Os cambios comportamentais no neno

Os cambios comportamentais nos nenos son debidos a situacións que están a vivir. Poden ser cambios no seu ambiente máis próximo como o nacemento dun irmán, a separación dos pais, a inserción laboral dun dos pais, o cambio de domicilio e/ou de colexio ou a morte dun ser querido. Estes cambios inciden no neno de maneira emocional, facendo que aparezan condutas que antes non se daban. Falar a situación co neno, adaptándonos ó seu nivel de comprensión, e tratando a situación como algo natural será imprescindible para que supere estes cambios.

 

Sen embargo, ás veces estes comportamentos non semellan estar asociados a ningunha causa emocional. Poden ser as chamadas crises da idade. No desenvolvemento evolutivo do neno, é normal que en ocasións se produzan cambios de comportamento como condutas desobedientes, de oposición e desafiantes. Todos os nenos pasan crises a determinadas idades. Estas crises prodúcense por cambios debidos á evolución e desenvolvemento psicofisiolóxico do neno. É un estado temporal de certa desorganización caracterizado pola dificultade do menor para abordar as situacións novas. Son positivas xa que son necesarias para que o neno poida desenvolverse, crecer e madurar.

 

Algunhas pautas para o tratamento destas condutas son:

  • Adicar tempo ó neno pois as condutas disruptivas soen ser chamadas de atención cara o adulto. Facerlle saber que o queremos, proporcionarlle confianza e tranquilidade é fundamental para superar os cambios.
  • Establecer un vínculo afectivo de comunicación. Transmitirlle ó neno a seguridade necesaria para que poida contarnos o que lle está a pasar.
  • Ter paciencia e abordar a situación con tranquilidade. Non activar ó neno coa nosa conduta (non berrar nin ser agresivos).
  • Ignorar calquera conduta inaxeitada. Como dixemos, estas condutas soen ser reclamos da nosa atención. Se lle facemos caso estaremos a reforzar ditas condutas xa que o neno aprenderá que desobedecendo ou chorando gañará a nosa atención.
  • Recompensar o bo comportamento. Aproveitar calquera boa conduta para reforzala positivamente. Os reforzos non teñen por qué ser materiais. Ás veces un bico, unha aperta, unha palabra cariñosa ou pasar tempo con eles son o mellor premio.