MAS VAI A FACER FEAS, VAIMAS FACER CHULAS". ANXO

 

A MIN ESCRIBIUME  NO LIBRO. PEDRO

NÓS TAMÉN FACEMOS POEMAS

    Miña naiciña!, hoxe ao chegar á escola tiñamos unha mesa cheíña de libros de Antonio García Teijeiro. (Xa vos poñerei a foto para que a vexades; hoxe non podo porque me quedou a máquina na escola).

     Sabedes? Había un libro titulado "Aloumiños", que tiña un poema que lle dedicamos a Borja , porque era como unha canción de berce e é que Borja está moi contento porque hai uns días enterouse de que vai ter un irmanciño; tamén llo adicamos a Pedro porque xa a ten, e a todos e a todas nós porque ainda que non teñamos irmáns pequenos tamén  nos gustan os bebés.

"DURME, MENIÑO FERMOSO

QUE TE ESTÁ CHAMANDO O SONO

DURMETE, MEU QUERIDIÑO

PECHA TRANQUILO OS TEUS OLLOS.

DURME, LUCEIRO DA ALBA

QUE O TEU PAI CHEGA DO MAR.

DÚRMETE, MEU QUERIDIÑO.

¡HAILLE QUE DAR DE CEAR!

Había outro libro titulado "Trazos, trozos e retrincos", que tiña trabalinguas moi difíciles de pronunciar. Hai que practicar moito para que saian, pero son moi divertidos.

     En fin, de todos eles limos ao longo destes días alomenos un poema e claro, xa imos tomando carrreiriña e os poemas vánnos saíndo axiña.

     Velaí, collendo prestados os primeiros versos das cinco estrofas  do poema de "AS CATRO ESTACIÓNS" fomos  armando un poema de moita risa.

Aquí o tendes :

TRÚA DÚA TRIPE TRAPO

POLA RÚA

ANDA UN GATO.

TERA PERA SERA LERA

VAI COMENDO

UNHA PERA.

TAN TARANTÁN TARANTÁN

VAI DETRÁS

O CAPITÁN.

TON TORONTÓN TORONTONO

VAI TAMÉN

O TÍO MANOLO.

TERNO CUTERNO TERNÓN

LEVA POSTO

UN CAMISÓN (ou tamén)

UN MANDILÓN.

    Que vos parece.? Probade vós a facer outra. Seguro que García Teijeiro estará encantado de prestarnos os seus versos para que xoguemos con eles.

     Acordádevos de Frederick?, das cousas que levaba para a súa casiña para cando chegaran os fríos días do inverno?

     Pois Carlota dixo:

   "EU LEVARÍA PARA MIÑA CASIÑA

       O OLOR DAS FLORES BRANQUIÑAS". 

  E noutro momento, facendo un debuxo do conto que hoxe saíu votado "OS TRES PORQUIÑOS", nos enganchamos con esa palabra tan difícil TRES e cando eu estaba dicindo que se en lugar do E levara un A diría    TRAS, e se levara un I, diría TRIS. Entón Carlota, que hoxe se sentía chea de ideas, con moita vivacidade interrompe e di : "XA SEI PROFE, XA SEI FACER OUTRA POESÍA".

- A ver.

- Mira :

TRAS

TRES

TRIS

TROS

TRUS

AZOUTIÑAS

NOS TEUS CUS.

En fin, como vedes, a poesía revoa por todas partes e fai a súa aparición onde menos o esperas.

     Só lamentar que unha vez máis non puidemos ver os traballos e as recomendacións poéticas que nos fan os nenos e nenas de Cruceiro porque na nosa escola seguimos tendo problemas no acceso a Internet, así que as familias que teñan acceso na casa ou posibilidades de acceder na casa dalgún amigo ou familiar facédeo en compañía dos nenos porque é bonito ver os traballos que se fan nas outras escolas así como ler os comentarios que nos fan aos nosos.

     Non vos esquezades de ler moita poesía e de visitar á biblioteca o sábado.

Distribuir contido