Escola de Cuvide

Visita da profesora Marta e de Tobías

 Escola de Cuvide

Xogo das Pantasmas coa profesora Marta e a profesora María

Hoxe viñeron á nosa escola a profesora Marta e o profesor Tobías. Contáronnos que a profesora Belén está un pouco enferma. A profesora Marta virá á nosa escola todos os venres ata que volva Belén, faceremos xogos e contaranos contos.

Ao principio estivemos con Marta os maiores: Anxo, Carlota e Pedro. Cando viñeron os pequenos fixemos coa profesora María varios xogos:

  • Eu chámome e pícame: Carlota dicía "Eu chámome Carlota e pícame o nariz", Pedro que estaba ao lado dicía "Esta nena chámase Carlota e pícalle o nariz, ¡raña!, ¡raña!, e eu chámome Pedro e pícame o pé", e así seguía o xogo.
  • As pantasmas: Era moi emocionante, pois tíñamos que apagar as luces, e a aula quedaba a escuras. A profesora María era unha pantasma que dicía vogais: a, o, a, e, cando dicía a vogal "i", tiñamos que correr para a alfombra, senón a pantasma collianos.

Pasamolo moi ben, como hoxe era venres tamén fixemos xogos e actividades cos contos para levar á casa.

   Escola de Cuvide

AS FIGURAS XEOMÉTRICAS : O TRIÁNGULO. CONTO : "O TRIÁNGULO DA IMAXINACIÓN... PARA DARVOS A SOLUCIÓN"

Na nosa aula, na aula de Educación Infantil hai unha caixa de madeira na que viven unhas figuras tamén de madeira que se chaman "os bloques lóxicos".

     Un día no que estaba eu contando o conto de "CIRCULIÑO NA NEVE" e outro día no que estaba contando o conto de "AZULÍN, O CADRADO AZUL", aquela caixa non quedara ben cerrada, tiña unha fendiña así é que un dos personaxes que alí vivía e que non era nin o círculo nin o cadrado estaba moi entretido, moi atento escoitando o conto, e cando os nenos marcharon para casa, saíu da caixa e con cara de poucos amigos miroume e dixo :

     - SEI QUE EU NON TEÑO UN CONTO!

     Eu quedeime mirándoo un pouco abraiada porque non o tiña pero a verdade  é que comprendía a súa inquedanza e lle dixen :

     - NON TE ENFADES HOME, QUE PENSAREI UN CONTO PARA TI.

     Así foi como escribín este conto que se titula : "O TRIÁNGULO DA IMAXINACIÓN... PARA DARVOS A SOLUCIÓN".

          Carlota despois de escoitalo e lembrando que na pancarta das Letras Galegas fixeramos recomendacións dixo :

     "PROFE, EU VOU RECOMENDAR ESTE CONTO". Para min foi unha satisfacción enorme e díxenlle que este conto non estaba nas librerías porque o fixera eu, pero mira ti por donde que Internet nos proporciona a posibilidade de acceder a el sen ter que mercalo. Ogallá vos guste e vos dea solución a algún problema que teñades como llela deu aos personaxes do conto e tamén a nós: andabamos na procura de facer unha escola moi grande que albergara a todos os nenos e nenas do mundo así é que os triángulos que coloraron os nenos e nenas convertéronse no tellado desa escola.

     A fachada estámola facendo con ladrillos que son como pezas dun crebacabezas cheas de color e de palabras bonitas :

     

     Os nenos e nenas de todas as cores, negros, brancos, marróns, estaban colocados nun taboleiro de porixpán esperando por esa escola. Tiñámolos feito hai xa un tempo, cando traballamos  na  "Semana pola acción mundial pola educación" así que fóronnos collendo e levando a ela.

     Aínda non  a rematamos porque é unha escola moi grande pero o triángulo portouse.

     A ver se son capaz de enviarvos o conto en arquivo adxunto para que poidades velo e escoitalo. Ogallá vos guste.

   Non me deixa envialo neste envío porque excede o tamaño así que intentarei envialo noutro envío co título "O TRIÁNGULO DA IMAXINACIÓN... PARA DARVOS A SOLUCIÓN" ARQUIVO ADXUNTO .

VOLVEMOS ÁS ANDADAS

A ESCOLA DE CUVIDE

ESTÁ MOI MOI CONTENTA,

PORQUE HABÍA UNHA FLOR

NA PECHADURA DA PORTA.

Esta copla fixerámola para cantar nos maios o día da Carreira polas Letras Galegas.

     Desgraciadamente este luns alguén volveu facer das súas : sacou as plantas das xardiñeiras e dixounas tiradas no porche; outras quedaron nas propias xardiñeiras levantadas e xa irrecuperables.

     Non se pode entender este facer dano así porque sí, sen qque haxa unha razón que o poida xustificar.

Ogallá non se volva a repetir este tipo de comportamento e poidamos seguir identificándonos co sentir da copla.

"OS CUCOS POLO PIÑEIRAL"

OS CUCOS POLO PIÑEIRAL

POLO PIÑEIRAL

ANDAN TRES CUCOS

A CUCAR E CUCAR :

CU CU, CU CU

BUAAA , BUAAA...!

NON CHORES MÁIS

COLORÍN

DURME O TEU SONO

DE ROSA

E XAZMÍN

AUTORES/AS : CÉSAR, MANUEL, PEDRO, ANXO, CARLOTA, ALBA, RAÚL, MARÍA.

 Hoxe na asamblea de comezo de clase fixemos unha lembranza do que foi o día de  onte , o día da carreira polas Letras Galegas. Cando lles dicía que a escola de Vacariza presentara ao personaxe homenaxeado e lera un poema e cantara un fragmento dunha canción que a súa vez era outro poema de Álvarez Blázquez, tiña sinalados ámbolos dous no libro de "Roseira do teu mencer" cun marcapáxinas no que había unha foto dun eucaliptal.

     Despois de recitarllas de novo preguntáronme :

     -Que é iso?

     - Un marcapáxinas que ten moitas árbores que se chaman eucaliptos. Como asociación de ideas inmediatamente se me veu á cabeza o poema de "POLO LARANXAL" e pregunteilles :

     -Lembrades o que era un laranxal?

Sen pensalo dúas veces lanzáronse a recitalo pois sábenno de memoria.

     Ao rematar, insistín na pregunta. Non o sabían dicir moi ben, confundían a árbore co colectivo da mesma. Entón aproveitei a ocasión para ir formando os colectivos de diversas árbores :

     De laranxeira........... laranxal

     De eucalipto ............ eucaliptal

     De piñeiro ................ piñeiral

(Quería ir creando un ambiente axeitado para a creación dun poema que tivera como personaxes o piñeiral, o cuco e Colorín).

Sabedes como se chaman uns paxariños que viven nos piñeirais e que cantan : cu cu, cu cu

- Siii, o cuco

Lembrades que a Colorín lle gustaban moito os animaliños e ao mesmo tempo a asustaban?

- Siii

Queredes que fagamos un poema co piñeiral, os cucos e Colorín ?

- Siii

-Pois vamos, eu vou ir escribindo os versos que vaian saindo no veleda.

POLO PIÑEIRAL

 -quen andaban por alí?

- os cucos

ANDAN TRES CUCOS

- como fan ?

-cu cu, cu cu

- Pois iso chámase cucar así que..

A CUCAR E CUCAR :

CU CU, CU CU

Mirade, Colorín que vivía alí ao lado e estaba dormidiña, que pensades que lle pasou ?

- que espertou chorand

-como facía?

BUAA,  BUAA ... !

- Que lle diría o seu pai?

- NON CHORES MÁIS

  COLORÍN (ALBA)

-Claro, seguramente lle diría que durmira tranquila e non soñara máis con animais, que soñara con flores bonitas.

- Siiii...!

- DURME O TEU SONO (EU)

- De flores (os nenos)

- Sí pero mirade como se titula este libro "Roseira do teu mencer". A que flor se refire roseira?

- Á rosa

Ben

DE ROSA

E agora vouvos dicir nomes de  flores que temos no noso xardín e vós ídesme dicir se algún deles rima con Colorín.

- Petunias.  -Nooon!

-Azaleas    -Nooon!

...................

- Xazmín (Silencio)

- Xazmín rima con Colorín ?

- Siiii!

E XAZMÍN.

Pois xa temos o último verso.

Linllo completo e puxéronse contentísimos e aínda que non todos participaron, todos e todas sentíronse donos e donas da súa autoría e os medianos e os maiores quixéronno ilustrar en DIN A 3 así que as ilustracións non as puiden escanear tívenas que fotografar.

     
     

 

Mentres ían ilustrando eu ía escribindo o poema no encerado e dinme conta de que non tiña título.

Que título lle poñemos

ANXO : "OS CUCOS POLO PIÑEIRAL"

Os dous maiores que asistiron hoxe á escola copiaron o poema nun folio.

Así quedou todo

   
   

 

       

O POEMA COPIADO DO ENCERADO QUEDOU ASÍ

 

 

 

 

 

    

DÍA DAS LETRAS GALEGAS : A CARREIRA E OS MAIOS

Como o venres 16 choveu,  tivémos que aprazar acelebración para onte, xoves 22 de maio. Participaban con nós os nenos e nenas de 1º de Primaria do colexio Brea Segade que formaron parte do alumnado do noso C.R.A. 

CHEGAMOS COAS NOSAS PANCARTAS

 

ACOMODÁMONOS NO MONTE XUNTO ÁS OUTRAS ESCOLAS PARA VER AS CARREIRAS DOS DISTINTOS NIVEIS.

A

 

FIXEMOS A CARREIRA MOI REQUETEBÉN.

 

CANTAMOS AS COPLAS E ADORNAMOS O MAIO COAS GRILANDAS.

 

RECIBIMOS AS MERECIDAS MEDALLAS, TAN BONITAS...,FEITAS POLOS NOSOS COMPAÑEIROS E COMPAÑEIRAS.

 

ALGUNHAS FAMILIAS E ALGUNHAS PROFES TAMÉN PARTICIPAMOS NA CARREIRA E POR ISO RECIBIMOS UN MERECIDO DIPLOMA.

MIÑA NAICIÑA, QUE FAME TIÑAMOS!

POR FIN COMEMOS: FIAMBRE CON PAN E UNHAS DELICIOSAS TORTILLAS E BISCOITOS FEITOS CON OVOS DA CASA COAS QUE NOS AGASALLARON AS FAMILIAS. ESTABA TODO RIQUÍSIMO.

PASAMOS UN DÍA MOI BONITO.

 

 

LETRAS GALEGAS : MAIOS; COPLAS E GRILANDAS

    Ademáis de celebrar os maios poñendo os ramos nas portas das casas falamos de que tamén o iamos celebrar todo o C.R.A. facendo un maio grande en Campomaneiro. Todas as escolas fariamos unha grilanda e o día da carreira adornariámolo ao mesmo tempo que camtabamos as coplas feitas nas escolas. A música sería a da saia da Carolina.

     Todas as escolas cantarían dúas coplas unha común e outra propia.

     Estivemos pensando en algo moi bonito que nos pasara e que nos gustaría compartir e así quedou a nosa cantadela :

EIQUÍ VEN O MAIO

DISPOSTO A CONTAR

AS COUSAS QUE PASAN

E AS QUE HAN DE PASAR

E AS QUE HAN DE PASAR

E AS QUE HAN DE PASAR

EIQUÍ VEN O MAIO

DISPOSTO A CONTAR 

    A ESCOLA DE CUVIDE

    ESTÁ MOI MOI MOI CONTENTA

    PORQUE HABÍA UNHA FLOR

    NA PECHADURA DA PORTA 

 

O ano pasado fixemos unhas grilandas moi bonitas con pampillos ; axudáronnos as familias pero este ano como sempre estaba chovendo pensei que non ía ser posible facelas con flores naturais e Sol a profe de Cruceiro díxome unha forma moi bonita de facelas, con plásticos de cores e palliñas de refresco, así que puxémonos mans á obra 

   

 

Quedounos moi bonita. Graciñas Sol por darnos a idea.

LETRAS GALEGAS : OS MAIOS; "O MAIO DURMIÑÓN"

    Este mes levamos falando, xogando e facendo moitas cousas relacionadas cos maios. Vimos que era unha festa que celebraba o espertar da Natureza, a chegada da primavera e das flores. Falamos de que aquí en Taragoña e Rianxo celebrábase poñendo un ramo nas portas das casas para que non entraran as bruxas.

-"Pero iso son tonterías,  non é certo, verdá profe ?"dixo Anxo

- "Tampouco é certo a bruxa regañadentes", dixo Carlota

-"Claro, son contos,  non vai entrar ningunha bruxa na nosa casa se non poñemos o ramo pero é bonito conservar esa tradición e xogar con ela, non?

     As flores utilízanse para moitas cousas fermosas :

  • para regalar
  • para casar
  • para adornar....

     Tamén podemos facer un xogo que se chama "O MAIO DURMIÑÓN":

Un neno cunha flor na fronte é o maio; está anicado no medio do corro durmindo e o resto cantámoslle:

ÉRGUETE MAIO

QUE TANTO DURMICHES

PASOU O INVERNO

E TI NON O VICHES 

             ÉRGUETE MAIO

      QUE TANTO DURMICHES,

      QUE XA SOMOS MENOS

      E TI NON SENTICHES.          

   

 

     Mentres cantamos as coplas unha persoa do corro ten que se agochar e ao rematar de cantar o maio ten que descubrir quen falta. Se o descubre pasa a ser O MAIO DURMIÑÓN.

LETRAS GALEGAS : A PANCARTA

     A pancarta que fixemos para levar á CARREIRA POLO DÍA DAS LETRAS GALEGAS era un panel de recomendacións de libros de contos e poemas. Nenos e nenas elixen na biblioteca un ou máis libros que lles gusten, debuxan as súas portadas, danlle color e as pegan na bandeira galega. Logo debúxanse a sí mesmos e colócanse detrás para que   nenos e nenas das outras escolas vexan cales son os libros recomendados. Van colocados por ámbolos dous lados da pancarta.

  Vímolo  facendo tódolos anos así. Penso que é unha bonita maneira de honrar este día , difundindo os libros de contos e poemas cos que disfrutamos na escola.

     
     

Os títulos seleccionados foron :

ROSEIRA DO TEU MENCER

FREDERICK

NADARÍN

GAROTO BUSCA UNHA ESTRELA

PACO PAPÁN

CORRE CORRE, CABACIÑA

OS TRES BANDIDOS

TITIRITESA

A BRUXA REGAÑADENTES

CHOCOLATA

XAIME E AS LANDRAS

RITA

CATARINA E O OSO

SOLDADIÑO DE CHUMBO

TITIRITESA

QUEN BEN CHE QUER

Descubrides a ilustración de cada conto?

VISITA DE PROTECCIÓN CIVIL Á ESCOLA

   Hoxe estiveron os membros de Protección Civil na nosa escola. Dani e Manuel aprendéronos cousas moi importantes para que saibamos como temos que comportarnos en caso de que houbera un incencio: saír sen nada nas mans, amodiño, en fila e agachadiños para poder respirar mellor porque o fume vai para arriba, a profe diante e ao chegar a fóra tennos que contar por se quedou algún dentro e hai que chamar a un número moi importante : o 112

 

 

Tamén puxemos os cascos : os de apagar o lume na cidade o os de apagar o lume no monte; os primeiros son máis pesados.

Mirade que guapos e guapas estamos. Jorge estaba un pouquiño temeroso e non quixo probalos.

     
     

Logo saímos anicadiños e fomos apagar un lume "de mentira", é o que se chama un "simulacro" de incendio.

     
     

Aprendemos moitas cousas e pasámolos moi ben.

COLORÍN E O GALO PEDRÉS

Hai uns días Jorge falounos de que os seus avós tiñan un galo que era moi malo porque pitucaba a todo o mundo. Pregunteille como se chamaba e dixo que era o galo Pedrés. Póñoo con maiúscula porque pensei que ese era o seu nome; despois entereime de que pedrés é un tipo de galo moi elegante, de plumas brancas e negras.

      Andabamos aqueles días lendo poemas de Xosé Mª Alvarez Blázquez e un falaba dos medos de Colorín, a súa filla, que a espertaban chorando : o vento, os paxaros...

     Moitos dos poemas que Xosé Mª fixo para a súa filla falan de animais : o año pitaño, a cabuxa luxa, o gato cegato, o coello vello, o galo ralo, a galiña Tiña, o vilorico de longo pico....

     De seguro que a Colorín malia terlles medo gustábanlle moito os animaliños así que aproveitando a intervención de Jorge dixen :

     Seguramente a Colorín gustaríalle visitar ao galo pedrés pero como Jorge di que é tan malo... que pensades que lle diría o seu pai cando ela quixera ir  velo ? E aquí foi nacendo o seguinte poema :

 

COLORÍN  E  O  GALO  PEDRÉS

COLORÍN,

NON VAIAS

ONDA O GALO

PEDRÉS,

QUE CHE PITUCA

NO CÚ

E NOS PÉS.

Bonito, verdade?

Para que vexades o elegante que é o galo pedrés de Jorge a súa mamá fíxolle unhas fotos que aquí vos mando e a ver se noutro momento tamén ilustramos este poema.

   
   

Distribuir contido