VIAXE CULTURAL A PARÍS

 

Un total de 43 alumna/os de 3º e 4º ESO participaron nunha viaxe cultural a ParÍs do 10 ao 15 de marzo de 2023. Aloxáronse nun hotel da periferia de París con traslados ao centro da cidade para visitar os principais monumentos e lugares da capital francesa: Arc de Triomphe, Tour Eiffel, Musée du Louvre, Musée d’Orsay, la Conciergerie, Place de la Concorde, Les Tuileires, Saint Germain des prés, Quartier Latín, Quartier Montmartre, Sacré-Coeur, Moulin Rouge, Palacio e xardíns de Versalles. Outras actividades que se levaron a cobo forn un paseo polo Sena  eb bateau-mouche, desprazamento no metro de París e visita ao parque Disneylan París.

 

Tratouse dunha actividade interesante para o alumnado xa que fomenta o seu interese pola lingua e cultura francesas ademais de ser unha actividade que lles axuda a desenvolver a súa independencia persoal como cidadán.

VISITA AO MUSEO DE CIENCIA E TECNOLOXÍA

 

O día 15 de marzo o alumnado de 1º ESO fixo unha visita ao museo de ciencia e tecnoloxía (Muncyt) de A Coruña onde fixemos unha visita guiada polas salas máis importantes do mesmo,  coñecendo como era o antigo faro da Torre de Hércules ou o primeiro ordenador que se usou, que nos asombrou polo seu tamaño. Tamén participaron nun taller que serviu de toma de contacto coa electricidade. Despois visitamos os arredores do Monte de San Pedro onde fixeron uns retos. 

 

EXPOSICIÓN 8M: MULLERES DA CIENCIA

 

 Dentro das actividades do Día Internacional da Muller, o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO elaborou esta fermosa exposición titulada “Mulleres da Ciencia”. A través dos carteis informativos podemos coñecer e adentrarnos nos logros científicos que estas mulleres alcanzaron e nas dificultades que se atoparon nas súas distintas épocas. 

Parabéns ao alumnado e ao profesorado coordinador do IES Moncho Valcarce!

 

CHARLAS CULTURAIS EDITORIAL BURLINGTON

 

O pasado venres 3 de marzo visitounos un relator nativo por cortesía da Editorial Burlington. O alumnado tivo a oportunidade de escoitar charlas en inglés, co acento irlandés do relator. A actividade foi especialmente ben recibida polos estudantes.

 

FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO NA CORUÑA

 

 

O martes 28 de febreiro un grupo de alumnas e alumnos de 4º ESO e 1º e 2º de Bacharelato (Humanidades fixeron unha interesante viaxe ao antigo Brigantium. Alí puideron visitar o faro de orixe romana e subir ao alto da Torre de Hércules para contemplar a inmensidade do Atlántico. Despois baixaron para mergurllarse nas profundidades do mar e gozar da compaña do tiburón Gastón, das focas e de todos os seres acuáticos que poboan o Acuario de A Coruña.

Era un día frío de inverno e, porén, Xúpiter Troneante foi xeneroso con nós, e puidemos pasear polas rúas da cidade e comer tranquilamente antes de entrar no teatro Colón para ver a comedia latina "Miles Gloriosus" interpretada polo grupo galego Noite bohemia. Todos os alumnos e tamén as profesoras, Rosario e Azucena, gozaron moito da arte, da natureza e do teatro clásico nunha cidade tan fermosa como A Coruña.

 

CHARLA: PROBA DA ABAU E ACCESO Á UNIVERSIDADE

 

 A charla foi impartida por Francisco Javier López González,profesor e asesor da universidade de Santiago de Compostela, no campus  de Lugo. A súa finalidade foi achegar o mundo universitario ao ensino medio Nunha primeira parte expúxose como se realizarán as probas de ABAU e na segunda parte presentou a Universidade de Santiago de Compostela: as súas titulacións, a investigación, os servizos académicos e a contorna en que se desenvolve a actividade universitaria. É necesario que o alumnado reciba información sobre o seu futuro coma estudante universitario, para que poda elixir a formación que mellor se adapte aos seus intereses motivacións e capacidades.

 

DÍA DE ROSALÍA

 

 

O Equipo de Dinamización Lingüística, o Departamento de Música e o Departamento de Lingua Galega e Literatura organizamos a actividade “Cumpriuse a xustiza” para celebrar o Día de Rosalía de Castro (23 de febreiro). O venres 24, en primeiro lugar, unha alumna de 1º ESO  (Lara López) e unha de 3º ESO (Carmen Alén) leron o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega escrito por Carme Adán. A continuación, Daniela Calvo (1º ESO) recitou o poema “A xustiza pola man”. Por último, un grupo de alumnado dirixido por Estrela (profesora de música) interpretou unha versión de Roi Casal (“Ninfa das frescas augas”) dun poema de Rosalía. Quedamos, así pois, con estas palabras de Carme Adán:

“Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma?

Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?”

 

 

ENTROIDO 2023

 

 

Un ano máis chegou o entroido ao noso centro e celebrámolo  con humor. O Concello convidounos a filloas e batidos que foron repartidos entre  toda a comunidade educativa. Ademais contamos coa inestimable colaboración das nais  da ANPA Brixeo que colaboraron na tarefa de reparto en todo o centro. Graciñas a todos.

 

IV XORNADAS DE ORIENTACIÓN ACADÉMICA E PROFESIONAL DE FERROL

 

 

O pasado 15 de febreiro,  o noso alumnado de Ciclo e de 4º da ESO asistiron a unhas xornadas de orientación académica e profesional onde puideron asistir a diferentes relatorios sobre a oferta formativa en FP na comarca de Ferrol . Tamén puideron participar en diversas experiencias nos stands alí presentes.

 

CARTAS CON SENTIMENTO

 

 

O Equipo de Normalización Lingüística, o Departamento de Lingua Galega e Literatura, a Biblioteca e o Departamento de Debuxo organizamos a actividade “Dillo coa lingua” para celebrar o 14 de febreiro. O alumnado e profesorado escribiu cartas de amor, amizade, afecto e admiración a outras persoas da comunidade educativa. A ilusión estivo presente e chegamos ata as 500 cartas! A clase de 2º ESO C resultou gañadora, posto que foi a que máis escribiu. Alén diso, aproveitamos a ocasión para desmontar os mitos do amor romántico. Cada grupo de alumnado contaba con un/unha representante que foi quen se encargou da explicación destes contidos. Parabéns pola implicación das e dos representantes de alumnado e a todas as persoas que participaron na iniciativa e decidiron "dicirllo coa lingua".

 

 

Distribuir contido