Animación á lectura

O xinete das árbores: Baño de bosques

O 5 de febreiro visitou a biblioteca do noso centro un home-árbore, un ser humano “boscoso”,  un xinete das árbores, un carballo coas vellas botas da antiga fábrica ourensá dos calzados Mosquera, fuxindo dos incendios forestais que os verán asolan as  terras da montaña, para que as nenas e nenos do CEIP Manuel Sueiro lle axudaran a cabalgar de novo a lomos dos carballos, dos teixos e as aciñeiras, dos buxos e as sobreiras,  para salvar os bosques, que son a esperanza do seu futuro, o aire para respirar.

Con gaitas e peitoques de teixo, con frautas de pereira, pandeiretas de castiñeiro, e co burro Caramulo de madeira de bidueiro, as nenas e os nenos alimentados coa música das árbores viaxaron, dun xeito imaxinario, polo corazón de cada un para comprobar que os seus corazones están sans e fortes, como a mascota  CARDIO. no seu peregrinar pola saúde deles.

Con contos, cantigas, xogos, e moita risa rematamos “plantándonos” todas e  todos con forma de árbores a favor dos nosos bosques, refuxio do oxixeno que alimenta o corazón,  transformándonos en nenas e nenos xinetes das árbores, esperanza dos nosos bosques.

A message of Peace 2019

A MESSAGE OF PEACE

Para conmemorar o día da paz, non atopamos xeito mellor que elaborar ao noso xeito, un cadro cheo de eyes que abren portas á paz e ao amor.

Visionando o vídeo “A vivid message of peace from Yayoi Kusama” coñecemos a mensaxe de paz da artista xaponesa.

https://www.youtube.com/watch?v=9WtEF94zwmM

E seguindo as súas palabras …

“EYES OPEN DOORS TO PEACE AND LOVE”

Queremos que todos escoitedes ben alto a nosa voz:

PEACE

平和

PAZ

 

Día da Paz 2019

Ao longo da semana da Paz, realizamos durante a Hora de ler diversas actividades para conmemorar dita data.

Mamá, quero ser Ziggy Stardust

MAMÁ, QUERO SER ZIGGY STARDUST

Hoxe que conmemoramos o día da paz e non violencia, tod@s nós acompañamos na súa viaxe polo seu universo a AINE, a protagonista do libro, “Mamá, quero ser Ziggy Stardust”, agasallo da concellería de educación de Ourense.

Con este sinxelo acto queremos alzar a voz polo dereito ás diferenzas, a ser como cada un queira ser, a mirar aos outros sen prexuízos.

Porque tod@s levamos dentro un chisco dese home das estrelas que mira ao mundo crendo que merece a pena coñecernos e respectarnos os uns aos outros tal e como somos.

Queremos agradecer a Abraham Caride, un artista fóra do circuito convencional, que nos permitise visitar o seu espazo de arte e compartir con nós as súas obras sobre David Bowie e algunas das súas experiencias.

E como recoñecemento a tod@s @s Ziggy Stardust que só piden un espazo para ser eles mesm@s …

“ There´s a starman waiting in the sky … ”

Obradoiro de Igualdade e interculturalidade

O 16 de xaneiro o alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria participou nun obradoiro de igualdade de xénero e interculturalidade que desenvolveu a Asociación Xarela na biblioteca do noso centro.

 

O fío vermello

Na última semana do mes de decembro realizamos o concurso de lectura sobre o libro “O fío vermello” que  é unha obra conmovedora onde An Alfaya é capaz de dirixirse aos nenos de forma directa e intelixente. Unha obra onde pesan os sentimentos, onde cada personaxe está construído con precisión, onde non hai lugar para as concesións e onde os nenos manifestan os seus ideais e intelixencia de xeito rotundo.

Hai libros que se tecen coa intensidade dos sentimentos, que revolucionan o mundo dos nenos, que tinguen o universo de vermello. Iso é o que sucede con O fío vermello, de An Alfaya.

Sinopse:

Un día, Carlo decide illarse na terraza e non saír ata que os adultos que o rodean lle conten a verdade sobre o paradoiro do seu irmán Nicola. Fai xa moitos días que se foi e Carlo comeza a sospeitar que todo o que lle contaron sobre a súa marcha é mentira. Por iso comeza unha singular folga de silencio e illamento.

Elisabeta, unha compañeira de clase bastante calada , acompañará a Carlo no seu encerro. Xuntos descifrarán xeroglíficos numéricos, falarán de astronomía grazas ao caderno do bisavó Enrico e conversarán con Parda, unha tartaruga coa que se comunican mediante un idioma composto por números e sons. Pero hai outro elemento que tamén xogará un decisivo papel na historia: unha madeixa de perlé vermella que se irá desfacendo á vez que Carlo vai descubrindo a verdade sobre o paradoiro do seu irmán.

Na noite das Perseidas, Carlo e Elisabeta vivirán unha experiencia máxica que lles fará recuperar a esperanza sobre o regreso de Nicola e que lles fará comprender que hai cousas que as matemáticas e a lóxica non poden explicar.

Desta volta, igual que fixemos en concursos anteriores, a parella gañadora recibiu como agasallo un exemplar do libro que traballaremos nas próximas semanas na Hora de ler titulado “Herik y Harald, guerreros vikingos” de B. Évano.

Visita á biblioteca de A Ponte

O 23 de novembro o alumnado de 1º, 2º e 3º de Ed. Primaria realizou unha andaina ata a biblioteca municipal de A Ponte para participar en varias actividades de formación de usuarios e de fomento da lectura.

Participamos activamente nunha sesión de contacontos, realizada polas monitoras da biblioteca, a través dun kamishibai que nos mantivo espectantes ata o seu remate.

Fomos felicitados polo noso comportamento e. tamén, polo coñecemento que temos do funcionamento dunha biblioteca. Asemade, as persoas maiores que nos atenderon quedaron sorprendidas coa nosa eficiencia lectora e comunicadora.

Na galería de imaxes podedes observar a nosa experiencia...

 

Festa do Samaín 2018

O 31 de outubro, para celebrar o día do Samaín, disfrazámonos con modelos terroríficos tratando de espantar a Jack o da lanterna e a todo aquel que se acercase ao cole.

Durante o tempo destinado ao recreo, disfrutamos dunha merenda con exquisitas viandas, elaboradas polo persoal do centro, as que daba medo comer.

Para rematar, todas as persoas que quixeron, fixeron unha incursión no túnel do medo situado na biblioteca, onde o alumnado de sexto se transformou en persoeiros do máis alá para aterrorizar a todo aquel que tivo a valentía adentrarse no túnel que nos levaba ao mundo das ánimas.

Pasáaamolo terrorificamente ben!!!


Novos lectores na biblioteca

Como ven sendo habitual, nos últimos anos, o Día das bibliotecas escolares fixemos entrega dos carnés de biblioteca ao novo alumnado do centro para que teñan acceso a todos os servizos que se ofertan desde a biblioteca, sendo o máis solicitado o servizo de préstamo para levar fondos da biblioteca para as súas casas.

Xunto co carné, faise entrega dunha carpeta na que lles vai un Pase de grandes lectores que deben cubrir das lecturas que fagan e que lle será validada co selo da biblioteca unha vez que devolva o libro.

Distribuir contido