Skip to Content

Lingua Galega

III Premio de teatro Roberto Vidal Bolaño

José Luís Baños de Cós é o gañador da terceira edición do premio literario Roberto Vidal Bolaño. Este é convocado polo noso centro. A súa coordinadora é a docente do departamento de Lingua e Literatura Galegas, Raquel Castro Martínez, alén de te-la colaboración do coordenador do Contrato Programa de Teatro do noso IES, Delio García Represas, tamén profesor de Lingua Galega e Literatura.

De estardes interesadas en ler máis sobre esta noticia, hai unha entrada na páxina inicial da web do IES Ribeira do Louro.

 

Ponte nas Ondas

O próximo 27 de marzo de 2020 imos participar no Ponte nas Ondas, na xornada de radio que se vai celebrar en Ponteareas. Alí, unha delegación de 1eiro da ESO irá a explicar o traballo que se está a realizar durante este curso académico ao redor do río Louro e os seus afluentes.

Resultado de imaxes para: ponte nas ondas

Contacontos nos CEIPs

O alumnado de Oratoria, materia de 1eiro da ESO, puxo en práctica os coñecementos adquiridos na aula sobre lectura dramática fóra do noso centro. Fomos visitar os CEIPs da contorna para lerlles uns contos ás pequenas e pequenos de infantil. Estivemos no Antonio Palacios o 11 de febreiro e no Ribeira, unha semana despois.

Lémoslles tres contos: Con Tango son tres, Teño Medo! e Os bolechas e o castelo encantado. Co primeiro, achegámonos a outros modelos de familia que existen na nosa sociedade; co segundo, as nenas e nenos aprenden a superar os seus medos; e, finalmente, co último visitamos distintas localizacións do noso concello, O Porriño.

Despois da lectura, propuxémonos elaborar unha manualidade relacionada co contido dos contos. Foi unha experiencia moi divertida, aínda que difícil. As máis pequen@s non son un público fácil!

Esperamos que elas e eles o pasasen tan ben coma nós.

Proxecto Ríos

Durante o primeiro trimestre, parte do alumnado de 1eiro da ESO participou no proxecto de Erasmus LivingRivers coa recollida de microtoponimia que bordease diferentes afluentes do río Louro e beiras dese mesmo río. O requisito de escolla é que se situasen nos concellos do Porriño e Mos, localidades do noso estudantado.

Este foi un traballo con diferentes fases. En primeiro lugar, as estudantes tiveron que investigar cal era o río ou afluente que tiñan máis preto das súas residencias. Deste modo, pasaron a coñecer unha pequena parte da inmensa riqueza hídrica que ten a nosa contorna.

Unha vez determinada a área de traballo, aprendemos a usar os mapas con información catastral. E, finalmente, coñecemos como se debe realizar un traballo de recollida toponímica: a localización dos espazos de interese, a escolla da persoa informante adecuada e a gravación da entrevista que nos daría a información que precisamos.

Foi un traballo moi completo con un interesante resultado que podedes consultar na foto que acompaña este artigo e no doc anexo a este.

Mais aínda non acabou o noso traballo dentro deste proxecto...

Distribuir contido

Iniciar sesión

  Biblioteca           



by Dr. Radut