Skip to Content

Bioloxía e Xeoloxía

Visita ao Museo de Historia Natural da USC

 

O pasado 9 de abri, pola tarde, o mesmo grupo de 1º de Bacharelato e as profesoras que visitáramos o Hospital Clínico, realizamos unha visita guiada ao Museo de Historia Natural da USC.

Guiados polo biólogo encargado da visita, Tino, percorremos as distintas salas, nas que se encontran as exposicións permanentes sobre biodiversidade terrestre, biodiversidade mariña, o solo ou a xeodiversidade. As súas explicacións axudáronnos a non perdernos ante a cantidade e variedade de especímenes expostos.

Ao rematar a visita guiada, descendemos á planta baixa, para participar nun taller de taxonomía. Chegamos a unha sala na que se mesturaban os modelos anatómicos tridimensionais e os moblese coleccións típicas dun museo do século XIX, coas claves dicotómicas en tablets que nos recordaban que seguiamos no XXI.Alí, seguindo as valiosas indicacións de María, unha experta entomóloga, os nosos alumnos e alumnas, tiveron aoportunidade de identificar varios mamíferos.

Saímos do museo coa sensación de ter feito unha viaxe no tempo que nos permitiu saber máis sobre as orixes das Ciencias Naturais e experimentar o traballo dos naturalistas.

Visitamos o Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Clínico de Santiago (Chus)

O pasado martes, 9 de abril, un grupo de alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato, acompañados por dúas profesoras do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, tivemos o privilexio de realizar unha visita didáctica ao servizo de Medicina Nuclear do Hospital Clínico, respondendo á invitación do xefe do servizo, D.  Álvaro Ruibal Morell.

Guiados polos doutores Ruibal e Herranz, recibimos información de primeira man sobre o funcionamento do ciclotrón, sobre as principais liñas de investigación que se desenvolven nos laboratorios do servizo, e sobre as instalacións, os aparellos, a tecnoloxía e a atención aos pacientes na área de diagnóstico.

Durante a primeira parte da visita, mentres visitabamos o ciclotrón e os laboratorios, a explicación dos distintos profesionais que alí traballan, centrouse na investigación, produción e utilización de isótopos radioactivos de vida media baixa para diagnosticar con precisión enfermidades moi graves, como a necrosia diabética, través do PET, unha técnica de radiodiagnóstico baseada no estudo da actividade metabólica das células.

Na segunda parte da visita, que transcorreu na área de diagnóstico, explicáronnos o uso do PET para o diagnóstico preciso de enfermidades tumorais, como o cancro de mama. Vimos o coidado co que se atende aos pacientes e as medidas de seguridade existentes, para garantizar, a mínima exposición de pacientes e persoal sanitario á radiación. 

Tamén comprobamos que as augas residuais deste servizo, permanecen almacenadas, ata que perden a súa radioactividade, antes de seren vertidas aos sumidoiros. Isto é posible porque se utilizan isótopos de vida media baixa, de minutos ou horas, o que significa, que ao cabo de varios días deixan de ser radioactivos.

Foi unha visita excepcional, tanto polos coñecementos e a capacidade de compartilos, do doutor Ruibal e todo o seu equipo,  como pola calidade humana e a paixón polo seu traballo que todos eles e elas transmiten. 

 

 

O Proxecto Erasmus plus do noso Centro: "A importancia da Educación e a Historia"

 

Durante os vindeiros dous cursos o IES Praia Barraña vai participar nun proxecto Erasmus plus de intercambio escolar co colexio Bellahoj Skole de Copenhague (Dinamarca).

O proxecto está dirixido ao alumnado de 3º de ESO, pero esperamos que teña un impacto positivo en  todos os membros de ambas comunidades educativas 

O título do noso proxecto "A importancia da Educación e a Historia" resume a nosa motivación para levalo a cabo.

Durante o presente curso centrámonos na importancia da educación.

Queremos que antes de rematar o seu período de escolarización obrigatoria os nosos alumnos e alumnas comprendan a verdadeira importancia que a educación ten, non so neste momento das súas vidas, senón tamén, e moi especialmente, no  seu futuro.

O noso obxectivo principal é que cando deixen o noso Centro teñan completado os seus estudos e teñan claro o seu itinerario formativo posterior, ben sexa a través da Formación Profesional de Grao Medio ou de Grao Superior ou ben da Formación Universitaria.

Tamén queremos que sexan conscientes da importancia que ten na vida dos nenos e as nenas a crianza e a educación que reciben. Que entendan todo o que se necesita para conseguilo, que comprendan a responsabilidade que supón e que valoren o esforzo que realizan as súas familias para levar a cabo a difícil tarefa de sacalos adiante e educalos.

Así mesmo imos reflexionar sobre a influencia que o lugar de nacemento ten na vida das persoas.

De aí que consideremos fundamental coñecer mellor un período moi duro e especial da historia europea, as décadas dos anos 30 e 40 do século XX, e a súa trascendencia tanto para Dinamarca como para España e o resto de Europa.

A amizade, o bo entendemento, o intercambio cultural entre países da Unión Europea e a mellora no dominio da lingua inglesa, tamén son obxectivos do noso proxecto.

 

 

 

Como coordinadora do proxecto no IES Praia Barraña, estarei encantada de resolver calquera dúbida que teñades sobre o desenvolvemento do mesmo.

Ana Isabel Urbieta Balado 

Sete institutos galegos no Simposio Escolar de Climántica en Lisboa

Queremos compartir con todos vós este vídeo que acaba de publicar Climántica  e que resume a nosa experiencia xunto a outros seis institutos galegos en Portugal. De fondo a canción portuguesa,"Ninguém é dono do mar" interpretada pola nosa Rebeca. 

A Xuntanza de Lisboa e Aveiro na prensa

Xuntanza noticia

Neste enlace podedes ler a noticia publicada no Correo Galego

A música na xuntanza da rede de centros Climántica

Durante a nosa xuntanza en Portugal deleitámonos coas interpretacións dos nosos alumnos, Rebeca González Diéguez como solista, e Rodrigo, Ángel, Xoan e Aaron, como parte do coro.

Atentos e atentas á interpretación que fai Rebeca da canción "Amar pelos dois" coa que Salvador Sobral gañou en 2017 o festival de Eurovisión. Un homenaxe ao país que acolleu a nosa xuntanza.

Outra fermosa canción portuguesa, "O mar non é de ninguén", interpretada polo alumnado participante. O mar é de todos e todas. Do mar depende a nosa supervivencia e somos responsables da súa conservación e protección.

 

 

Xuntanza de centros da Rede Climántica en Aveiro e Lisboa

Porto-San Bento

 

Entre os días 17 e 20 de Maio, o IES Praia Barraña participou na Xuntanza de Centros da Rede Climántica que se celebrou en Aveiro e Lisboa. En Aveiro o lugar de encontro foi o Centro Ciência Viva Fábrica e en Lisboa o Instituto Español Giner de los Ríos e o Centro Galego.

Rebeca de 2º de Bacharelato e Rodrigo, Xoan, Ángel e Aaron de terceiro de ESO, foron os encargados de representar ao IES Praia Barraña. Xunto con alumnos de Noia, Outes, Rois e Santiago, participaron en actividades artísticas, científicas e lúdicas e visitaron as cidades de Porto, Aveiro, Lisboa e Óbidos.

Lisboa

 Neste enlace a Dropbox atoparedes as fotos da viaxe. Espero que vos gusten!

Xuntanza en Aveiro e Lisboa

O IES Praia Barraña participará na Xuntaza de Centros da Rede Climántica que se celebrará entre os días 17 e 20 de maio en Aveiro e Lisboa. En Aveiro o lugar de encontro será o Centro Ciência Viva Fábrica e en Lisboa o Instituto Español Giner de los Ríos. Aquí vos deixamos o programa de visitas e actividades deses días.

Distribuir contido


by Dr. Radut