Bibliotecas escolares

POÉTICAS DIVERSAS na biblioteca escolar

"A poesía, din, é a memoria do mundo". Juan Marqués

A poesía está por todas partes, o que importa é explorar para descubrila. A biblioteca escolar é un lugar privilexiado para estimular esa mirada que xogue a descubrir a poesía que se agocha nas paisaxes, na música, no cine, nunha noite estrelada, no baile do vento na herba, nos seres minúsculos que só podemos ver a través do microscopio, nesa música que engaiola, na palabra dos poetas, na tradición oral, nun texto que nos traspasa e nos obriga a mirarnos, nesa persoa que nos axuda a abrir os ollos para ver o que nos rodea, no último descubrimento científico (eses escutoides descoñecidos até agora), nesa voz que nos fala, nese abrazo que nos agarima... 

POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional  propón ás bibliotecas escolares para o curso 2018/2019, como chiscadela para descubrir a poesía que nos rodea, apoiádonos nos recursos e nas posibilidades da biblioteca escolar. Nuria Díaz foi a ilustradora convidada a interpretar este lema e a compoñer este fermoso cartel que, en breve, estará xa en todos os centros educativos galegos. 

Longa vida á poesía, "memoria do mundo", en palabras do poeta Juan Marqués, quen tamén afirma que a poesía, aínda que ninguén a lea, penetra nas conciencias e nas nacións e dá enérxicos empurróns á Historia, inventa e derruba deuses, funda e destrúe reximes políticos, declara guerras, move montañas... 

Poéticas diversas convida a asolagar as aulas de poesía, a tratar con poetas, a perderlle o medo á metáfora, a xogar coa palabra e coa imaxe até obter todo o seu zume, a coñecer a excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades, a permitir que o alumnado galego poña voz e dea vida á tradición lírica galega, á poesía de Rosalía e de todas e todos os poetas que foron e son.  

Actividade formativa BIBLIOTECA CREATIVA - 19 de outubro

O vindeiro venres 19 de outubro reuniranse en Compostela (EGAP) profesores e profesoras dos centros integrados no programa BIBLIOTECA CREATIVA, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, nunha xornada formativa intensa en relación cos contidos deste programa: escornabots, impresión 3D, espazo creativo (espazo maker) na biblioteca escolar. Os representantes dos 55 centros incluídos no programa, segundo a resolución da última convocatoria, distribuiránse en tres grupos ao longo da mañá, en función dos anos que levan integrados no programa e, xa pola tarde en sesión conxunta, haberá oportunidade para coñecer experiencias que xa están levando a cabo algúns centros pioneiros neste campo, así como intercambiar inquedanzas, propostas e coñecementos. 

Biblioteca creativa. Resolución da convocatoria. Curso 2018/2019

O Portal Educativo publica a Resolución de 3 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se relacionan os centros de nova incorporación ao programa BIBLIOTECA CREATIVA para o curso 2018/2019, unha ver resolta a convocatoria publicada con data de 3 de setembro de 2018. Tamén se detallan os centros que estaban integrados no anterior "Escornabots na biblioteca escolar" e que solicitaron continuidade. Desta forma, aparecen incluídos neste programa un total de 55 centros con alumnado de ensino infantil e primaria e pertencentes ao Plan de mellora de bibliotecas escolares no actual curso 2018/2019. . 

 
Agradecemos a colaboración de María López Pousa, autora da nova imaxe do programa "Biblioteca Creativa". 

Resolución do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Públicos) para o curso 2018/2019

O DOG do 20 de setembro publica a Orde de 10 de setembro de 2018 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios, de titularidade desta consellería, para o curso 2018/19.  

O documento conta de catro anexos, segundo os diversos apartados contemplados na convocatoria inicial:

  • Anexo I: Centros integrados no PLAMBE en convocatorias de 2005 a 2007, e de convocatorias de 2011 a 2016, que reciben asignacións para ampliar e renovar os fondos da colección.
  • Anexo II: Centros integrados no PLAMBE nas convocatorias de 2008 a 2010, que reciben, igualmente,  asignacións para renovar os fondos.  Neste caso tamén reciben asignación para renovar e ampliar mobiliario e equipamento imprescindible para o funcionamento da biblioteca como centro creativo de aprendizaxes.
  • Anexo III:Centros integrados no PLAMBE na convocatoria 2017, que reciben asignación para fondos, mobiliario/equipamento e gastos de funcionamento da biblioteca escolar.
  • Anexo IV: Centros públicos que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas nesta última convocatoria de 2018 e que igualmente reciben asignación para fondos, mobiliario/equipamento e gastos de funcionamento da biblioteca escolar.

Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia-2018. Aberto o período de inscrición.

Comezado o novo curso cómpre ir pensando nas citas anuais do profesorado que mantén vivas as bibliotecas escolares (ou que está interesado en educación en xeral, en lectura, escritura e traballo coa información en particular). 

Xa hai datas para as que serán as IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Celebraranse o 9 e 10 de novembro, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.  Xa está bastante avanzado o programa, que difundiremos en breve.

Entre tanto, hai que ir bulindo para non ficar sen praza. Aberto o prazo de inscrición na aplicación FPROFE, do Servizo de Formación do Profesorado. O código da actividade é o G1802025. Remata o prazo o 2 de novembro.

Lembramos o interese de que os equipos de biblioteca participen conxuntamente nestas xornadas, en parte por asistir directamente ao maior  número de actividades simultáneas posibles, en parte por compartir experiencia e ir construíndo unha linguaxe común, o que redunda nunha maior eficacia.

Convocatoria do programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2018/2019.

 

O Portal Educativo vén de publicar a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 5 de setembro, pola que se convoca o proxecto RADIO NA BIBLIO para o curso 2018/2019. Esta acción, iniciada en 2017, pretende introducir a radio nas bibliotecas escolares e vai destinada aos centros públicos integrados no PLAMBE no curso 2018/2019 que matriculan alumnado de educación infantil, primaria ou secundaria. Incorporaránse 30 novas bibliotecas escolares. Tamén poderán solicitar a súa continuidade no programa os 20 centros integrados a través da primeira convocatoria. 

  • O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2018. 

 

 

Convocatoria de Clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario e outros. Curso 2018/2019

 
Publicouse xa no Portal Educativo a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, para apoiar o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos que imparten ensino secundario, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas ou de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas e outros). 
 
O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2018.
 
 
Na imaxe, integrantes do club de lectura do CPI  O Progreso, de Catoira (Pontevedra).

Convocatoria de axudas para centros concertados en materia de bibliotecas e fomento da lectura

O DOG do 5 de setembro publica a Orde de 20 de agosto de 2018 pola que se convocan axudas para centros privados concertados no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2018/2019. Íncluense catro liñas de axudas ás que os centros poden acceder:

  • Plan de mellora de bibliotecas escolares (nova incorporación e continuidade)
  • Clubs de lectura-concertados (ensino secundario obrigatorio) 
  • Radio na biblio-concertados (centros integrados no PLAMBE no curso 2017/2018)
  • Biblioteca inclusiva concertados (centros ordinarios con unidadese concertadas de educación especial)

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, e remata o 5 de outubro.

Convocatoria do programa BIBLIOTECA CREATIVA (antes "Proxecto Escornabots na biblioteca escolar"). Curso 2018/2019

 
Xa está publicada no Portal Educativo a convocatoria do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA (antes "Escornabots na biblioteca escolar") para o curso 2018/2019. Mediante este programa preténdese apoiar a cultura da experimentación e da investigación, da robótica e da linguaxe de programación nas bibliotecas dos centros públicos que matriculan alumnado de infantil e primaria e que están integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2018/2019.
Poderán participar neste programa os centros integrados en convocatorias anteriores do proxecto "Escornabots na biblioteca escolar" (agora,"Biblioteca Creativa") e seleccionaranse 25 centros de nova incorporación.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de setembro de 2018. 

Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2018/2019

O Portal Educativo vén de publicar, con data de 3 de setembro de 2018, as Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2018/2019, nos centros de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coas adaptacións necesarias a cada tipoloxía de centro. Estas instrucións constan de dous documentos: as Instrucións propiamente ditas, e unhas Anotacións, incluídas como Anexo , que aclaran e amplian cada unha das cláusulas. Engádese un Anexo II, ao que se fai referencia no texto do documento, unhas orientacións extraídas da orde de convocatoria do Plambe para o presente curso (Disposición adicional primeira, publicada no DOG de 9 de maio de 2018). 

Bibliotecas LÍA.2, entrega 4: CEIP Canosa-Rus (Coristanco, A Coruña)

 
 
O CEIP Canosa-Rus, de Coristanco (A Coruña), é un centro (como os tres anteriores incluídos no Proxecto LÍA.2), localizado no medio rural, que presenta unha actividade media-alta desde hai anos, cunha importante experiencia na coordinación de proxectos de carácter interdisciplinario, un deles gañador dun dos premios do II Concurso de Traballo por Proxectos, correspondente a traballos realizados no curso 2013/2014: Rus entre planetas. A biblioteca do CEIP Canosa-Rus participa do Proxecto Escornabots e tamén do programa "Radio na biblio" ofrecendo así múltiples oportunidades ao seu alumnado e abrindo á comunidade educativa un espazo creativo de aprendizaxes. Vemos, guiados polo alumnado voluntario da biblioteca, situacións cotiás das que as nenas e os nenos son plenos protagonistas: 
 

Bibliotecas LÍA.2, terceira entrega: CPI Cruz do Sar (Bergondo, A Coruña)

 
 
O CPI Cruz do Sar, de Bergondo (A Coruña), é un centro integrado que alberga alumnado de primaria e de secundaria. A súa biblioteca, denominada "Punto de Encontro", ten unha longa traxectoria con importantes actuacións en materia de lectura, de traballo coa información e de impulso de metodoloxías de proxectos. Algúns dos traballos de carácter interdisciplinario coordinados desde a biblioteca e con participación de todo o centro mereceu recoñecemento como o proxecto "Bergondo nun conto", levado a cabo durante o curso 2013/2014 e que foi premiado no I Concurso de Traballos por Proxectos. A biblioteca do CPI Cruz do Sar foi ampliada no ano 2016 e incluída na primeira fase do Proxecto Centros LÍA.2. Visitamos da man do alumnado voluntario esta biblioteca que acolle diferentes espazos e conta con equipamento que favorece o traballo individual pero tamén  os proxectos colaborativos:

Bibliotecas LÍA.2, entrega 2: CEIP Condesa de Fenosa (O Barco, Ourense)

 
 
O CEIP Condesa de Fenosa, de O Barco (Ourense) é un dos catro centros integrados no proxecto LÍA.2, a finais de 2016. Durante o ano 2017 e comezos do 2018 a biblioteca deste centro experimentou melloras na súa infraestrutura, distribución espacial, equipamento, mobiliario, recursos bibliográficos e outros. A traxectoria desta biblioteca é xa longa e moi importante en materia de fomento da lectura, uso dos recursos dixitais,  formación de persoas usuarias, implicación das familias, inclusión e, tamén, emprego de metodoloxías activas a través de diferentes proxectos de carácter interdisciplinario. Neste vídeo vemos a biblioteca tal e como está agora e o uso cotían que alumnos e alumnas fan dela, guiados en todo momento por dúas nenas do grupo de voluntariado da biblioteca. Asistimos tamén, inda que brevemente, a unha sesión de contacontos da man de nais da comunidade educativa. 

Bibliotecas LÍA.2, entrega 1: EEI Barrionovo (Arteixo)

 
 
A finais de 2016 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro do seu Plan LÍA de bibliotecas escolares, puxo en marcha un novo proxecto denominado LÍA.2, polo que se ofreceu a catro centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, con excelente traxectoria, espazo axeitado, experiencia no traballo por proxectos, compromiso do equipo directivo e do equipo docente e localización en zonas rurais, a posibilidade de realizar melloras na súa biblioteca nunha dinámica de exploración das posibilidades de evolución do modelo de biblioteca escolar cara un "centro creativo das aprendizaxes". Os primeiros catro centros que aceptaron o reto están xa a pleno rendemento e co fin de dar a coñecer a súa experiencia iniciamos a difusión dunha serie de vídeos gravados no último trimestre do curso 2017/2018 e todos e cada un destes primeiros catro centros integrados no proxecto. 
Comezamos a serie visitando a EEI Barrionovo, de Arteixo (A Coruña), un centro de educación infantil que puxo en marcha, ademais doutras melloras na súa biblioteca, unha sección á que denominan "espazo fedelleiro": un espazo creativo, sección vinculada á biblioteca inicial, configurado e deseñado para a experimentación e a creación. Coñecemos a súa realidade nas voces das profesoras e de outras integrantes da comunidade educativa: 

Plan de mellora de bibliotecas escolares (públicos) 18/19. Resolución provisional

 
 logo Bibliotecas Escolares de Galicia
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución provisional de Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos de niveis non universitarios e de titularidade da CCEOU, coa relación dos 25 centros que se integran, inicialmente, neste programa para o curso 2018/2019. Segundo as baixas ou renuncias ocasionadas entre os centros que xa forman parte do Plambe, este número poderá incrementarse na resolución definitiva da convocatoria, que se publicará no DOG, previsiblemente, en setembro de 2018. Así mesmo, nesa resolución definitiva recollerase a relación dos centros que continúan no programa, con detalle das asignacións para o curso 2018/2019. 

CDU Ilustrada para bibliotecas escolares

Na liña de traballo de elaboración de materiais para o profesorado, en apoio do seu labor na dinamización das bibliotecas escolares, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar un material que chegará aos centros na primeira quincena de setembro. Trátase dunha versión ILUSTRADA da adaptación da Clasificación Decimal Universal para bibliotecas escoalares que se realizara a comezos deste programa, no ano 2004

Óscar Villán, debuxante que xa elaborara outros materiais para a sinalización das bibliotecas escolares, foi o encargado da realización desta CDU ILUSTRADA, que agardamos poida servir de motivación nas actividades de formación de persoas usuarias das bibliotecas escolares. 

A Clasificación Decimal Universal (CDU) é un sistema estandarizado polo que se distribúen todos os documentos relacionados co coñecemento humano en 10 categorías que, á súa vez, se van subdividindo noutras 10 categorías (e así sucesivamente), na medida en que se precisa maior concreción. Para os centros de infantil e primaria non se recomenda pasar dos dous díxitos, aínda que algunhas categorías, das que pode haber moito material na biblioteca, podería chegar aos tres díxitos. + información AQUÍ

Xa a comezos de curso este cartel completarase con outro material divulgativo sobre esta CDU Ilustrada. 

 

 

Materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2017/2018 en RedeBe

Están dispoñibles en RedeBE os materiais audiovisuais das diferentes intervencións nos pasados Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2017/2018, ampliando o conxunto de informacións, recursos, presentacións e ligazóns de interese que xa se podían ver nesta aula virtual desde o día seguinte aos encontros, celebrados en Compostela os días 12 e 13 de abril de 2018. Recursos de interese para a formación dos equipos de biblioteca e para todo o profesorado interesado nestas temáticas. 

 

Materiais para unha Biblioteca Inclusiva da xornada formativa do 20.02.2018 en RedeBE

 

 

O pasado 20 de febreiro reuníronse en Compostela profesorado procedente de 53 centros integrados incialmente no programa "Bibliotecas Escolares Inclusivas" (centros públicos de educación especial e centros ordinarios que contan con unidades creadas ou habilitadas de educación especial). Foi unha xornada intensa, baixo o lomea BIBLIOTECA INCLUSIVA. LECTURA E DIVERSIDADE, no que se traballou sobre a lectura en contextos de diversidade e, así mesmo, se coñeceron experiencias ben interesantes de centros galegos, de centros ordinarios, e de centros de educación especial, no tratamento da diversidade desde a biblioteca escolar. 

TODOS os materiais (presentacións) desta xornada están xa dispoñibles desde ese  día 20 de febreiro a disposición de todo o profesorado interesado no espazo virtual RedeBE, pero agora xa se pode acceder a TODO O MATERIAL AUDIOVISUAL xenerado nesa xornada. Tamén os recursos seleccionados desde a Asesoría de biblotecas escolares, con diferentes colaboracións.

Día das Letras 2018 nas bibliotecas escolares galegas

María Victoria Moreno é unha das figuras da literatura galega homenaxeada no Día das Letras que máis posibilidades de tratamento, de xogo, de achegamento á literatura e de vínculo coa lingua proporciona no contexto de lectores máis novos. Foi así que este ano, unha vez máis, as bibliotecas escolares galegas aproveitaron estas datas para organizar actividades relacionadas con esta autora e destinadas a valorar a lingua. Algúns exemplos podémolos atopar nas seguintes ligazóns: 

Biblioteca inclusiva

Biblioteca Inclusiva é o nome dun novo programa da CCEOU, no contexto do Plan LÍA 2016-2020 de Bibliotecas Escolares, que desenvolve algunhas das liñas contempladas no desafío número tres deste Plan. Este programa pretende sensibilizar sobre a necesidade de avanzar cara unha biblioteca que responda, realmente, ás necesidades de todo o alumnado do centro e que enfronte os retos, dunha forma decidida, que presenta a diversidade. Ademáis das axudas que xa recibiron un total de 53 centros (CEE e centros ordinarios con unidades creadas ou habilitadas de educación especial), e logo da xornada formativa especialmente deseñada para o profesorado responsable das bibliotecas destes centros, celebrada o pasado 20 de febreiro, cómpre dar difusión a outras iniciativas destinadas ao conxunto dos centros do sistema educativo galego. 

Así, vén de distribuírse aos centros unha mostra dun folleto denominado así, "Biblioteca Inclusiva" e que pretende ampliar a mirada sobre o modelo de biblioteca escolar, potenciando todas as súas posibilidades como un espazo máis de inclusión dentro do centro educativo. Ofrécese tamén a posibilidade de descargar este material informativo nun tamaño DIN A3, que se pode pregar en 4 e obter así un pequeno folleto dispoñible para as actividades que o equipo de biblioteca considere oportunas.

Cecais, de todos os ámbitos nos que se pode traballar para que a biblioteca avance como biblioteca inclusiva, un dos máis difíciles é o das actitudes; máis aló dos recursos (imprescindibles), unha actitude inclusiva, non paternalista, igualitaria, normalizadora, rexpectuosa e visibilizadora da diversidade pode ser, acaso, un dos grandes activos da biblioteca escolar como espazo educativo e de encontro da comunidade na que está inmersa. 

Cómpre agradecer a  Charo Pita a súa xenerosidade ao responder de forma altruísta ao reto de escribir un conto para este material: "O Palacio das Sete Xanelas". 


Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2018/2019 - Centros públicos

O DOG Publica hoxe a Orde de 23 de abril de 2018 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares para centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para o curso 2018/2019. 

Ao igual que en anos anteriores,  seleccionaranse un mínimo de 25 centros novos para a súa incorporación ao PLAMBE, podendo ampliarse este número no caso de baixas ou renuncias dos centros xa integrados neste programa en convocatorias anteriores. Os centros que se incorporaron nas convocatorias de 2008, 2009 e 2010 poderán recibir, ademais da asignación para fondos, unha asignación complementaria para a renovación de mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para o funcionamento da biblioteca escolar. A continuidade no PLAMBE esixe a solicitude correspondente a través desta convocatoria, coa entrega da documentación que se solicita en cada caso, así como acadar unha valoración positiva na memoria de actividades do presente curso 2017/2018. 

O prazo de presentación de SOLICITUDES remata o 9 de xuño (o que por ser sábado día inhábil, pasa  a ser o luns 11 de xuño). 

Encontros Plan de mellora de bibliotecas escolares 2017/2018

Cartel encontros PLAMBE 17/18

Os días 12 e 13 de abril de 2018 celebraranse no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela os ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2017/208, a cita anual do profesorado responsable das bibliotecas de centros non universitarios integradas neste programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Estes encontros, configurados como espazo de traballo, aprendizaxe e intercambio de experiencias e propostas, reunirá a 646 docentes, ademais de persoas expertas en distintos ámbitos: bibliotecas públicas e escolares, lectura, didáctica da lingua e da literatura, competencias informacionais e mediáticas, narración oral, gamificación, radio, lectura en contextos de diversidade, literatura infantil e xuvenil, educación audiovisual, poesía, robótica ou impresión 3D e literatura de tradición oral. Así, acompañarán ao profesorado Rosa Piquín, Villar Arellano, Carme Fenoll, Pep Bruno, Charo Pita, Guadalupe Jover, Antonio García Teijeiro, Pilar Sampedro, Montse Pena, Pedro Iturburúa,  Luís Aldegunde, Miguel Horta, Ana Ordás, Ricardo Feijoo, Xerardo Feijoo (Ponte nas Ondas) e Antonio Reigosa.

Un apartado esencial dos encontros o constitúen as 21 experiencias concretas de centros arredor de diversas temáticas: funcionamento dunha biblioteca escolar actualizada, voluntariado de lectura, traballo por proxectos e prácticas de investigación, promoción da lectura e da escritura, biblioteca inclusiva...(dúas destas experiencias proceden de fóra da nosa comunidade). Haberá ocasión para coñecer os avances no modelo de biblioteca como "centro creativo das aprendizaxes" no que xa están traballando varios centros dentro do Proxecto CENTROS LÍA.2, así como a evolución que supón nas prácticas da biblioteca escolar a incorporación dos robots, a impresión 3D e outros materiais e recursos dos novos espazos creativos e manipulativos, que vinculan as nosas bibliotecas á cultura maker. Os responsables das bibliotecas dos centros incluídos no programa Radio na biblio terán tamén ocasión para reunirse, no contexto destes encontros, e intercambiar experiencias. Está prevista a presentación de posters sobre actividades concretas daqueles centros que aceptaron o reto, o  que completará a panorámica actual das bibliotecas escolares galegas. 

En definitiva, un programa extenso para unha actividade formativa que responde á colaboración entre o Servizo de Formación do Profesorado e a D.X. de Centros e Recursos Humanos, da que depende o programa de bibliotecas escolares da CCEOU e que ano tras ano contribúe á formación específica do colectivo docente vinculado ás bibliotecas escolares da nosa comunidade. 

"Radio na biblio" en marcha

 

O programa Rlogo do programa Radio na biblioADIO NA BIBLIO está dando xa os primeiros pasos nos 20 centros seleccionados nesta primeira convocatoria. Chéganos noticia de inauguración de espazos xa preparados, de emisoras xa en marcha e de obradoiros nos propios centros (tal e como estaba previsto) para formarse alumnado e profesorado nos rudimentos para botar a andar cadanseu laboratorio de radio vinculado á biblioteca escolar.

Así, na páxina web do CEIP P. de Carballedo (Cotobade, Pontevedra) podemos ver a preparación dun recuncho do centro como emisora de radio, cun resultado fantástico. Imaxinamos á rapazada desexosa de traballar nese laboratorio de radio.

Tamén neste centro celebraron xa un obradoiro formativo con membros do colectivo PONTE NAS ONDAS, destinado ao alumnado e que podemos ver en detalle na información que subiron ao seu blogue de biblioteca.

Outro centro que está preparando xa o seu laboratorio de radio é o CRA de Meis (Meis, Pontevedra), tal e como anuncian no seu blogue. 

Realizaron tamén un primeiro obradoiro de formación foi o CEIP Agolada (Agolada, Pontevedra), desta vez co grupo Laboratorio de Radio, do que se poden ver imaxes nesta ligazón do seu blogue: Agolaín Radio. Pódese escoitar xa unha primeira emisión elaborada polo alumnado. 

Outros centros comezaron tamén a formación, desta vez con membros do colectivo Rede Espora, foron o CEIP Virxe do Carme, de Sober (Lugo), o CEIP Víctor Sáenz, de Mazaricos (A Coruña), o IES de Porto do Son, o CEIP Milladoiro, de Malpica (A Coruña)ou o CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal (Pontevedra).

Este último  centro vén de convocar un concurso de ideas entre o seu alumnado para a elección dun nome e un logo específico para o seu laboratorio de radio. Pola súa parte, nenas e nenos do CEIP da Pobra de Brollón (A Pobra de Brollón, Lugo), visitaron como iniciación ao mundo da radio a emisora local da cadena Ser en Monforte, como podemos ver no seu blogue. E tamén irán de visita a unha radio local, neste caso a emisora Cope de Pontevedra, alumnos e alumnas de 5º curso do CEIP Valle-Inclán, de O Grove (Pontevedra), que xa teñen tamén os materiais para montar o seu laboratorio de radio, segundo informan no seu blogue. 

Relación de centros inscritos en "Voluntariado na biblioteca escolar" e "Voluntariado de lectura-A"

 

O Portal Educativo publica as listaxes de centros inscritos en dúas accións integradas no programa "Bibliotecas Escolares Solidarias" para o curso 2017/2018:

  • Voluntariado de lectura-A (alumnado de 5º e 6º de primaria)
  • Voluntariado na biblioteca escolar (secundaria)

Este programa foi convocado segundo Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do pasado 27 de novembro de 2017, froito da colaboración entre a CCEOU e a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Aumenta o número de centros adheridos a estes programas que xa acolleron un bo número de participantes no curso anterior. En Voluntariado de lectura-A (primaria) participaron no curso 2016/2017 un total de 1.919 alumnos e alumnas; no mesmo curso, realizaron actividades de voluntariado na súa biblioteca escolar un total de 803 alumnnos e alumnas de centros de ensino secundario. 

 

Traballos seleccionados no IV Concurso de Traballos por Proxectos

CEIP Meaño-As Covas

 

O Portal Educativo publicou onte a Resolución do 4 de decembro de 2017 pola que se dan a coñecer os traballos seleccionados no IV Concurso de Traballos por Proxectos, convocado pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para o pasado curso 2016/2017. A este concurso candidatáronse un total de 102 traballos e foron seleccionados un total de 21 proxectos.

O IV Concurso de Traballos por Proxectos, coordinados ou realizados co apoio da biblioteca escolar, é unha iniciativa integrada no Plan LÍA 2016/2020 de bibliotecas escolares. No desafío nº 11 deste Plan, denominado"Aprendizaxes por proxectos e outras metodoloxías activas" recollese o interese por "propiciar o emprego dos recursos e servizos da biblioteca escolar no desenvolvemento das prácticas cotiás, con apoio preferentes ás metodoloxías activas e colaborativas". Este certame é unha das iniciativas contempladas para traballar neste ámbito. Búscase estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias de traballos por proxectos, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinario ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación do equipo de biblioteca escolar ou co apoio desta, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ABP), realizados en centros públicos non universitarios.

No seguinte cadro pódese acceder ás memorias presentadas polos centros que finalmente foron galardoados neste certame:

Modalidade

Temática

Centros Premiados

Concello

Provincia

Título

1. Proxectos Documentais integrados, coordinados
desde a biblioteca escolar

Xenérica

EEI Barrionovo

Arteixo

A Coruña

Non somos robots

CEIP Nicolás del Río

Cedeira

A Coruña

Mares de Cedeira

CEIP Milladoiro

Malpica de B.

A Coruña

Pintamos moito!

CEIP P. de Meaño-As Covas

Meaño

Pontevedra

Encende Tele Coviña

IES Faro das Lúas

Vilanova de Arousa

Pontevedra

Buscando a Valle

CEIP P. Sobreira Valadares

Vigo

Pontevedra

Con Vigo na maleta

Ciencias

CEIP Virxe do Corpiño

Begonte

Lugo

Faiuco é astronauta

CEIP de Leirado

Salvaterra de Miño

Pontevedra

Quen sementa, recolle

IES Castro Alobre

Vilagarcía de Arousa

Pontevedra

Descubrimentos e inventos

2.a. Proxectos de
investigación de grupo/nivel

Xenérica

CEIP Enrique Barreiro Piñeiro

Cambados

Pontevedra

Proxecto comedor

EEI Concepción Crespo Rivas

Pontevedra

Pontevedra

Pequenos artistas, grandes obras

Ciencias

IES Celanova Celso Emilio Ferreiro

Celanova

Ourense

3D: do cicel á impresora

CEIP Nosa Señora dos Remedios

Ponteareas

Pontevedra

Pitiños: un proxecto do ovo á galiña

2.b. Proxectos de
investigación de ciclo/departamento

Ciencias

CIFP Coroso

Ribeira

A Coruña

Colleitadores

2.c Proxectos realizados na
materia de 1º /2º de ESO “Investigación e tratamento da información” ou
noutras materiais equivalentes en ESO ou primaria

Ciencias

CEIP Quintela

Moaña

Pontevedra

Día da Ciencia en Galego en 4º de Primaria

3. Proxectos de investigación intercentros

Xenérica
ou científica

CEIP Francisco Vales Villamarín

Betanzos

A Coruña

Descubrindo as cores do mundo. Unha viaxe en globo

EEI de Fontelo

Coirós

A Coruña

Descubrindo as cores do mundo. Unha viaxe en globo

EEI de Coirós de Arriba

Coirós

A Coruña

Descubrindo as cores do mundo. Unha viaxe en globo

IES P. Fontexería

Muros

A Coruña

Atrevéndonos a valorar o valioso

CEIP Felipe de Castro

Noia

A Coruña

Atrevéndonos a valorar o valioso

CEIP P. Pepe de Xan Baña

Santa Comba

A Coruña

Atrevéndonos a valorar o valioso