Animación á lectura

O xinete das árbores

O 8 de maio contamos coa presenza do maxistral contacontos de Chantada, Anxo Moure, que trouxo ao noso centro o espectáculo “O xinete das árbores” co que puxo de manifesto o seu amor e defensa dos bosques galegos.

Anxo transformouse nun home-árbore, un ser humano “boscoso”, un xinete das árbores, un carballo coas vellas botas da antiga fábrica ourensá dos calzados Mosquera, fuxindo dos incendios forestais que este verán asolaron terras da montaña de Ourense, para que as nenas e nenos lle axudaran a cabalgar de novo a lomos dos carballos, dos teixos e as aciñeiras, dos buxos e as sobreiras, para salvar os bosques, que son a esperanza do seu futuro, o aire para respirar.

O obxectivo principal era que as nenas e nenos coñeceran o nome das árbores e a súa importancia, a través de contos, lendas, poesías, música e imaxes para sentilas como as súas “irmauciñas” (según contaba o escritor ourensán Otero Pedrayo) emparentándoas coas árbores da sua cidade.

Todo o alumnado participante na actividade quedou con gañas de seguir escoitando as historias deste gran contacontos…

… esperamos que volva pronto a visitarnos!!

María Victoria Moreno (2018)

A escritora María Victoria Moreno Márquez, filla de Vicente, militar, e Sara, mestra, naceu na cidade cacereña de Valencia de Alcántara o 1 de maio de 1939.

Estudou o bacharelato en Barcelona e Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid cos profesores Rafael Lapesa e Dámaso
Alonso.

Con 22 anos trasladouse a Galicia para dar clases de Lingua Española en institutos de Lugo, Sanxenxo e Pontevedra. Nesta cidade traballou nos IES «Valle Inclán» e «G. Torrente Ballester».

Foi unha gran defensora do galego, idioma no que escribiu a gran maioría da súa obra literaria.

A súa primeira publicación foi «Mar Adiante», en 1973. Dous anos despois, gañou o 1º Premio do Concurso de Contos Infantís O Facho coa obra «O cataventos».

A súa producción literaria en galego é enorme e a maioría adicada aos lectores máis novos: «Anagnórise», «Leonardo e os fontaneiros», «E haberá tirón de orellas?», «Guedellas de seda e liño», «Eu conto, ti cantas», «A brétema»...

O 22 de novembro de 2005, aos 66 anos, finou na cidade de Pontevedra.

Este ano a Real Academia Galega adícalle o Día das Letras 2018 polos libros que escribiu e pola defensa do noso idioma.

Texto orixinal do Seminario Galán

Día do libro 2018

Este ano, o Día do libro celebrámolo xunto co alumnado do CIFP Portovelo, nunha xornada de convivencia entre os dous centros, a carón da sobreira senlleira do barrio das Lagoas.

O noso alumnado interpretou a canción "Un libro" de Paco Nogueiras.

 

O alumnado de Ed. infantil representou unha obriña teatral titulada "Quen anda no Universo".

 

O alumnado do CIFP Portovelo realizou lecturas escollidas dos seus autores favoritas.

Imaxina outra realidade

O 18 de abril de 2018, estiveron con nós as CHARLAS TECNOLÓXICAS ICCKIDS 2018 "IMAXINA OUTRA REALIDADE" programa da Deputación de Ourense na que amosaron ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º as vantaxes da tecnoloxía e a importancia da robótica e a realidade virtual. 

Despois da explicación tocou gozar da experiencias das gafas de realidade virtual. Xa estamos agardando a que volvan con máis xogos e actividades.    

 

Antón comodón

O día 3 de abril o alumnado de Ed. Infantil asistiu á unha representación de monicreques no Auditorio de Ourense titulada "Antón comodón".

Nesta ocasión contáronnos a historia de Antón, a quen de neno na súa casa facíanlle todo, non facía falta que aprendese nada se el non quería. Cando creceu tiña un axudante, Nicolás, que era o encargado de facelo todo. Pero un día Nicolás pensou que xa tiña bastante diñeiro e foise a vivir ás illas verdes?.

Antón non sabía vivir sen axuda: nin vestirse, nin atarse os zapatos, nin tan sequera comer só a sopa! Así pois decidiu empezar unha longa viaxe en busca de Nicolás, atravesando campos cidades e lugares descoñecidos para el, como unha granxa e un porto, buscando as illas verdes.

Durante a viaxe Antón foi aprendendo moitas cousas. Cando por fin chegou ás illas verdes e atopou ao seu axudante deuse conta que aprendera tanto que era capaz de valerse por si mesmo e foi entón cando decidiu quedarse a vivir e botar unha man a Nicolás co seu carro de xeados, como dous bos amigos.

Pasámolo xenial!!

 

Día da árbore

Ao longo da semana do 23 de marzo celebramos no colexio a Semana escolar da Árbore e da Auga seguindo o programa da Deputación de Ourense que este ano estivo dedicada ao salgueiro.

Na Hora de ler o alumnado traballou o conto de Xosé A. Perozo e Viki Berre titulado "A invención do salgueiro en Ourensanía".

O día da árbore prantamos un salgueiro no partio do centro e cantamos a canción de Paco Noguieras "Cos pes na terra".

GALERÍA DE IMAXES

 

HAPPY ST. PATRICK´S DAY!

HAPPY ST. PATRICK´S  DAY!

March, 17th

 O 16 de marzo conmemoramos a festa de St. Patrick, patrón da green Ireland.

A escola encheuse de Leprechauns and shamrocks.

Os nen@s elaboraron os seus hats, escoitaron a canción “Have you ever seen a Leprechaun?” e algúns cursos leron a lenda “Jasper and the pot of gold.”

E para remate, o mellor de todo:

A POT OF DELICIOUS GOLD!

 

Contacontos CIFP Portovelo

Na semana previa ao Día mundial da meteoroloxía, teatro e poesía o alumnado do Ciclo de animación do CIFP Portovelo realizou catro contacontos no noso centro, relacionados, todos eles, co tema dos PDI que se entán a desenvolver en Ed. Infantil e 1º, 2º e 3º de ED. Primaria.

  • O alumnado de 4º e 5 de educación infantil participou na representación dun conto sobre planetas titulado "A que sabe a lúa" que mantivo aos máis cativos do centro pendentes de todo o que acontecía no teatriño de monicreques.
  • O alumnado de 6º de educación infantil presenciou a representación dun teatrillo de monicreques sobre robots.
  • O alumnado de 1º e 2º asistiron ao contacontos titulado "A noite das mudanzas". Ao remate, realizaron unha pequena sesión de xogos populares dentro da aula.
  • O alumnado de 3º presenciou a representación con sombras chinescas de "Wangari e os árbores da Paz". Ao remate do conto, realizaron un pequeno obradoiro medioambiental para concienciarse da importancia da auga nas nosas vidas.

O alumnado do CIFP Portovelo fíxoo xenial, e nós pasámolo moi ben.

Temos que repetir!!!

 

O lapis de Rosalía

O 1 de marzo, alumnado de 2º de Ed. Primaria realizou unha nova edición do concurso de animación á lectura como actividade final á lectura que realizaron ao longo destes meses do libro Antón Cortizas "O lapis de Rosalía":

"Rosalía ten seis anos. Cando fala, da súa boca saen bolboretas que pairan no ar moi alegres, dicindo palabras moi bonitas. E as súas mans tocan as cousas con seis caricias, e seis suspiros salaian á vez. Rosalía vai á escola, onde aprende a ler e a escribir.Un día acabóuselle o lapis, chegou á casa e díxolle ao pai: —Papá, tesme que mercar outro lapis. O novo lapis resultou ser moi distinto ao anterior.Ao longo del ten escrita unha frase que di: Lapis especial para nenas de seis anos. Que ten de especial ese lapis?"

Como en edicións anteriores, o equipo gañador do concurso recibiu como premio un exemplar do libro que traballaremos no próximo mes.

Día de Rosalía de Castro 2018

Ao longo da semana do cumpleanos de Rosalía traballamos nas aulas a súa vida e obra seguindo as propostas marcadas pola asociación de escritoras e escritores galegos.

Parte do resultado do noso traballo podédelo ver no seguinte libro que recolle o poema de "Adiós ríos, adiós fontes..." traballado polo alumnado de 2º e 3º de Primaria.


O alumnado de 3º de Ed. Primaria encargado da estación de meteoroloxía traballou o poema "Chove miudiño".

Distribuir contido