ETAPA DO CAMIÑO DE SANTIAGO

 

 

                                         i.     O alumnado de 3º da ESO levou a cabo un tramo do Camiño de Santiago de 12 km, entre as localidades de Palas de Rei e Melide. Durante o traxecto puideron coñecer a igrexa de San Xulián do Camiño, a igrexa de Santa María de Leboreiro, a ponte medieval e a igrexa de San Xoán de Furelos. A xornada rematou cunha comida na localidade de Melide.

VISITA A APPPLUS, DEKRA E LABORATORIO DE MEDIOAMBIENTE DE GALICIA

 

O pasado luns 17 de abril o alumnado do CS de Laboratorio de Análise e Control de Calidade do IES Moncho Valcarce desfrutou dunha xornada intensiva de visitas a empresas. Pola mañá recibíronnos primeiro en Appplus, onde vimos os laboratorios Químico, de Construción e de Metalurxia, e xa máis tarde, no Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, onde nos explicaron as técnicas que aplican para comprobar a calidade do aire e das augas sempre no marxe de aplicación da lexislación ambiental autonómica; na xornada de tarde fomos a Dekra, unha organización enfocada en servizos de inspección, auditoría, certificación e consultoría. Resultou unha xornada excelente para afianzar e profundar coñecementos e para observar de preto o traballo real nas conntornas e empresas de diferentes sectores e titularidade.

 

XORNADA DE PORTAS ABERTAS

 

As familias dos centros educativos de A Capela, Somozas e Xermade e os centros de As Pontes: Sta. María e A Magdalena participaron na xornada de portas abertas que realizamos no centro. Unha xuntanza para falar da nova etapa que inician os seus fillos e fillas e para visitar as  instalación do IES Moncho Valcarce. Foron recibidos polo equipo directivo, polas profesoras do departamento de Física e Química e os membros do departamento de orientación. A coordinación entre os centros de E. Primaria e E. Secundaria favorece a adaptación  do alumnado e as súas familias á dinámica do centro e mellora as relacións centro-familia.

 

SAÍDA CULTURAL ÁS VILAS DE MONDOÑEDO E RIBADEO

 

Este xoves 13 de abril, o alumnado de 1º ESO visitou as vilas de Mondoñedo e Ribadeo. Primeiro, camiñamos polas rúas mindonienses e coñecemos os seus ilustres escritores. Logo, achegámonos ata o barrio dos Muíños e a Ponte do Pasatempo. Xa en Ribadeo, fixemos un pequeno roteiro desde a Illa Pancha ata o Cargadoiro. Despois, unha guía turística, Ana, explicounos o pasado indiano da vila. O noso último destino foi a Praia das Catedrais. Seguimos, polo tanto, os pasos de Lois e a súa panda de amigos, protagonistas do libro A Gruta da Torre.

 

OBRADOIRO CO ESCRITOR LOIS PÉREZ

 

O pasado mércores 12 de abril, visitounos o escritor lugués Lois Pérez. Conversamos e analizamos a obra A Gruta da Torre, lectura da segunda avaliación do alumnado de 1º ESO. A mestura entre a realidade e a fantasía espertou o noso interese, fomentando unha animada conversa entre o escritor e os/as lectores/as. Grazas por vir!!

 

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

 

Desde o Equipo de Dinamización Lingüística, o Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Departamento de Música realizamos a actividade “Cumpriuse a xustiza” para poñermos en valor o uso do galego e para darmos a coñecer a Rosalía de Castro en toda a súa dimensión. Despois do acto realizado no Día de Rosalía, o alumnado dirixido por Estrela (a profesora de música), gravou a versión “Ninfa das Frescas Augas” de Roi Casal. Velaquí o enlace: https://www.youtube.com/watch?v=T1HSFUnz_YM

 

 

CONFERENCIA: A MULLER NA CIENCIA

 

 

Este martes 18 de abril  de 2023 alumnado de 4ºESO-A  do e varios grupos de 3ºESO asistiron a charla “La ciencia es femenino” (pertence as actividades ofertadas polo Programa Prensa-Escuela : La voz de la mujer STEM) . A relatora Patricia Barciela , directora técnica da DOMUS , explicoulles e mostroulles a ciencia presente na vida diaria a través de exemplos e con experimentos sinxelos nos que participaron varias alumnas e alumnos como voluntarios durante a actividade. Ademáis de parte da comunidade educativa, estiveron presentes periodistas e fotógrafos de La Voz de Galicia , representantes de VIAQUA e o primeiro tenente alcalde  do Concello das Pontes .  A  actividade pretende fomentar vocacións científicas, especialmente entre as nenas, a través do achegamento á ciencia dende a vida cotiá .

 Máis información na VOZ DE GALICIA

 

 

CONFERENCIA UNIÓN EUROPEA

 

O eurofuncionario Juan Antonio Vázquez Rivera, ex-alumno do noso centro e auditor do Tribunal de contas da U.E., con sede en Luxemburgo, impartiu unha charla no salón de actos sobre a Unión Europea, as súas institucións e funcións, ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato.

 

ORIENTACIÓN ACADÉMICA SOBRE CICLOS FORMATIVOS

 

O instituto Lois Peña Novo de Vilalba presentou ao noso alumnado a nova  oferta de ciclos formativos de FP para o vindeiro curso. Os alumnos e alumnas foron convidados a participar na xornada

de portas abertas que realizarán próximamente. Tamén informaron doutros estudios que desenvolven como o bacharelato semi-presencial e CUALE (B1 INGLÉS).

Coñecer a oferta formativa da contorna  axuda ao alumnado a tomar decisións maduras e reflexivas.

 

I OLIMPÍADA MATEMÁTICA IES MONCHO VALCARCE

 

Co fin de conseguir que os nosos alumnos/as, a través das Matemáticas, se expoñan a un reto consigo mesmo e cos demais, o concurso matemático “ I Olimpíada matemática do IES Moncho Valcarce” ofreceunos esta posibilidade, incentivando o gusto polo estudo das matemáticas e logrando divertirse coa materia. O concurso consistiu en contestar, durante 75 minutos, a un TEST DE 30 PREGUNTAS en orde crecente de dificultade.

Os gañadores de 1ºEso foron: Martín Vázquez, Martín Laherrán e Noa Hormeño.

Os gañadores de 2ºEso foron: David Maseda, David Otero e Xenxo Chao.

 

Distribuir contido