Skip to Content

O castiñeiro

O castiñeiro

(Texto elaborado polo EDL do IES Monte Carrasco)

O castiñeiro,  ou  castiro, castanea sativa, vive en terreos profundos, ricos en materia orgánica e pouco arxilosos. Embelece a paisaxe e protexe e mellora o ecosistema humano. Constitúe en Galicia unha especie autóctona, sábese que antes da chegada dos romanos, os poboadores das nosas terras moían as castañas e utilizábanas como alimento.

O seu cultivo promoveuse coa chegada dos romanos a Galicia, ano 139 a. C., pero será durante a Idade Media, coa implantación de varios mosteiros, cando se estenda  a súa plantación. O seu froito, foi tan importante que chegou a denominarse árbore do pan, xa que en épocas de fame garantiu a supervivencia de moita xente. Serían, pois, os monxes que se asentaron nas ladeiras máis produtivas os que substituíron os matos improdutivos por soutos e viñedos.

A partir do s. XVII o consumo da castaña foi substituído pola pataca chegada de América. Hoxe, o castiñeiro está a piques de desaparecer na nosa terra debido a dúas pestes que o atacan: o chancro e a tinta, e tamén á expansión dos piñeiros e eucaliptos que fan os nosos montes presa dos incendios. Hoxe búscanse árbores híbridos de distintas especies ou cruces de castiñeiros do país con xaponeses para facelos resistentes a estas enfermidades. O agrónomo e xenetista pontevedrés Cruz Gallástegui conseguiu en 1925 o primeiro híbrido de castiñeiro. En Lourizán (Pontevedra) levan anos traballando neste problema e conseguiron repoboar moitos soutos, pero os resultados a longo prazo están por comprobar.

Na actualidade quedan reliquias do que antes foron os grandes soutos nas terras de Samos, do Sil (Ribeira Sacra) e nos montes de Courel, Ancares, Cebreiro e Queixa.

Un castiñeiro demoucado, cun pé centenario, en Cerdedelo, no souto de Oucedelo.

A madeira do castiñeiro é moi apreciada para a construción e para ebanistería, chegando a denominarse a caoba de Galicia, e o seu froito, a castaña, ten múltiples usos na alimentación de persoas e animais, sendo tamén un recurso natural moi importante na economía dalgunhas zonas de Galicia.

Da flor do castiñeiro, a candea, as abellas extraen mel con propiedades curativas en problemas de anemia por falta de ferro, acelera a circulación sanguínea e tamén actúa de astrinxente en diarreas.



book | by Dr. Radut