Skip to Content

Lingua Galega

25N: unha xornada para a reflexión

 

Este ano volveu participar o alumnado de Oratoria no encontro que o noso centro organizou para reivindicar a finalización de todas as violencias contra a muller.

Dende o departamento de Filosofía e Vicedirección, coordinouse un acto conxunto de todos os centros sociais da contorna de Torneiros: o noso instituto, os dous colexios públicos de primaria, ACEESCA e o Centro de Día para persoas maiores.

Fixemos unha lectura en voz alta onde propuñamos reflexionar sobre os diferentes tipos de violencias que o xénreo feminino padece polo feito de sermos mulleres e a necesidade de romper con esta dinámica tóxica para o conxunto da sociedade.

Porque, ante a violencia de xénero, só podemos dicir: TOLERANCIA CERO!

PRESÉNTASE A SOMBRA DAS ÁRBORES DE ANA ABAD DE LARRIVA

O Centro Cultural do Porriño acolle a saída do prelo na Editorial Galaxia da peza gañadora do II Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño do IES Ribeira do Louro.

O Porriño. 14.XI.2019. EDL IES Ribeira do Louro

O Pasado mércores 13 de novembro, tivo lugar no Centro Cultural do Porriño a presentación da publicación de A sombra das árbores, obra premiada no IIº Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño, organizado pola Editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro, o cal conta co patrocinio do Concello do Porriño.

No acto participaron ademais da antedita autora, a concelleira de Cultura do Concello do Porriño, Lourdes Moure, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, quen puxo en valor a calidade literaria da preza dramática, a necesidade de certames coma o Vidal Bolaño, pensado para cubrir un oco na creación literaria teatral para o alumnado de secundaria, cunha dotación económica que o converte agora nunha oferta aínda máis atractiva para @s dramaturg@s.

A presentación foi encerrada por Raquel Castro, secretaria do xurado que seleccionara  a peza gañadora, a cal fixo unha recensión baseada na aposta innovadora, no proceso novidoso inzado de sensiblidade poética inserida en A sombra das árbores. Unha peza teatral aberta e diferente, que parte do corpo para xerar o traballo coas imaxes e cos textos e non dunha concepción mental previa de personaxes definidas. Finalmente, a autora do libro, a dramaturga debutante, Ana Abad de Larriva, agradeceu novamente o premio ao xurado, a acollida por parte dos organizadores e resaltou que a peza é na realidade un camiño nun escenario simbólico poboado por un bosque de sombras que é o espazo que habitamos. Unha reflexión orixinal e novidosa sobre nós.

Curso formativo para o proxecto LivingRivers

 

O mércores 30 de outubro veu visitar o noso centro o arquitecto Ceferino Castro Martínez. Reuniuse co alumnado de 1eiro da ESO que está a traballar dentro do programa LivingRiver.

Dentro deste proxecto, o noso departamento de Lingua e Literatura Galega ocúpase da sección de traballo cultural e etnográfico. Á súa vez, subdivimos o noso programa de actuación en tres niveis: recollida de microtoponimia de zonas ribeiráns do río Miño e afluentes, rexistro de patrimonio material relacionado co aproveitamento destas vías de auga e, finalmente, achega ó patrimonio inmaterial vencellado con esta mesma temática.

Para desenvolver a pescuda toponímica, era necesario que o estudantado tivese competencias de traballo con mapas. Esa foi a finalidade da visita de Ceferino Castro. Nunha sesión explicoulle ó noso alumnado que plataformas da rede deberían usar, como localizarse nos mapas e como descargar as zonas de interese. Foi unha xornada moi clarificadora para as/os nosas estudantes e por iso lle estamos moi agradecidas pola súa axuda imprescindible.

VÍCTOR F. FREIXANES FÁLANOS DO LIBRO "UNHA DUCIA DE GALEGOS"

O Presidente da Real Academia Galega mantivo un encontro na Biblioteca co alumnado de 2ºBACH para falar do libro de entrevistas "Unha ducia de galegos", unha obra mítica que leron os nosos estudantes este ano e que lles causou unha fonda impresión, aínda que non maior ca a de escoitar ao noso extraordinario orador.

Distribuir contido

Iniciar sesión

  Biblioteca           



by Dr. Radut