Animación á lectura

Día da árbore

Na primeira semana da Primavera celebramos a semana da Árbore e da Auga.

Con este motivo saímos a plantar un bidueiro que nos mandaron ao colexio desde a Deputación Provincial. Estas árbores precisan moita auga para medrar, polo que as plantamos no patio do noso colexio e a regaremos a miudo. 

Ao longo deste mes traballamos na clase o libro que nos achegou a Deputación titulado “A Dama da auga e o segredo das árbores”.

Asemade, o Día da árbore, todo o alumnado recitou poemas sobre árbores e natureza para celebrar o Día da poesía.

 

Día de Rosalía

Para conmemorar o aniversario de Rosalía, ao longo da semana, traballamos na aula cos materiais que o EDL do centro ten recopilados na web.

Como actividade central, recitamos o poema "Fun un domingo" entre toda a comunidade educativa e realizamos un vídeo con música de fondo "O son do ar" de Luar na Lubre.

 

 

 

Encontros con autores: Iria Misa

O 19 de febreiro participamos en “Encontros coa autora” con Iria Misa, autora do libroMamá, quero ser Ziggy Stardust” e organizado pola concellería de educación nas instalacións do Liceo de Ourense co fin da promoción do hábito lector entre os escolares ourensáns e o traballo en valores.

A actividade comezou coa dotación, por parte da Concellería dos libros seleccionados para este curso para a súa lectura na aula e o posterior encontro co autor do libro.

Esta actividade ten dous importante obxectivos. Por unha banda poñer en contacto directo aos escolares cos escritores e ilustradores e por outra banda, dar a coñecer e preto o traballo dun escritor e ilustrador.

Os libros foron entregados aos escolares no mes de decembro e hai unhas semanas e tras a lectura, realizouse o encontro con Iria Misa, momento no que o alumnado tivo a oportunidade de coñecela e conversar con ela sobre a temática do libro e as principais mensaxes que se achegaban coa súa lectura.

Antes de asistir a estes encontros, o alumnado de quinto e sexto curso do noso cole xa fixera un traballo exhaustivo desta obra de Iria Misa.

O resumo argumental do libro, trata da historia de Aine, quen naceu cun corpo aparentemente de nena, pero en realidade séntese neno. Aine conta cun amigo imaxinario chamado Thomas, como xeito de fuxida dunha realidade que o abafa.

Nunha viaxe turística cos seus pais, Aine descobre a figura do músico David Bowie, coa que se identifica de inmediato. Desde entón, Thomas e Aine xogan a disfrazarse de Ziggy Stardust, o personaxe creado por Bowie, e a actuar enriba da cama coma se fose un escenario.

O pai de Aine non comprende ao seu fillo. Pero Fran, a súa nai, pouco a pouco irá reaccionando e aceptando a Aine tal e como é, o que provocará a ruptura co seu home. Tampouco a familia extensa de Aine se amosa moi comprensiva co que ven como unha simple teima dunha nena por vestirse e comportarse como un rapaz. Aine visitará a psicólogos, e sufrirá o rexeitamento de moitos compañeiros de escola, e das súas familias, na escola. Pero finalmente conseguirá realizar o seu soño: vivir de acordo a como sente a súa identidade de xénero e actuar na festa de fin de curso do colexio.

Neste libro profundan na transexualidade.  Aine é un neno trans que loita por poder mostrarse ao mundo tal e como se sente. Destaca tamén David Bowie como exemplo. A figura do músico está moi presente na novela como referente de persoa de éxito malia non encaixar sempre nos canons impostos socialmente, e é usado por Aine para afirmarse nun mundo que non quere aceptalo tal e como é.

Os escolares tiveron que realizar unha serie de actividades antes e despois da lectura. Primeiro tiñan que observar a portada e razoar a partir de aí sobre que pensaban que trataba o libro. Tamén tiveron que responder a cal foi o último libro que leron e o que máis lles gustou.

Tras a lectura, discutiron na clase sobre como a presión social e as súas convencións condicionan a liberdade individual e o dereito á diferenza. Outro dos aspectos que tiñan que respostar tiña que ver con David Bowie, comentar a súa figura e a súa música na clase.

Amor eterno

O alumnado de 4º de Ed. Primaria traballou na Hora de ler o poema, de Gustavo Adolfo Bécquer, titulado: "Amor eterno".

Finalmente, realizamos un croma coa recitaxe de dito poema.

 

Día dos corazóns

O 14 de febreiro, coincidindo coa celebración do Día de San Valentín celebramos no cole o día dos corazóns.

Os corazóns do Manuel Sueiro

Que latexan cun mesmo son:

 O son dos Rainbow Hearts

E do Amor Eterno

O alumnado de 5º interpretou en inglés o "Rainbow Hearts" e o alumnado de 4º curso recitou o poema de Gustavo A. Becquer "Amor eterno".


O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas

O 4 de febreiro visitou a bilioteca do noso centro o escritor Iago López para contarnos a historia de "O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas", libro do que é tamén autor.

"Celébrase a festa de aniversario do rei e o cociñeiro Martiño quere preparar a súa mellor torta de cenoria. Mais cando chega á horta… as cenorias desapareceron! Martiño vai necesitar moita axuda para que a torta chegue a tempo ao festexo".

Coma sempre, pasámolo xenial coas súas historias.

O xinete das árbores: Baño de bosques

O 5 de febreiro visitou a biblioteca do noso centro un home-árbore, un ser humano “boscoso”,  un xinete das árbores, un carballo coas vellas botas da antiga fábrica ourensá dos calzados Mosquera, fuxindo dos incendios forestais que os verán asolan as  terras da montaña, para que as nenas e nenos do CEIP Manuel Sueiro lle axudaran a cabalgar de novo a lomos dos carballos, dos teixos e as aciñeiras, dos buxos e as sobreiras,  para salvar os bosques, que son a esperanza do seu futuro, o aire para respirar.

Con gaitas e peitoques de teixo, con frautas de pereira, pandeiretas de castiñeiro, e co burro Caramulo de madeira de bidueiro, as nenas e os nenos alimentados coa música das árbores viaxaron, dun xeito imaxinario, polo corazón de cada un para comprobar que os seus corazones están sans e fortes, como a mascota  CARDIO. no seu peregrinar pola saúde deles.

Con contos, cantigas, xogos, e moita risa rematamos “plantándonos” todas e  todos con forma de árbores a favor dos nosos bosques, refuxio do oxixeno que alimenta o corazón,  transformándonos en nenas e nenos xinetes das árbores, esperanza dos nosos bosques.

A message of Peace 2019

A MESSAGE OF PEACE

Para conmemorar o día da paz, non atopamos xeito mellor que elaborar ao noso xeito, un cadro cheo de eyes que abren portas á paz e ao amor.

Visionando o vídeo “A vivid message of peace from Yayoi Kusama” coñecemos a mensaxe de paz da artista xaponesa.

https://www.youtube.com/watch?v=9WtEF94zwmM

E seguindo as súas palabras …

“EYES OPEN DOORS TO PEACE AND LOVE”

Queremos que todos escoitedes ben alto a nosa voz:

PEACE

平和

PAZ

 

Día da Paz 2019

Ao longo da semana da Paz, realizamos durante a Hora de ler diversas actividades para conmemorar dita data.

Distribuir contido