Skip to Content

Animación á lectura

LENDO "NOITE DE TEMPORAL" CO AQUIS CELENIS EN SÁLVORA

12/05/2018

A lectura foi unha vez máis o motivo desta xuntanza co Aquis Celenis de Caldas. Nos clubs dos dous centros lemos Noite de temporal, a novela de Núñez Singala que narra a traxedia do Santa Isabel, o vapor de pasaxeiros que o 2 de xaneiro de 1921 afundía na costa de Sálvora, deixando 213 mortos. Salváronse preto de 60 persoas grazas á valentía de tres mozas e algúns veciños da illa. 

E que mellor lugar para recrear o que puido ser este naufraxio que visitar este arquipélago pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. E facelo na compaña do alumnado e o profesorado -xa amigo- do Aquis! Descubrir a súa historia e a súa beleza, e saber do importante que é conservar o seu ecosistema. 

Podedes ler máis na entrada do blog da biblioteca:

 

CELEBRANDO O DÍA DO LIBRO

24/04/2018

En 1995 a UNESCO escollía o 23 de abril como data da celebración do Día do Libro e dos Dereitos de Autor. E nós tamén o celebramos na biblioteca! Nos recreos os alumnos e alumnas de 4º de ESO e de 1º de Bacharelato léronnos os seus microrrelatos que crearon nun proxecto de narración e ilustración na materia de Lingua Castelá. Agradecemos a María Míguez e a María Mayo a iniciativa e a colaboración co equipo de biblioteca na conmemoración desta data! Convidámosvos a lelos!

Parabéns ao alumnado.

 

 

OS CLUBS DE LECTURA NO SALÓN DO LIBRO DE PONTEVEDRA

15/04/2018

O alumnado da ESO dos clubs de lectura asistiu o venres ao Encontro de clubs de lectura do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Esta actividade realízase por primeira vez no marco do Salón, que este ano leva por título Mulleres de conto. Réndese homenaxe ás mulleres da literatura infantil e xuvenil (personaxes, autoras, editoras, ilustradoras, profesoras, bibliotecarias...). México é o país convidado. Os mozos e mozas do club -máis mozas que mozos- leron este mes pasado a biografía ilustrada de Frida Kahlo de María Hesse editada por Lumen para ir "quecendo motores". Tamén libros das autoras presentes no certame: María Reimóndez, Eva Mejuto...

A xornada comezou cun concerto de Canela Cafuné, cunha forte carga de reflexión sobre a liberdade, o rol da muller e a diversidade. Logo seguiron encontros con María Reimóndez que charlou sobre Corredora, un obradoiro de poesía e grafiti con Fran Alonso, poesía con Tamara de Andrés, ilustración con Anxo Fariña e unha agradable conversa con Ledicia Costas

Xuntos pechamos a mañá cantando "Nin fadas nin princesas", de Ses!

Logo dun xantar "mexicano", disfrutamos da exposición de ilustradores e ilustradoras mexicanas que mostra o Museo Provincial! Ata tivemos tempo para ler algúns álbums ilustrados e visitar a exposición permanente de arte contemporánea e dos fondos de Castelao. 

 

UNHA XORNADA BEN APROVEITADA!

 

CONFIRMADA A APORTACIÓN PARA OS CLUBS DE LECTURA!!!

07/01/2018

Comezamos ben o 2018. Neste Nadal confirmáronnos a aportación de Educación para os clubs de lectura: 1320 euros!!! Non está nada mal, pois, grazas a Sabela, que coordina o grupo de adultos para profes e demais membros da comunidade educativa, xestionaremos 3 clubs de lectura. Boa falta han de facer e ben veñen para aumentar os nosos fondos. O xornal La Voz de Galicia daba conta estes días da nova. Podedes ler máis na entrada do blog da biblioteca e no noso Facebook

Lambda, revista sobre matemáticas recreativas e curiosidades

25/11/2017

Macías, compañeiro do departamento de Matermáticas, vén de agasallarnos cunha novidade editorial no centro: Lambda, “revista sobre matemáticas recreativas e curiosidades”.  A UNESCO conmemora o10 de novembro o Día da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento. Nos centros escolares de Galicia, este mes de outono pasou a ser o Mes da Ciencia en Galego. Este ano, a proposta de Igaciencia, lembramos dúas figuras: Darwin e Domingo Fontán. Do importantísimo labor deste último dáse conta na revista, xunto con curiosidades que han de facer que pasedes un rato ben agradable con ciencia CON CONCIENCIA, contada en galego. Podedes descargala co código QR. 

 

 

Tras os pasos de Martín Códax, Xulio Verne e Mendinho na ría de Vigo

21/11/2017

Xulio Verne desexaría estar de volta por Vigo e disfrutaría a visita a un espazo de excepción, o Museo do Mar de Galicia, ficando engaiolado dunha das xoias da nosa literatura medieval, o Pergamiño Vindel. Nós estivemos alí o xoves pasado co alumnado de 3º de ESO, unha oportunidade de excepción tendo en conta que só estará connosco ata a primavera antes de regresar á Morgan Library de Nova York, onde de novo, só terán acceso a el os investigadores!!! No Museo seguimos tamén os pasos de Sanjurjo Badía, Xulio Verne... Contextualizamos así a lectura da obra "Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta" que traballaremos nestes meses. Despois, o Centro Arqueolóxico Salinae (o sal, salario e tesouro romano no Areal), o escritor francés acompañado dun polvo xigante e a illa de San Simón agardando por nós para falarnos de Nemo, Mendinho, os tempos do Lazareto, da Guerra Civil, a posguerra, o silencio e... A MEMORIA!!!!

No blog da biblioteca podedes ler a entrada desta actividade orgnanizada polos departamentos de Lingua Galega e Xeografía e Historia neste vídeo ver as imaxes da xornada:

El Quijote por Ricardo Frazer

14/11/2017

Esta mañá unha boa parte do alumnado asistiu na Casa de Cultura á posta en escena de El Quijote. R2D2 e o actor Ricardo Frazer reflexionan en escena sobre a lectura que na actualidade se pode facer da obra de Cervantes. A máquina e o home lévannos a momentos cheos de humor, mais tamén a deternos a pensar sobre por que esta novela continúa vixente nestes tempos. 

Sen dúbida, unha interesantísima actividade organizada polo departamento de Lingua Castelá, na que coincidiron con alumnado dun centro de Noia. 

BENVID@S AOS CLUBS DE LECTURA

07/10/2017 16:35

Un curso máis o equipo de biblioteca bota a andar os dous clubs de lectura para alumnado. O primeiro, para mozos e mozas de 1ESO a 3ESO e o segundo de 4ESO a 2BACH. Lembramos con cariño o alumnado que rematou o curso pasado despois de estar connosco tantos anos, mais... acollemos con ilusión os que continúan e as caras novas. Mesmo vimos de iniciar un club de adultos, que tenderá pontes ao club do IES da Pobra do Caramiñal. Entrade no blog da biblioteca para saber en que andamos enredados... Poesía, títulos de libros, as lecturas escollidas...

Na X Xornada dos Club de Lectura. Aniversario.

23/06/2017 10:16

O sábado 17 un grupo de alumnos e alumnas representaron os nosos clubs de lectura na X Xornada dos Clubs de Lectura que organiza Bibliotecas Escolares, en cuxa páxina podedes ler a repercusión que tivo nos centros e na prensa. No blog da biblioteca tamén contamos a actividade, unha celebración excepcional da lectura.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut