Blogue

Vídeo do mural de Florencio

Durante a realización do noso mural sobre Florencio fomos tomando algunhas instantáneas da nosa comunidade traballando. Sen dúbida é un fermoso xeito de mostrar o bo que é o traballo en equipo, que tira de cada un de nós o mellor que temos para ofrecer: a nosa creatividade, o noso esforzo, a nosa colaboración...

Valores, sen dúbida, todos eles presentes na obra de Florencio.

 

Creatividade na Biblioteca: creando un mural para Florencio

Tanto o Equipo de Biblioteca coma o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do colexio puxemos en marcha baixo a dirección de Chere, un artista orixinario do Barco, e da súa compañeira Susana que se adicou máis á dirección da parte pictórica, a elaboración deste mural co que queremos homenaxear ao autor nacido en Córgomo, Florencio Delgado Gurriarán, ao que a Real Academia Galega adica as letras galegas deste ano 2022. O mural elaborado integramente polo noso alumnado, continuará a súa elaboración o próximo luns, xa que no traballo das clases houbo que aplicar quendas para cumprir co protocolo anticovid.

O mural ten tres panos, un adicado ao retrato do autor, outro central cunha paisaxe valdeorresa e o terceiro pano no que cada clase escribirá un verso de Florencio Delgado Gurriarán que escolleron de entre os poemas da obra de Florencio.

Deixámovos unha escolma de fotografías do proceso de elaboración deste mural homenaxe.

Primeira actividade de Familia e Lectura

Onte tivemos ás 4 da tarde a primeira actividade do programa de Familia e Lecturas, cunha conferencia de Ana Meilán que nos falou da importancia da lectura para o noso desenvolvemento persoal, e animounos a ler e escribir.

Pola mañá tivo un encontro co alumnado de distintos niveis do colexio, e a tarde foi adicada a este encontro coas nais que se achegaron ao centro.

Esta actividade vai ter continuidade con outras charlas e obradoiros e a posta en marcha de clubs de lectura e de escritura creativa.

Invitámovos, xa que logo, a participar destas actividades que estamos seguros que serán de moito proveito para todos nós.

Conferencia de Ana Meilán

Mañá ás 4 da tarde Ana Meilán, escritora lucense de literatura infantil, terá un encontro coas familias do centro.

Ler e escribir non entenden de imperativos é o título da súa charla, coa que nós tentamos achegar medios de promocionar a lectura dende as familias para inocular este bo vicio, o do ler e escribir, a todo o noso alumnado.

Non deixedes de acudir.

30 de Xaneiro: Día da Ilustración

Todos os anos se celebra o 30 de xaneiro o Día da Ilustración. A ilustración nos dá unha visión complementaria, enriquecedora dun texto, facilitándonos a relación coa trama que se nos conta.

A máis disto hai ilustracións dunha calidade excelente, cun valor artístico de seu, que mesmo se convirten elas soas, sen texto, nun libro de valor excepcional.

Dende hai uns anos levamos traballando os mestres das bibliotecas de Valdeorras e Trives nun seminario de Ilustración, e este ano comezamos a traballar nos poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que lle adicamos as Letras Galegas deste ano 2022.

O ano pasado fixemos algúns traballos de ilustracións baseándonos no Libro dos Moradores de Darío Xohan Cabana, e aquí vos deixamos o noso traballo, recompilado pola nosa mestra Isidora, coordinadora da Biblioteca do IES de Celanova, premio nacional de Bibliotecas deste ano,  para que xuntos celebremos esta data.

Darío, sempre connosco

Abraiados lemos a nova do pasamento de Darío Xohán Cabana, e pensamos que os lectores galegos quedamos orfos sen esta gran persoa e escritor inesquecible.

Eu non podo declararme menos que namorado do seu "Galván en Saor", un libro marabillosamente escrito onde canda a modernidade convive en máxica harmonía o celme dos libros de cabaleiría, o ciclo artúrico herdeiro do Merlín mindoniense.

E que dicir do "libro dos moradores", de "Cándido Branco e o Cabaleiro negro", ou "as aventuras de Breogán Folgueira", e como non da súa impresionante tradución da Divina Comedia.

O ano pasado tivemos aquí no Barco un grupo de traballo sobre ilustración que traballou sobre os contos do libro dos moradores, e na reunión final, onde mostramos os nosos traballos acudiu Darío para ver os deseños inspirados na súa obra. Coma sempre as súas intervencións foron esclarecedoras sen por iso esquecer o  humor.

A nosa biblioteca, que tivo a sorte de que nos visitara en 3 ocasións, non ha parar de chorar a súa perda.

Deica sempre, Darío.

Letras Galegas 2022 para o noso Florencio Delgado Gurriarán

Hoxe é un día de noraboa para a nosa biblioteca, para o noso centro e a nosa bisbarra e para Galicia Enteira, xa que a Real Academia Galega acordou adicar a festa das nosas letras do vindeiro ano 2022 a Florencio Delgado Gurriarán, o poeta de Córgomo e México, o defensor das nosas libertades, o cantor xeórxico dos bacelos da bocarribeira do Sil...

Estamos felices de ter contribuído na nosa modesta medida a que se lle concedese esta honra ao noso autor.

Dende hai anos, dende que puxemos en marcha a nosa biblioteca e tivemos que lle poñer un nome, eliximos o do noso poeta e hoxe non podemos menos que nos gabar desa decisión.

Haberá, xa que logo que irmos pensando en traballar arreo para ensalzar máis, se couber, ao noso amigo e guieiro, o poeta Florencio Delgado Gurriarán.

Biografía de Xela Arias

Coma vén sendo habitual, todos os anos por estas datas as rapazas e rapaces de sexto, collen os pinceis e se poñen a deseñar o cómic do autor ou autora a quen se lle adica as letras galegas deste ano.

Este ano o cómic, como non pode ser doutro xeito, vai adicado á Xela Arias, e aquí o tedes:


 

Aínda nada?

E para rematar este día de celebracións temos unha achega para os máis pequeniños da man da profe Sonia. Deixámovos este vídeo que de seguro ides desfrutar.

 

Mercadiño de Intercambio de Libros

Aínda que non puidemos facer o mercadiño de intercambio de todos os anos, si que puidemos facer moitos pequenos mercadiños en cada aula.

Trouxemos os libros, deixámolos pasar a corentena na clase, e hoxe, día do Libro, procedemos a cambialos grazas aos dólares de Xela Arias que, como todos os anos, serven de moeda de intercambio no mercado.

Esperemos que en breve, segundo avancen as vacinas e comecemos a ver o final do túnel deste pesadelo no que nos fai vivir a Covid-19, poidamos a realizar o mercado como todos os anos... pero mentres tanto seguimos desfrutando da lectura e do noso amor aos libros.

Powered by Drupal - Design by artinet