Curso 2015/16

Excursión a Begonte e Lugo

O alumnado de 1º e 2º de ESO da materia de Relixión  realizou unha excursión na que en primeiro lugar viron o Belén electrónico de Begonte. Tras esta visita estiveron en Lugo onde visitaron a catedral tras pasar pola Porta Santa; a Domus do Mitreo onde viron os restos dun templo  e unha casa romanos, o museo provincial con variedade de obras de arte desde mosaicos romanos, arte sacra, arte galega, arte moderna , e finalmente remataron a excursión cunha  volta a muralla romana.

Actividades de Nadal

O venres 18 de decembro tiveron lugar no Instituto diferentes actividades para despedir o trimestre. Todo o alumnado do centro participou nalgunha destas actividades:

1º ESO: Asistiron na Biblioteca a representación a cargo da narradora Teresa Grau. Facendo click na seguinte imaxe accédese a unha pequena galería de fotos:

2º ESO: Foron ao cine a ver a película "The Martian" acompañados polos seus titores:

3º ESO: Participaron nun trimaratón deportivo nos ximnasios e no polideportivo do centro, competindo nas disciplinas de fútbol sala, baloncesto e voleibol. Facendo click na imaxe pódense ver algunhas fotos da competición:

4º ESO, 1º e 2º BAC: Asistiron ao concerto do grupo "The Poet's Silence" no salón de actos do centro:

 

Ademais durante o tempo de lecer, na entrada do centro, o alumnado da materia de música interpretou diferentes villancicos:

4º ESO: Noche de Paz

2º ESO: Jingle Bells Rock

4º ESO: Nadal de Luintra

1º BAC: O neno Xesús

E ao rematar a actuación a profesora de música repartiu letras de diferentes temas e todos os que quixemos cantamos villancicos tradicionais. Unha boa forma de despedir o trimestre e darlle a benvida ás vacacións de Nadal.

The Poet's Silence actuarán o 18 de decembro no IES Río Cabe

Dentro das actividades para conmemorar o 50 aniversario do IES Río Cabe, e para despedir o mes de Decembro, actuarán no noso centro o grupo "The Poet's Silence", creado por exalumnos do Instituto e sendo un dos seus compoñentes o profesor Xurxo Rodríguez Labrador:

Algunhas imaxes do concerto: http://www.edu.xunta.gal/centros/iesriocabe/galeria/thumbnails.php?album=137

Actuación do grupo "O Trícole"

Dentro dos actos do cincuenta aniversario da creación do IES Río Cabe, tivemos hoxe 10 de decembro, no salón de actos do centro, un concerto didáctico do grupo musical da localidade de Sober "O Trícole".

O seu Director, Alfonso Campos, (antigo alumno do Instituto) contounos moitas historias acerca dos villancicos, os usos e costumes das festas de Nadal e as tradicións galegas. Entre conto e conto "O Trícole" foi interpretando diferentes villancicos. Está formación está integrada por 17 persoas e un dos seus obxectivos é a recuperación de cantares tradicionais galegos e da comarca de Lemos.

Facendo click na seguinte imaxe accedese a unha pequena galería de fotos da actividade:

Tamén podedes visualizar esta pequena mostra da actuación do grupo "O Trícole":

 

 

Obra de teatro en francés

O alumnado de francés do segundo ciclo da ESO asistiu o mércores 25 de novembro a unha obra de teatro en francés no Teatro Principal de Ourense, Doit-on le dire?, de Eugène Labiche.

Despois tiveron tempo para visitar varias exposicións fotográficas no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Facendo click na seguinte imaxe accedese a unha pequena galería de imaxes:

Charla-Coloquio de Francisco Conde - Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

Don Francisco Conde López, Conselleiro de Economía, Emprego e Industria impartiu unha charla-coloquio no salón de actos do centro ao alumnado de bacharelato. Como premisa destacou que “non hai que poñer límites ás aspiracións persoais” e salientou que, para iso, é imprescindible a formación permanente. “Se vos teño que aconsellar algo, son tres palabras: formación, formación e formación”, dixo o conselleiro, que animou aos escolares a “aproveitar todas as ocasións” para abordar novos proxectos de aprendizaxe.

Durante a charla, o conselleiro chamou a apostar pola curiosidade investigadora, pola paixón vocacional, pola seriedade no traballo e polo labor de equipo, valores que, resaltou, farán do noso alumnado homes e mulleres que marquen o paso da Galicia do futuro. Francisco Conde resaltou que eses mesmos valores impregnan moitas das novas compañías tecnolóxicas galegas, e apuntou que son eses valores os que lles teñen permitido as empresas galegas innovar con éxito e lanzarse aos mercados internacionais.

Facendo click na seguinte imaxe accedese a unha pequena galería de fotos do acto:

 

Vídeo-resumo da conferencia: http://www.edu.xunta.gal/centros/iesriocabe/node/653

Visita ao Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos

O alumnado do CS de Guía, información e asistencia turísticas asistiu a unha charla e visita guiada ao Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos.

Durante a mesma, Issac - o Xefe de Estudos, explicou as labores técnicas e prácticas así como os distintos ciclos formativos que se imparten nese centro.

Tamén tiveron a posibilidade de dar un paseo pola finca e observar os bancos de xermoplasma de maceiras, videiras e pereiras; así como a adega onde elaboran viño e licores.

Excursión a "Galiciencia"

O mércores 18 de novembro o alumnado de 2º ESO asistiu no Parque Tecnolóxico de Galicia a Galiciencia, unhas xornadas sobre ciencia e tecnoloxía que se celebran anualmente durante a semana da ciencia.

A organización correspondeu ao Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, acompañando aos alumnos Eduardo López, Eva Mª López e Rocío López.

Facendo click na imaxe accedese a unha pequena galería de fotos da excursión:

 

Donkey Xote

O pasado xoves, 12 de novembro, enmarcado dentro das actividades que realiza o Concello de Monforte de Lemos, subvencionado pola Deputación de Lugo, e coa colaboración do Cine Clube A Calexa, para conmemorar o IV Centenario da publicación da segunda parte do libro "EL INGENIOSO CABALLERO DON QUIJOTE DE LA MANCHA", o alumnado de 1º ESO asistiu á proxección dunha película de animación basada precisamente na segunda parte desta obra, DONKEY XOTE.

 

Charla de ex-deputados do Parlamento de Galicia

O pasado mércores 11 de novembro tivo lugar no salón de actos unha actividade proposta polo Parlamento de Galicia e a Asociación de Exparlamentarios. No acto, consistente nunha charla coloquio  participaron os exdeputados Nazario Pin Fernández (PPdeG), Margarita Rodríguez Otero (PSdeG-PSOE) e Mª Xosé Vega Buxán (BNG).

Estas charlas coloquio teñen como obxectivo que os estudantes poidan coñecer de preto o traballo que se desenvolve no Parlamento de Galicia. A charla e a rolda de preguntas por parte do alumnado completouse coa proxección dun video que fai un percorrido pola realidade da  principal institución política de Galicia.

 

Distribuir contido