2017/2018

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

 Como cada ano, desde a Consellería foméntase novembro como o Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas.
 
 
    Este ano a científica encargada da redacción do manifesto que nos chega desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares é a matermática Pregrina Quintela Estévez, Premio "María Joséfa Wonenburger Planells"  no ano 2016.  Co seu texto fai fincapé na presencia da ciencia no noso día a día e no futuro que está por vir:
 
"A precisión dos reloxos, o funcionamento dos microondas, a obtención de novos tecidos, os sistemas de transporte cómodos, seguros e rápidos, os trebellos que viches no hospital que mesmo parecía que estabas nunha nave espacial, ou o foguete da atracción son só un pequeno reflexo do que os científicos e cientídicas ao longo de moitas xeracións fixeron por todos nós." 

 

 

O MAGOSTO (3/11/2017)

Estamos no tempo das castañas e dos magostos e no colexio non íamos a ser menos.

 
 

    Nesta actividade, a biblioteca tamén estivo presente a través do alumnado de infantil que nos contou "A castaña e o verme", unha pequena historia que estiveron traballando durante estes días e que xa podedes intuir quen ten como protagonista.

Non deixedes de vela!
 
 

SAMAÍN (31/10/2017)

    Para conmemorar esta data, desde a biblioteca propuxemos varias actividades:
 
   Comezamos por ambientar o corredor principal cunha exposición de lecturas temáticas e outra de cabazas e obxectos terroríficos.
 
     Despois de varias convocatorias, o certame de creación literaria para o alumnado de 3º a 6º de Primaria estase a converter nunha actividade moi demandada. Neste certame, dámoslle ao alumnado o  principio  dun  libro  para  que  eles  reinventen  a  historia; este  ano  os  libros  propostos  foron  A superheroína supersónica de Mireira Canals para 3º e 4º de Primaria e O zombi de Enric Lluch para 5º e 6º.
    Pola tarde, os gañadores do certame de creación literaria foron os protagonistas das Lecturas de medo lendo as súas historias ao resto do alumnado.
 
 
 
   Ademais nestas lecturas de medo, participaron tamén os nenos de Educación Infantil contándolle ao resto do alumnado o conto  Corre, corre cabaciña de Eva Mejuto e André Letria.

EXCURSIÓN A SANTIAGO (30 / 10 / 2017)

    A nosa excursión comezou coa asistencia á ópera Guillermo Tell de Rossini adaptada para o público infantil, unha adaptación da compañía La baldulfa.

     Este concerto enmárcase dentro das Actividades Didácticas propostas polo Concello de Santiago no Auditorio de Galicia para centros escolares de toda Galicia. Nesta ocasión coincidimos con 18 centros máis polo que o Auditorio estaba tan cheo que algúns dos nosos alumnos tiveron a sorte de ver a representación desde os palcos.

  

 

 

    Despois da ópera, foi o tempo de comer e xogar un pouco no parque da Universidade antes de dirixirnos ao Parlamento de Galicia. Alí, no Salón dos Reis, recibiunos Raquel Arias, veciña nosa e Secretaria da Mesa do Parlamento.

Despois percorrimos o resto do edificio visitando as súas bibliotecas

 

as salas dos diferentes grupos parlamentarios que compoñen o goberno de Galicia

 


a sala das Letras Galegas

 e, como non, o hemiciclo onde o noso alumnado puido sentarse no sitio dos

Deputados e Deputadas do goberno; incluso Raquel, que voltou a despedirnos, cedeunos o seu sitio.

 

Ao rematar a visita, cada neno recibiu un libro do Parlamento e un despegable para que non nos olvidemos de todo o aprendido nesta visita; e para a biblioteca tamén uns exemplares dos discursos parlamentarios dalgúns dos presidentes de Galicia

   

Queremos agradecer a Raquel o seu interese constante polo noso centro e mandarlle unha aperta moi forte!

GALERÍA  DE  IMAXES

CORRE, CORRE CABACIÑA (31/10/2017)

    O alumnado de infantil, estivo a traballar o samaín co libro Corre, corre cabaciña de Eva Mejuto e André Letria.

   Os máis pequenos gozaron coa lectura do conto e fixeronnos un mural moi fermoso que loce así de ben no corredor.
 
   Ademais eles mesmos foron os encargardos de contarnos esta historia nas lecturas de medo da biblioteca, e cantarnos a canción do mesmo.
 

O SOLDADIÑO DE CHUMBO (25/10/2017)

    Os máis cativos do colexio: os alumnos e alumnas de Educación Infantil A, están descubrindo o pracer da lectura a través da biblioteca.
 
    Estes días estiveron a traballar co conto O soldadiño de chumbo do que temos dúas edicións diferentes.
  
Nestas imaxes podedes ver a manualidade que fixeron como recordo desta historia.
 

DÍA DA BIBLIOTECA (24/10/2017)

   Xa chegou o Día da Biblioteca e estamos a facer todas as actividades que tiñamos preparadas para conmemorar esta data:

Pimeiro presentamos o cartel de Xosé Tomás co lema escollido este ano pola Consellería
de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o vídeo que fixemos para mostrar algunhas
das posibilidades que nos ofrece baseándonos no texto da Asesoría de Bibliotecas Escolares
 
  Tamén fixemos unha sesión de fotos que nos lembra a importancia deste día e da lectura.

 

 

     Para rematar as actividades de hoxe, fomos de visita á Biblioteca Pública Municipal onde nos recibiron Julia Fernández Garza, a bibliotecaria, e Luis Fernández Guitián, o alcalde.

 

Julia explicounos moitas cousiñas, entre elas os diferentes fondos que podemos encontrar na BPM

Luis leu para o noso alumnado "Como Mary Poppins pero sin volar" o pregón que Alejandro Palomas (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2016) escribiu para a Asociación Española de de Amigos del Libro Infantil y Juvenil.

     Pola tarde, os máis cativos do colexio tamén tiveron unha sesión de formación de usuarios con contacontos incluído.

NOVO ESPAZO DE LECTURA (5/10)

   Grazas ao IES A Pinguela que é o noso instituto de referencia contamos cun novo espazo de lectura no corredor principal do colexio; ao ladiño da nosa biblioteca.
 
   Eles doáronnos dúas mesas. Nunha temos os últimos números das revistas e do xornal ao que estamos subscritos e na outra os libros da Biblioteca que recollen as actividades levadas a cabo en candaseu curso escolar: encontros, actividades, novas, reseñas xornalísticas...
 
   Este novo espazo está sendo un éxito entre o noso alumnado!
Moitas grazas á biblioteca de A Pinguela polo agasallo!!

APRENDER A PENSAR COA BIBLIOTECA ESCOLAR (Texto: Asesoría Bibliotecas Escolares)

 

    "Aprender a pensar coa biblioteca escolar" é o lema escollido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para as bibliotecas do PLAMBE durante o curso 2017/2018.
 
    O encargado de ilustrar este lema foi Xosé Tomás profesor de inglés no CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) quen debuxou a biblioteca escolar como un espazo que acolla a todos e todas e que teña a capacidade de "abducir" as persoas usuarias, de trasladalas a situacións gratas de aprendizaxe. 
 
    Unha biblioteca escolar supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, para "aprender a pensar".
 
   APRENDER A PENSAR a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. 
 
    APRENDER A PENSAR co cine e coa música. 
 
   APRENDER A PENSAR a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas. 
 
   APRENDER A PENSAR baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos  para desenvolver o pensamento complexo. 
 
   APRENDER A PENSAR nas clases, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio. 
 

  A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir. 

Texto orixinal: Asesoría Bibliotecas Escolares de Galicia

 

Distribuir contido