Skip to Content

2014/15

Actividades realizadas no curso 2014/15

Mellores lectores 1º trimestre 2014/15

Como actividade final da biblioteca, neste primeiro trimestre, Leo estivo pescudando información, nos arquivos e nas fichas de lectura, sobre os nosos hábitos lectores. Como o nivel lector neste trimestre foi, en xeral,  de moita calidade, resultou moi custoso deliberar quen era merecedor dun dos máis prestixiosos recoñecementos que outorgamos desde a biblioteca.

Despois deste arduo traballo, Leo estableceu como mellores lectores de cada curso aos seguintes nenos e nenas:

  • Valentina de 1º curso.
  • Sheila de 2º curso.
  • Yago de 3º curso.
  • Diego de 4º curso.
  • Rebeca de 5º curso.
  • Rodrigo de 6º curso.

Espero verte no seguinte trimestre nesta relación!!

Galería de imaxes

Visita do Reis Magos de Oriente

O último día de clase tivemos unha visita moi esperada na biblioteca do noso centro: a chegada dos Reis Magos de Oriente para recoller as cartas que elaboramos coas nosas peticións de agasallos para este Nadal. É de agradecer a paciencia que tiveron connosco xa que foron atendendo amablemente, unha a unha, as nosas peticións. Como adianto, ao noso bo comportamento, agasalláronnos cuns petos de aforro preciosos que a ANPA do centro lles pediu para nós e que esperamos encher coas moedas que recibamos nestas festas.

Ao rematar a visita das súas maxestades, a ANPA organizou no comedor do centro a tradicional chocolatada de Nadal para entrar en calor e na que degustamos un exquisito chocolate acompañado de churros e doces variados.

Que bo estaba todo!!

Hai que repetilo!!

Galería de imaxes

Ourense sabe acoller

O alumnado de 5º e 6º curso volveu participar, este curso, no programa "Ourense sabe acoller" que organiza o Concello.

Na primeira semana de decembro tivemos no centro un obradoiro de formación, a cargo de membros do programa "Ourense sabe acoller", sobre a problemática migratoria do noso país. Como traballo final do obradoiro cada un de nós plasmou as súas achegas nas tres modalidades de participación convocadas: textos curtos; poemas ou traballos artísticos/plásticos.

Os traballos de dúas alumnas do noso centro resultaron premiados no concurso:

  • Nuría, primeira clasificada na modalidade de textos curtos.
  • Noa, terceira clasificada na modalidade de poemas.

O 18 de decembro, Día Mundial da Migración, participamos nas actividades que organizou o Concello nas instalacións de Abanca da Alameda. Primeiro visionamos un vídeo sobre a migración en España, despois participamos nunha mesa redonda con dous emigrantes afincados en Ourense, Tamara e Djibril, que nos relataron as súas respectivas experiencias.

Como broche final, tivo lugar a entrega de premios aos 3 mellores traballos de cada unha das tres modalidades establecidas.

Na prensa local, La Región, recolle esta nova no xornal onde aparecen as gañadoras do noso cole baixo o titular de "Experiencias de otro mundo".

Galería de imaxes


Traballos gañadores

Lecturas na biblioteca na "Hora de ler"

O alumnado de 4º curso de Educación Primaria, ao igual que a maioría do alumnado do centro utilizou os recantos da biblioteca de lectura informal nalgunhas das sesións destinadas á "Hora de ler" que todos os días teñen lugar de 12:00 a 12:20 horas en todos os cursos e niveis do centro.

O cómic e as revistas son os fondos da biblioteca máis utilizados neste recanto de lectura informal polo alumnado de 4º curso.

II Concurso "CEIP Manuel Sueiro"

Este premio, para centros de EI, EP e CEE, naceu co fin de que os nosos nenos e nenas se interesen pola lectura e se mergullen no placer de leren e escribiren, ofrecendo a oportunidade de facer visible as capacidades artísticas dos nosos pequenos unindo a literatura e as artes plásticas.

Ao mesmo tempo, tratamos de fomentar   en grupo, tanto na   aula, no ciclo ou no  centro, mesturando diferentes niveis educativos e buscando a  implicación do maior número posible de alumnado e profesorado.

Consiste en elaborar unha ADAPTACIÓN CON TEXTO E ILUSTRACIÓNS DUNHA OBRA DA LITERATURA UNIVERSAL que elixirá o Departamento de Biblioteca  e o Equipo de Normalización Lingüística do CEIP Manuel Sueiro de Ourense.

BASES PARA PARTICIPAR


  1. Participantes: Poderá participar o alumnado  de infantil e primaria.   Cada centro pode presentar un ou varios traballos.
  2. Tema: Este ano a obra para a adaptación  será “Historia de una gaviota y de un gato que le enseñó a volar” (Luís Sepúlveda)
  3. Idioma e formato: A adaptación da obra será en lingua galega, terá un formato A4 e a  técnica  será libre.
  4. Entrega: No dorso do material deberá figurar o pseudónimo dos autores. Na entrega incluirase un sobre pechado cos datos do centro participante: nome do centro, enderezo, correo electrónico.  A entrega farase por correo con acuse de recibo, ao enderezo do centro organizador:
                    CEIP Manuel Sueiro// rúa Escultor Failde, 21// 32004 Ourense.
  5. Prazo: Os traballos deberán entregarse antes do 1 de maio de 2014.
  6. Fallo: Realizarase nunha única fase. Contará cun xurado composto por persoas relacionadas coas artes e coas letras.
    O xurado valorará:
    • A creatividade artística e composición.
    • A integración e adaptación do texto á obra final.
  7. Premios: Haberá un único premio que consistirá en 100 euros para investir en libros; ademais farase unha exposición do traballo  no Centro, publicarase na páxina web do colexio así coma a  reprodución  dun exemplar para cada un dos participantes do traballo gañador, e varios exemplares para a biblioteca do centro.
  8. A obra gañadora quedará no colexio organizador pasando a formar parte dos fondos da biblioteca.
  9. Calquera aspecto non previsto nestas bases será resolto pola dirección do centro.
  10. A participación no concurso supón a  aceptación destas bases.

INSCRIPCIÓNS


Enviando un correo electrónico, indicando o desexo de participar a:
                ceip.manuel.sueiro@edu.xunta.es á atención do Equipo de Biblioteca

Vídeo da entrega de premios da edición do ano pasado a cargo do Conselleiro de Educación e Cultura


 

Descargar bases en pdf

Educación vial

O 16 de decembro, o alumnado de 5º e 6º curso, participou nas actividades de Educación Vial que exitosamente organiza o Concello de Ourense nas instalacións de Expourense desde hai varios anos.

Dous membros da Concellería de Tráfico e a coordinadora da Concellería de Educación foron os encargados de ofrecernos a formación e información oportuna para ser quen de conducir as bicicletas e os carts polo circuíto urbano instalado no pavillón de Expourense.

Unha vez que adquirimos os coñecementos oportunos, en educación vial, pasamos á esperada fase práctica, conducindo, en diferentes quendas, as bicicletas e os carts. Tres alumnos do noso centro foron escollidos, pola súa pericia enriba da bicicleta e do cart, para participar na fase final provincial de educación vial.

Para rematar, participamos nun relatorio no salón de actos sobre educación vial.

Na seguinte galería podedes observar as imaxes desta actividade:

Lecturas de Nadal

Durante o mes de decembro, no tempo destinado á Hora de ler, en 1º curso traballamos coas Lendas de Nadal que elaborou o Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro.

Unha das lecturas que máis lles gustou ao alumnado foi a "Lenda da árbore de Nadal". Con ela elaboramos un libro con imaxes e a letra da historia que coloreamos nos mesmos para lerllo aos nosos familiares nas vacacións de Nadal.

Asemade, coñecemos outras historias como a Lenda de Papá Noel e a Lenda do Apalpador.

Recomendacións lectoras para o Nadal

Estas son as nosas recomendacións lectoras para estas vacacións de Nadal. Esperamos que sexan do voso agrado...

A bruxa Catuxa visita o CEIP de Vistahermosa

O 10 de decembro, a nosa querida Bruxa Catuxa visitou a fantástica biblioteca dos nosos amigos e veciños do CEIP Vistahermosa para contarlle as terroríficas historias de medo e suspense coas que nos asustou a nós na pasada festa do Samaín & Halloween.

A Catuxa pasouno fenomenal, na impresionante gruta que lle prepararon en Vistahermosa, aínda que como xa vai un pouco entrada en anos, ao rematar a sesión, acabou un pouco esgotada, iso si, saíu encantada co trato e atención que lle dispensaron os nenos e nenas no decurso das súas historias.

A malvada bruxa representou tres divertidos contacontos na "Cova da Catuxa" para todo o alumnado do centro que se animou a entrar nela.

As lecturas feitas pola Catuxa foron as seguintes: Precísase pantasma de Conan Doyle, Room on the Broom Julia Donaldson e A bruxa Brunilda de Valerie Thomas. Preguntas, baile, viaxes en vasoira... fixeron as delicias dos cativos ao lonxo de toda a actividade.

Esta actividade de colaboración entre estas dúas bibliotecas Plambeiras resultou ser todo un éxito...

...esperamos que se repita nun futuro!

Para ver a galería de imaxes premede na imaxe superior.

Torneo de "Tres en raia"

Gañadores do torneo

No mes de decembro, a mestra de música organizou o "III torneo de tres en raia", entre o alumnado maior do centro, como unha actividade inmersa dentro do proxecto documental integrado deste curso: "Mergullámonos nun mar de números".

Este sinxelo xogo pon en marcha a maquinaria intelectual do alumnado, en todo o referente á lóxica matemática e a intelixencia artificial, dun xeito lúdico e creativo e que tanto agradecen todos os participantes no mesmo.

Non hai máis que fixerse na faciana dos xogadores para comprobar canto gozaron durante o desenvolvemento do torneo.

O Cadro de Honra quedou como sigue:

  1. Alex Cabada Feijoó
  2. Diego Alonso Blanco
  3. Gregorio Montoya Gabarres
  4. Abel Colmenero Pérez

Moitos parabéns para todos eles!!

Os participantes nesta edición xa están ansiosos porque comece a seguinte torneo...

Preme na imaxen superior para ver a galería de imaxes do torneo

Distribuir contido


by Dr. Radut