Blogue
Protocolo da Biblio
quinif — Dom, 18/10/2020 - 13:57
Agora que comezamos a andar xa dun xeito máis seguro nesta volta ao colexio, é o intre de abrir e aproveitar os recursos da Biblioteca.
Para iso seguiremos as normas e recomendacións que vos presentamos aquí:
Ata sempre Mafalda!
quinif — Lun, 05/10/2020 - 19:48
Hai uns días que nos deixou Quino, o inigualable autor de Mafalda, esa eterna defensora das causas perdidas. Mafalda, si, esa meniña do laciño no seu pelo negro que nos fixo reflexionar sobre este mundo que temos construído.
Mafalda defendeu a igualdade, os dereitos da muller e dos cativos, a xustiza, a honradez, os dereitos das clases populares e a saúde da nosa Terra.
Con Guille, o seu irmá, e cos seus amigos Miguelito, Susanita, Felipe, Libertad e Manuelito nos anima a ver o mundo con outros ollos, a comprender aos demáis e a comprendernos a nós mesmos, a tomar conciencia e a actuar.
Deixámos aquí un recurso para que releamos algunhas das súas historias.
Grazas Mafalda.
Grazas Quino.
O Dino estavos a agardar
quinif — Ven, 07/08/2020 - 08:49
Despois de moito tempo confinados, de ter pasado á nova normalidade e demáis cousas raras que nos teñen acontecido nestes últimos tempos, Dino estavos a agardar na Biblioteca do colexio.
Este novo ano terá que ser distinto aos anteriores; ten que haber novas normas de uso para garantir que non nos vaiamos contaxiar nen contaxiar aos demáis, pero iso non vai impedir que sigamos desfrutando das nosas lecturas, dos nosos escornabots, dos nosos retos fuchiqueiros, dos programas de radio, das lecturas compartidas dos nosos clubs...
Polo de agora aproveitade o verán para poñervos morenos, bañarvos moito e estar coa familia... e cando comece o curso aquí estará DinoSabio agardando por vós!
Máis traballos colaborativos ao través do WhatsApp
quinif — Mér, 01/07/2020 - 10:48
Seguen chegando traballos realizados durante o confinamento pola pandemia do Coronavirus. Desta volta son un conto realizado polo alumnado de 2ºA titulado "A Bolboreta Investigadora", e un poema colaborativo de 1ºB co título de "O Coronavirus".
Os traballos feitos en colaboración ao través do WhatsApp nos permitiron neste tempo manter acesa a nosa comunidade creativa, a nosa capacidade de crear en conxunto, colaborando a pesares da distancia.
Moitas grazas a tod@s as que participastes nesta iniciativa, e en especial ás nais e aos pais que axudaron a crear esta comunidade creativa ao través dos seus teléfonos móbiles.
A Bolboreta Investigadora by Xoaquín Freixeiro on Scribd
poema 1ºB by Xoaquín Freixeiro on Scribd
Don Dinosabio anda polas paredes
quinif — Mér, 01/07/2020 - 10:00
Pois si, Don Dinosabio está que se sube polas paredes... para ler a nosa literatura.
Estes días estivemos a pintar nas paredes da Biblioteca un pequeno mural onde Don Dinosabio repousa nunha rima de libros formado cunha escolma de textos que nos poden facer pasar unha temporada ben entretida desfrutando do mellor da nosa literatura.
E aí mesmo vos estará a esperar para cando, no vindeiro setembro, nos volvamos a ver no colexio.
Velaquí tedes unha reportaxe gráfica do proceso.
Ata setembro... botámovos de menos!
Coñece a Biblioteca dixital
quinif — Ven, 12/06/2020 - 08:58
A Asesoría de Biblioteca sigue mellorando o catálogo e a accesibilidade da Biblioteca Dixital de Elbe-2.
Segue os enlaces dos códigos QR e descubrirás que podes ler durante estas vacacións.
Feliz 75 Cumpreanos para Pippi Mediaslongas
quinif — Mar, 26/05/2020 - 12:22
Cando a filla de Astrid Lindgren enfermou de pneumonía en 1941 comezou a contarlle historias sobre unha nena inventada para entretela, a quen chamou Pippi. Inventou tantas e tantas historias que ao cabo acordou escribilas para lle regalar o libro para cando a súa filla cumprise os 10 anos.
A publicación das historias non chegaría deica 1945, hai 75 anos, cando gañou coa historia da nena máis forte do mundo un premio dun concurso literario convocado por unha editorial.
Pippi Mediaslongas foi traducida a máis de cen idiomas (tamén ao galego da man da editorial Kalandraka) e o seu éxito foi impulsado, ademáis, por unha serie de televisión que se estreou en 1969.
Pippi fíxonos rir coas súas tolemias: regar o xardín aínda que chovera, a súa forza capaz de levantar no ar ao seu cabalo, o seu descaro, o seu bo corazón e ... e tamén porque é a primeira nena que facía tremer de medo aos piratas malvados.
Sempre acompañada de Tommy e Anika e os seus animais, o mono chamado señor Nilsson e Pequeno Tío, un cabalo a lunares e un maletín cheo de moedas de ouro, nos mostra o mundo dende unha óptica completamente nova.
Recomendar a súa lectura é obrigado, xa que son historias desbordantes de maxinación e humor, pero antes podedes ir abrindo a boca co primeiro capítulo da serie de televisión que podedes ver aquí mesmo.
Trágame Terra 2020 e Dinoradio, as nosas homaxes a Ricardo Carvalho Calero
quinif — Ven, 15/05/2020 - 00:31
Coma todos os anos por esta época editamos o noso número da revista escolar "Trágame Terra", adicada neste ano 2020 ao autor e estudoso do idioma D. Ricardo Carvalho Calero.
Como este ano andamos de "desescalada" non editaremos a revista en papel, así que se queredes ter un recordo do traballo realizado, descargade a revista e, se queredes, podédela imprimir.
Ao ter que facer todo o traballo ao través de imaxes que nos fostes mandando, a revista pasou a ter un "peso considerábel", o que fai que non a podamos colgar directamente na páxina na calidade que nos gustaría, así que se queredes descargar unha versión de máis calidade aquí vos deixamos un enlace:
https://drive.google.com/file/d/1p7VcoSK30yqzXly7KD6Jk8LWbvQI7f5R/view?usp=sharing
Pero para botarlle unha ollada aquí vos deixamos o número da revista.
Tragame Terra 2020 by Xoaquín Freixeiro on Scribd
Tamén vos deixamos un novo programa de Dinoradio, que realizamos, coma o anterior, ao través do WhatsApp, e no que co gallo da celebración das Letras Galegas 2020, rendemos unha homenaxe ao noso Ricardo Carballo (Carvalho) Calero.
