Xestionando as emocións

Uníndonos á programación do P.D.I do CEIP Manuel Sueiro, neste curso escolar 2020-2021 os alumnos e alumnas de Relixión Evanxélica e de Relixión Católica, traballaron as emocións, conxuntamente, ao longo do segundo trimestre.

Aproveitando o Día Internacional da Muller, comezaron realizando un debuxo dunha muller importante nas súas vidas reflectindo tanto a alegría como a importancia da amizade, o amor, a protección e reflexionando sobre o gran esforzo e traballo que realizan esas mulleres tan importantes na súa traxectoria vital.

Con motivo da celebración do Día do Pai, seguiron cunha manualidade para felicitar aos seus familiares. Traballamos as emocións da alegría e do amor, pero tamén a tristeza dalgúns alumnos e alumnas que non teñen aos seus pais preto por diferentes razóns.

Por último, coincidindo cunha data importante para os cristiáns como é a Semana Santa, e seguindo o relato Bíblico da morte e resurrección de Cristo, mediante a visualización dun vídeo analizamos as emocións da amizade cando os discípulos acompañan a Xesús no xardín de Getsemaní, o medo e ira no arresto de Xesús e, ao final do relato, a alegría da resurrección de Xesús e como se mostra o amor de Deus cara aos homes nestes sucesos. Para iso, ao finalizar o vídeo se lle repartiu unha fotocopia con diversas preguntas sobre o mesmo, e ao final desas preguntas, tiña noutras relacionadas cos sentimentos e emocións que espertaron neles o que viviu Xesús ao longo desa semana, algo que puideron expresar tanto de maneira escrita como de maneira oral ao resto dos seus compañeiros e compañeiras.

Foi un trimestre cheo de emocións, de achegamento e coñecemento duns a outros, tanto para o alumnado coma para os mestres, así como de tentar aprender a xestionar as emocións que nos afectan en todos os ámbitos da nosa vida cotiá.