Curso 2015/16

Excursión a Ferrol e ás Fragas do Eume

Dentro das actividades do Proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o alumnado de 3º da ESO e 1º de BAC do centro, acompañados polo profesor de Bioloxía, Eduardo López Bravo, e polo profesor de Debuxo, Manuel Sánchez Seco, realizaron este fin de semana unha viaxe de estudos a Ferrol e ás Fragas do Eume.

A viaxe está incluida nos denominados "Intercambios Territoriais" do Proxecto Terra, e durante os dous días da excursión, os alumnos do centro realizaron diversos itinerarios polos barrios do Ferrol Vello e da Magdalena, onde poideron valorar diversas cuestións relacionadas co urbanismo e co patrimonio arquitectónico, materias coas que estiveron a traballar previamente na aula. A estadía completouse cun percorrido polas Fragas do Eume, parque natural de Galicia.

Podedes ver o seguinte vídeo explicativo da excursión e tres fotos enviadas polos profesores:

Vídeo-presentación coas fotos do alumnado do IES Río Cabe:

EXCURSIÓN DE DIVULGACIÓN XEOLÓXICA NA RIBEIRA SACRA

O día 27 de abril, mércores, o alumnado de  Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO e 1º de BAC participou nunha excursión no entorno do Canón do Sil, guiada por un xeólogo con experiencia en divulgación. Ademais de observar procesos xeolóxicos actuais e do pasado, poideron observar a natureza e os monumentos da zona. Ás 8:45 sairon do noso centro en autobús, visitando entre outras cousas a canteira e o alto de Marroxo, onde observaron as formacións xeolóxicas das Capas dos Montes e das Pizarras de Luarca, así como as vistas da conca sedimentaria de Monforte. Pararon tamén no mirador de Doade para observar o canón do río Sil e a súa geomorfoloxía, regresando ao centro ás 14:15 horas.

Excursión a Gundivós e a Adegas Guímaro

O xoves catorce de Abril de 2016, o Ciclo Superior de guía, información e asistencia turísticas estivemos de visita polo Concello de Sober.

Asistimos a unha magnífica charla por parte de Pedro Rodríguez, propietario da Adega Guímaro, sobre os segredos e virtudes dos viños da Ribeira Sacra; ademais obsequiounos coa cata dos caldos que con tanto esmero elaboran.

Rematamos a visita a Sober na Reitoral de Gundivós, da man de Elías González, un dos derradeiros oleiros da comarca, que nos ensinou a rehabilitación do edificio do século XVIII, mentres nos falaba das potencialidades do mundo rural e artesán. Agasallounos ao fin coa elaboración dunha peza cerámica, dende o torno ao afumado, até dar a capa de pez; co que aprendimos as características únicas desta nosa cerámica.

Ruta do románico por Pantón

Nesta saída os alumnos e alumnas do ciclo superior de guía, información e asistencia turísticas percorremos algunas das xoias do románico de Pantón como o Mosteiro de San Salvador de Ferreira e a igrexa de San Miguel de Eiré.

A visita foi guiada pola historiadora Flora Enríquez, que foi quen de transmitirnos a súa paixón polo patrimonio da zona. E, para rematar, a nosa compañeira Alba agasallounos cun picnic sorpresa.

¡Repetiremos!

II Olimpíada de tradución de textos clásicos.

No día de onte, xoves 7 de abril de 2016, dúas alumnas do IES Río Cabe, Alba García Rodríguez e Iría Rodríguez Sánchez, presentáronse á II Olimpíada de Textos Clásicos en Santiago de Compostela. A Olimpíada está organizada pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos xunto cos Departamentos de Latín e Grego da Universidade de Filoloxía de Santiago de Compostela.

Acudiron a proba acompañadas polo seu profesor Xan Rosende López, que foi o encargado de preparalas e organizar o viaxe a Santiago para realizar os exames. As nosas alumnas tiveron un dobre mérito, pois fixeron as dúas probas, Grego e Latín. Na primeira tiveron que traducir un texto bastante extenso de Xenofonte, Ancíbasis e na materia de Latín outro texto de Eutropio, historiador latino.

Felicidades ás dúas pola súa valentía e afán de superación.

 

 

 

XIV Feira Medieval de Monforte

O alumnado do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turísticas participou na XIV Feira Medieval de Monforte, fixeron a montaxe e, grazas ao Concello de Monforte de Lemos, traballaron no stand de información da feira, ao que se achegaron moitos dos visitantes para coñecer os lugares, as actividades e as casetas da Feira Medieval. Unha experiencia divertida e práctica para a materia de "Marketing turístico". Ademais a alumna Nahir González foi premiada co 2º lugar no concurso individual de persoas adultas. Facendo click na imaxe accédese a unha pequena galería de fotos da actividade:

Xornalismo na escola

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa' veñen de pór en marcha a iniciativa 'Xornalismo na Escola'. Dentro desta iniciativa o pasdo venres 1 de abril Rebeca Romero impartíu un taller didáctico sobre comunicación ao alumnado de 3º e 4º da ESO durante hora e media. O obxectivo é introducir ao alumnado no mundo dos medios de comunicación, cada vez máis importante hoxe en día.

Obradoiro de baile moderno

Manuel Roldán, profesor de baile no conservatorio, impartiu o venres 18 de marzo un obradoiro de baile moderno ao alumnado de 1º ESO, co fin de ensinarlles unha nova forma de comunicación espertar o seu interese polo mundo da danza, crear afición, e ademais presentar o baile como unha fonte de disfrute e diversión.

Día da Árbore 2016

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Monforte de Lemos, convocou a tódolos centros de ensinanza, Primaria, Secundaria e Educación Especial, no parque do Río Seco hoxe 17 de marzo para conmemorar o Día da Árbore. Do noso centro asistíu o alumnado de 3ºA ESO acompañados pola profesora de lingua castelá, Loreto Albo, e a profesora de lingua galega, Luz Díaz.

Facendo click na seguinte imaxe do grupo de alumnado, podemos acceder a unha pequena galería do acto de prantación dunha falsa acacia e un pruno:

Distribuir contido