Darío, sempre connosco

Tagged:  

Abraiados lemos a nova do pasamento de Darío Xohán Cabana, e pensamos que os lectores galegos quedamos orfos sen esta gran persoa e escritor inesquecible.

Eu non podo declararme menos que namorado do seu "Galván en Saor", un libro marabillosamente escrito onde canda a modernidade convive en máxica harmonía o celme dos libros de cabaleiría, o ciclo artúrico herdeiro do Merlín mindoniense.

E que dicir do "libro dos moradores", de "Cándido Branco e o Cabaleiro negro", ou "as aventuras de Breogán Folgueira", e como non da súa impresionante tradución da Divina Comedia.

O ano pasado tivemos aquí no Barco un grupo de traballo sobre ilustración que traballou sobre os contos do libro dos moradores, e na reunión final, onde mostramos os nosos traballos acudiu Darío para ver os deseños inspirados na súa obra. Coma sempre as súas intervencións foron esclarecedoras sen por iso esquecer o  humor.

A nosa biblioteca, que tivo a sorte de que nos visitara en 3 ocasións, non ha parar de chorar a súa perda.

Deica sempre, Darío.