Proxectos

Informacións sobre os Proxectos Documentais promovidos dende a Biblioteca Escolar

Xogando coa CDU

A dirección xeral de Centros e Recursos Humanos vén de convocar un concurso de ideas para traballar a CDU nas clases. De seguro que xurdirán ideas excelentes das que nos aproveitaremos tod@s e que nos servirá para ser usuarios máis eficientes da Biblioteca.

Nós tamén queremos achegar o noso grao de area, e velaquí, neste enlace chégase a unha secuencia de actividades ao redor do tema da CDU.

 

O foguete do Condesa vai despegar cara a Galaxia 3B-nus

Este ano houbo moitos e moi interesantes proxectos de investigación dentro do noso colexio.

Un deles é este proxecto de investigación titulado "Galaxia 3B-nus", que nos converteu a todos e a todas en astrónomos e astronautas.

Fixemos moreas de cousas, e aprendemos moito: traballamos con Escornabots, fixemos impresión 3D, elaboramos lapbooks, gravamos vídeos e estreamos a pantalla Chroma, aprendemos a citar os libros e webs que usamos na nosa investigación, fixemos galletas, presentamos o noso traballo en público...

Se queredes saber máis polo miúdo que é o que fixemos podedes consultar esta WEB.

Non vos ides arrepentir.

 

A historia do Barco ao través dos seus edificios

Xa  temos a web do proxecto documental do curso 2013-14, na que investigamos sobre a historia dos edificios máis senlleiros do Barco de Valdeorras.
A nosa idea é que a Web sexa accesible dende dispositivos móbiles, para o que imos colocar códigos QR nos edificios que permitan á xente do lugar, e aos forasteiros que nos visiten, coñecer un pouco máis sobre as edificacións do noso pobo.
Mentres non colocamos os códigos podedes acceder á Web dende aquí.

A Castaña e o Castiñeiro

No ano 2016-17 estivemos a traballar procurando documentación sobre a castaña e o castiñeiro, algo moi noso, de Valdeorras.

O Barco, aínda que é máis famoso polo viño, ten os seus montes inzados de soutos, e a castaña é un produto de moita importancia para a economía da nosa comarca.

No colexio unha das festas máis queridas é o Magosto, onde todos o pasamos de marabilla, así que por que non investigar sobre esta festa, sobre a árbore e o seu produto, sobre as súas pegadas na literatura popular (refráns, adiviñas, cantigas...) e sobre as larpeiradas que podemos facer coas castañas na cociña.

Así que nos puxemos a traballar, e os resultados deste traballo de investigación, así como algunhas actividades para divertirnos ao tempo que aprendemos, puxémolo nun eXe, que está á vosa disposición.