2017/2018

EXCURSIÓN A GUNDIVÓS E CEIP A GÁNDARA (25/5/2018)

   Organizamos esta excursión grazas á colaboración de dúas familias do colexio: Noelia e Diego, pais de Héctor e Darío, convidáronnos á súa granxa e Elías, pai de Germán e Martín, invitounos ao seu centro oleiro.
 
   A visita comezou na Pena de Gundivós onde Noelia e Diego faláronlle ao noso alumnado da súa gandería Casa da Escola na que teñen gando porcino e ovino. Unha gandería semiextensiva xa que o gando está en liberdade pero eles proporciónanlles o alimento necesario.
 
  Faláronlle de moitos aspectos relacionados coa cría e mantemento dos animais, da importancia do medio ambiente, do respecto aos animais e a natureza, dos problemas aos que se enfrontan e da importancia de esforzarse para acadar o que nos propoñemos.

  Tamén houbo tempo para achegarse a algúns dos animais; desde as cerdas máis grandes ata os máis tenros cordeiriños.

 
 
MOITAS  GRAZAS  POLAS  VOSAS  ENSINANZAS  E  POLO  VOSO  TEMPO!!
 
   Desde a granxa dirixímonos ao Centro Oleiro de Gundivós onde nos esperaba Elías. Este centro encóntrase na Casa Rectoral desta parroquia, un edificio do século XVIII que él transformou nun centro de interpretación da cerámica.
 
    A visita comezou no espazo destinado ao museo onde puidemos ver pezas pensadas para a cociña, a bodega, as matanzas... e outras de máis de 300 anos. Tamén visitamos unha cociña tradicional co seu pote, as alacenas, os bancos...
 
 
    Despois pasamos á parte práctica no patio da casa. Alí, co barro típico da zona e nun torno baixo e manual, Elías fixo para nós un xarro de Gundivós coa súa barriga, as súas orellas, os seus bigotes  e ata un par de ollos.
 
  Co xarro feito, explicounos as seguintes fases: secado, cocido, cor e impermeabilizado con resina de pino que se aplica unha vez que a peza está cocida e afumada pero aínda quente para que a calor a poida derretir.
 
GRAZAS  POR  COMPARTIR  CON  NÓS  ESTA  RIQUEZA  PATRIMONIAL!!

   A excursión rematou cunha convivencia co alumnado do CEIP A Gándara de Monforte, onde houbo tempo para encontrarnos con ex-alumnos do noso colexio e para coñecer a súa biblioteca.

CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS (16/5/2018)

   A Escola de Música de Sober organiza cada ano un concerto para conmemorar o Día das Letras Galegas. 
 
     Neste concerto a parte musical vai a cargo da Escola de Música, o Coro Berea, o Coro Infantil e o alumnado de Música e movemento.
 
 
   A parte relacionada coas letras, organízaa a Biblioteca Pública Municipal co noso alumnado que participou recitando textos de María Victoria Moreno entre cada actuación musical.
 
 
 MOITAS  GRAZAS  Á  ESCOLA  DE  MÚSICA  E  A BIBLIOTECA  PÚBLICA  MUNICIPAL
POR  CONTAR  CO  NOSO  ALUMNADO!!

XORNADA DE CONVIVENCIA CEIP PLURILINGÜE SANTO ESTEVO DE PARGA (16/5/2018)

    O alumnado do CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga estivo o día 16 de maio de excursión no noso concello, coñecendo a nosa contorna.
 
 
   Unha das paradas fixéronna no colexio para levar a cabo unha pequena convivencia entre centros e, por suposto, bibliotecas do PLAMBE.
 
   De recordo desta visita, tiñamos preparados uns puntos de lectura conmemorativos.
 
   Para coñecer máis sobre a súa biblioteca, podedes visitar O fogar do Papalibros:
http://ofogardopapalibros.blogspot.com.es/
 

CONTOS A PÉ DE RÚA (24/04/2018)

    Para seguir conmemorando o Día do Libro, hoxe tivemos no centro unha xornada de animación á lectura que veu da man do Concello de Sober a través do programa Cultura no camiño.
 
    Caxoto de A trastenda dos contos foi o protagonista de Contos a pé de rúa. Un espectáculo moi divertido no que o alumnado o pasou de marabilla con este señor da limpeza e personaxes de contos populares que se xuntaron para darlle unha sorpresa ao lobo polo seu aniversario, ratas que viven na copa das árbores e grilos cantores.
 

APADRIÑAMENTOS LECTORES POLO DÍA DO LIBRO (23/4/2018)

    Unha das actividades preferidas do noso alumnado, é a dos apadriñamentos lectores que realizamos para conmemorar o Día do Libro.
      
       Nesta actividade, os biblioaxudantes organízanse en cinco grupos que se reparten polo colexio con candanseu libro para lerlles ao resto do alumnado que tamén dividido en 5 grupos, vai percorrendo a senda dos libros:

    Na biblioteca estaban Héctor, Laura Melinda e Aitana contando Quiero una mamá robot de Davide Cali (Ed. Laberinto) para o que elaboraron os seus propios títeres.

 

   No escenario do Salón de Actos Verónica e Laura Rodríguez, esperábannos co libro Chafarís de Xoán Neira e Ánxeles Ferrer (Ed. Émbora) para recitar varios dos seus poemas.

 

   Ao chegar ao comedor Uxía, Gisela e Manuel estaban dispostos a engaiolarnos coa intelixencia dos  Chibos, chibóns narrada por Olalla González (Ed. Kalandraka).

 

   A seguinte parada era no exterior do colexio, onde Francesca, Henry e Ángel recordáronnos a través do libro Nicolás va a la biblioteca, todo o que podemos facer nela. Este libro con pictogramas está escrito pola Asociación de Tratamento do Autismo (Ed. Kalandraka)

 

   No parque infantil Mara, Mateo e Laura Gómez (substituíndo a Loïc que non puido asistir), representaron O emociante día de Piti o Caracol de Sandrine Lhomme (Baía Edicións).


  Pablo, Brais, Adrián, Xoán e Valentina, foron os encargados de rematar a actividade explicando a orixe do día do libro e lendo o texto de Fran Alonso.
 

UN CONTO DE H. C. ANDERSEN EN CÓMIC

   Para conmemorar o Día do Libro Infantil, a OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil) convocou o concurso "Un conto de H. C. Andersen en cómic".
Cartel de Reinis Petersons
 
     O traballo que representará a nosa biblioteca a través da biblioteca municipal é unha adapatación do conto O traxe novo do emperador feita por Laura Gómez, Mara López e Aitana C. Rodríguez nas clases de ilustración e debuxo de Iria Iglesias.

ENCONTROS PLAMBE 2018

    No Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, celebráronse os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia nos que nos xuntamos os representantes das 700 bibliotecas escolares dos centros PLAMBE.
  Nesta ocasión a Asesoría de Bibliotecas Escolares contou por terceira vez co noso centro para expor o noso traballo na parte referida a "Biblioteca, espazo creativo de aprendizaxes" onde participamos coa presentación Da biblioteca tradicional á bibloteca do século XXI. Evolución da biblioteca escolar de Sober que podedes consultar a continuación.

    Con esta presentación resumimos o proceso de incorporación de novos espazos, novos proxectos, novas linguaxes e novas metodoloxías á nosa biblioteca a través dos proxectos da Asesoría de Bibliotecas Escolares; convertindo unha biblioteca que tiña como actividade principal o préstamo  de libros e a consulta de enciclopedias nunha biblioteca na que se traballa con robótica e impresión 3D e conta co seu propio laboratorio de radio.

     Persoalmente, como responsable do Equipo de Biblioteca do cole, quero dar as grazas a todos os que nos apoiades no traballo diario: ao alumnado, ás familias, a Julia, ao Concello, á Asesoría de Bibliotecas por contar con nós, aos bibliotecarios de Lemos Le e, por suposto, aos meus compañeiros que me din a todo que si.

Unha honra representarvos a todos e darlle visibilidade ao noso traballo ante mestres de toda Galicia!

7ª SEMANA ESCOLAR DA ÁRBORE E DA AUGA

   Esta semana estamos conmemorando a Semana Escolar da Árbore e da Auga.

Unha das actividades é que o alumnado de Primaria adique a Hora de Ler a facer unha lectura colectiva dos libros que nos enviaron desde a Deputación de Lugo para esta data: A invención do salgueiro de Xose A. Perozo e Viki Berre.

    Hoxe, como é o último día da semana, levaranno para as súas casas para compartir a lectura coas súa familias.

ROSALÍA SEMPRE VIVA

 
     Catro dos nosos alumnos representaron hoxe ao centro no IV Certame de poesía "Rosalía sempre viva" que se celebrou en Outeiro de Rei, na Casa - Museo Manuel María.
 
 
    Na primeira categoría participaron Brais e Valentina e na segunda Laura Gómez e Laura Rodríguez.
 
 
     Deste certame, os nosos representantes viñeron cun diploma acreditativo da súa participación e unha nova experiencia e os profesores, moi orgullosos dos seus recitados xa que foron quen de controlar os seus nervios e recitar os seus poemas sen dubidar diante de todo o público e dun xurado especializado que non perdía detalle.
NORABOA  AOS  CATRO!!

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Uxía (9/3/2018)

    Hoxe estivo con nós Helena, a nai de Uxía, para contarnos Farmer Duck de Martín Waddell e Helen Oxenbury
 
 A historia dun pato moi traballador na granxa dun home moi folgazán; e de como os animais que nela viven argallan un plan para solucionalo.
 
   Foi un rato moi divertido e participativo xa que o noso alumnado facía as onomatopeias dos animais da granxa cando Helena o indicaba. Así se puideron escoitar na biblioteca cows, sheep and chicken.
 
    Ademais a súa colaboración coa biblioteca non quedou nesta narración senón que os nenos e nenas de 5º e 6º puideron facerlle unha entrevista en inglés en Radiuvín.
 

Distribuir contido