Blogue
Volvemos coa nosa Olimpíada máis sabia!
quinif — Mar, 07/03/2023 - 12:33
Coma todos os anos, entre o Entroido e a Semana Santa, ten lugar a nosa Olimpíada do Saber.
Este ano vai adicada ao tema da enerxía, que é o proxecto documental no que andamos a traballar. Daquela, como tod@s imos estar moi ao tanto dos tipos
de enerxía, renovables ou non, contaminantes ou limpas, sustentables ou non, seguro que vai ser unha olimpíada mítica, desas que fan historia.
Xa vos iremos contando como vai a clasificación do concurso, pero antes, lembrarvos como se puntúa nel: podedes entregar a resposta calquera día da semana, pero se a entregades o primeiro día, e tedes a resposta correcta, acadaredes 4 puntos. O segundo día serán 3, o terceiro 2 e o cuarto día só 1 punto.
É importante que vos aseguredes de que a resposta é correcta, aínda que teñades que esperar un día máis para ler unha pista adicional, porque as respostas incorrectas puntuan 0 puntos, e iso é malo para as vosas aspiracións na olimpíada.
Por último, lembrade que é un xogo de equipo, e que teredes que estar de acordo tod@s @s integrantes do equipo na resposta que poñades.
Nova edición do programa Lectura e Familias
quinif — Xov, 02/02/2023 - 11:51
Volvemos a poñer en marcha as actividades relacionadas coa lectura e as familias, que botamos a andar no curso pasado.
Se lembrades tivemos un club de lectura, outro de escritura creativa e dúas conferencias (Ana Meilán e Cristina Novoa) que nos abriron os ollos ao mundo da promoción da lectura co@s cativ@s.
Este ano imos facer un club que axuntará a lectura e máis a escritura, xa que imos ler un fermoso libro de Gonzalo Moure, que nos vai ensinar a compoñer textos dende os máis pequenos (o micro-relato) ás formas máis acabadas e extensas (conto, novela).
Tamén imos ter algunha que outra charla para seguir a concienciarnos da importancia que ten a promoción da lectura para o desenvolvemento da rapazada. Para iso imos comezar cun obradoiro para a lectura de contos que desenvolverá Manuel Caramés, director do grupo de teatro Gargallada, e que xa nos acompañou hai uns anos nun obradoiro de características similares e do que tod@s gardamos un bo recordo.
O obradoiro se realizará o día 15 ás 17:15 horas na biblioteca do centro.
Así que xa sabedes, reservade na vosa axenda esa data, porque a actividade promete!
@s nos@s autor@s volven a soar con voz alta
quinif — Ven, 27/01/2023 - 10:51
Neste ano da recuperación de actividades, volve a soar a lectura en voz alta d@s nos@s autor@s na mañanciña dos venres na voz, desta volta, do alumnado de 2ºA.
A partires de agora, e deica o remate do curso, os venres serán os días en que cada clase nos amose parte do traballo que fan na clase lendo e recitando textos d@s escritor@s galeg@s.
Non se me ocorre mellor xeito de empezar o día!!!
Outra vez "o martes... conto"
quinif — Mar, 15/11/2022 - 17:29
Esta semana estamos de noraboa, porque estamos recuperando algunhas das actividades que máis felices nos facían, como son os apadriñamentos lectores, e como non, "os martes....Conto".
E nos fan felices porque é o alumnado e as familias as que collen as rédeas destas iniciativas e partillan o seu gusto pola lectura, facendo, de seguro, nenas e nenos lectores do futuro.
Moitas grazas ás nais e pais contadores de contos, por traernos a ilusión, a fantasía e a maxinación á biblioteca.
E ao resto, animádevos a vir escoitar contos e, porque non, a contalos!
Volven os apadriñamentos lectores
quinif — Lun, 14/11/2022 - 12:36
Rematou a pandemia e podemos volver a atoparnos nos recreos, a ser unha comunidade lectora e solidaria. Así que volvemos ter a felicidade de ver no patio de infantil ao alumnado de sexto que van contar aos seus alumn@s apadriñad@s un contiño no recreo.
Por iso vos deixamos aquí a constancia gráfica dos apadriñamentos lectores que de novo volven a encher de historias os nosos recreos.
Samaín no Condesa
quinif — Ven, 28/10/2022 - 11:17
Deixámovos aquí o vídeo co que queremos aterrorizarvos nesta festa do Samaín.
Tamén queremos animarvos a ler algúns destes títulos, escolmados para vós de entre os títulos de terror da nosa biblioteca
Tamén vos deixamos un vídeo de como o alumnado de sexto curso preparou o tunel do Terror, que despois da pandemia puido volver a se realizar
Sssshhhhh!!!! Volve a lectura silenciosa
quinif — Lun, 03/10/2022 - 10:29
Volve, co outono e a xornada partida, a Lectura Silenciosa ás nosas aulas. Así é como comezamos a nosa xornada escolar, cuns minutos de lectura persoal, en silencio, concentrados, desfrutando de todo o que nos pode ofrecer un libro, esa fiestra ao coñecemento, á fantasía, ao pasado e ao futuro.
E así continuaremos durante todo o curso, aprendendo a ser lector@s en compañía dos nos@s compañeir@s.
Lectura, familias e Cristina Novoa
quinif — Mér, 04/05/2022 - 08:52
Onte tivemos o enorme placer de ter connosco a Cristina Novoa, que veu falarnos do acompañamento lector, base imprescindíbel para criar lector@s crític@s, ávid@s, curios@s...
Cristina é unha das maiores especialistas en bibliotecas escolares do Estado Español, e baixo a súa dirección se desenvolveron múltiples programas de promoción da lectura, como o material ao que podedes acceder polo seguinte código QR.
A súa visita enmárcase dentro do programa de lecturas e familias, que a máis dun club de lectura e outro de escritura, organizou a charla da escritora Ana Meilán e ten adiado un obradoiro de contacontos con Manuel Caramés, que realizaremos en breve.
Lectura e Familias está a ser unha iniciativa que está achegando estratexias para que dende a escola e a contorna familiar traballemos en conxunto para acadar ese achegamento á lectura tan desexado por todos nós.
Celebrando o día do Libro
quinif — Sáb, 23/04/2022 - 18:23
Volve unha certa normalidade, tras estes anos de COVID, ás actividades da Biblioteca, desta volta cunha nova visita de Paco Nogueiras, da man da Editorial Kalandraka, que nos veu contar unha serie de contos (o can de Milu, Selva, e outrosm albumes ilustrados).
O espazo foi o patio cuberto, onde puidemos montar un escenario e co fondo do mural de Florencio, co que cremos que foi un marco estupendo para realizar esta actividade.
Todos acabamos cantando e batendo palmas, e desfrutando coas lecturas que é o mellor xeito de animarnos a sermos lectoras e lectores autónomos.
Deixámovos aquí unha pequena escolma de fotos da actividade que son a mostra dese agromo desta primavera que anuncia que volveremos a ter unha vida máis ou menos normal.
Vídeo do mural de Florencio
quinif — Lun, 21/02/2022 - 20:07
Durante a realización do noso mural sobre Florencio fomos tomando algunhas instantáneas da nosa comunidade traballando. Sen dúbida é un fermoso xeito de mostrar o bo que é o traballo en equipo, que tira de cada un de nós o mellor que temos para ofrecer: a nosa creatividade, o noso esforzo, a nosa colaboración...
Valores, sen dúbida, todos eles presentes na obra de Florencio.