Skip to Content

FOLGA ESTUDIANTIL DO 24 DE NOVEMBRO

21/11/2016 18:18
24/11/2016 18:18

Que a nosa sociedade está en contra da LOMCE, e moi especificamente das reválidas, é xa agora unha certeza tan grande que non hai partido político, nin o que a impulsou, que non estea en disposición de iniciar un proceso de cambio da norma que máis rexeitamento cidadán leva colleitado en toda a nosa vida democrática.

Máis esa disposición ao cambio, que encubre en moitos suxeitos unha simple intención de maquillaxe, non é para nós unha moi boa noticia, nin é o resultado desexado do esforzo serio e rigoroso que levamos facendo dende o primeiro día que esa Lei nefasta foi simple bocexo de intencións. Para a Confederación ANPAS GALEGAS a actual realidade educativa non ten máis ca unha solución: derrogar esa norma, con absolutamente todos os seus efectos e consecuencias, retomar a situación previa e poñerse a traballar cara unha nova normativa  educativa que realmente puxe polos dereitos de todo o alumnado, de toda a mocidade, e que entenda  a educación como o lugar onde todos teñen acubillo, e no que se prepara ás persoas para vivir, non para traballar e dar rendemento económico.

É certo que, dentro da necesidade xeneralizada de facer desaparecer a triste realidade que a LOMCE trouxo, hai circunstancias que teñen un grao de urxencia que cobra unha moi espacial relevancia: nin a mocidade nin as súas familias podemos esquecer que o estudantado actual de 4º da ESO vaise enfrontar por primeira vez ao final deste curso académico a unha proba innecesaria, tal e como ocorreu coas avaliacións de 3º e 6º de primaria, o que sen dúbida terá a mesma resposta que aquelas tiveron os cursos anteriores.

E sobre todo non podemos esquecer que o alumnado que está a cursar 2º de Bacharelato, por exclusiva responsabilidade dos Gobernos español e galego, está a estas alturas de curso sen coñecer cal vai ser a proba que lle vai permitir acceder aos estudos universitarios, nin cales van ser os seus contidos, nin o seu procedemento avaliatorio; por primeira vez en décadas, e dun xeito innecesariamente precario, temos un curso que remata o bacharelato e descoñece como ten que preparar o seu futuro académico; e todo isto logo de que toda a sociedade, e moi nomeadamente esta Confederación, avisara durante anos da inconsistencia dunha norma que se implantou só para defender intereses económicos particulares.

Por iso, porque non queremos que a nosa sociedade viva cunha Lei como a LOMCE, porque non queremos que os nosos fillos e fillas fagan reválidas, con ou sen efectos académicos, e porque entendemos que o alumnado de bacharelato ten dereito a que o seu paso á universidade responda a un patrón programado e coñecido, esta Confederación está de acordo con todas as mobilizacións que se convoquen coa intención de acabar coas reválidas, e de derrogar á LOMCE, e estaremos alí onde ocorran para evidenciar ese acordo coa nosa presenza, ao carón dos nosos fillos e fillas.

En coherencia coa esa intención de apoio, convocamos a todas as familias galegas do Ensino Público á apoiar as mobilizacións que se realicen o próximo día 24 de novembroen todas e cada unha das súas convocatorias, e para facer visible ese apoio convocamos ás familias de todas as etapas educativas (primaria e secundaria) a secundar a folga non enviando aos seus fillos e fillas a clase ese día, e participando nas manifestacións e concentracións que se celebren.

Non vai ser a primeira vez que masivamente digamos que non queremos esa Lei, que non é nosa, e que non a admitimos como tal, que queremos unha educación para todas e todos, onde todos teñamos reservado o noso posto para nos desenvolver como persoas, achegando a nosa común diversidade na construción dunha sociedade para todas e todos; ocorrerá outra vez, e será así cantas veces sexan necesarias.

O alumnado de 1º e 2º de ESO que non vaia asistir as clases deberá xustificar a súa ausencia mediante este XUSTIFICANTE.

AdxuntoTamaño
Xustificante ausencia por decisión familiar.pdf45.77 KB


story | by Dr. Radut