Historia do Centro

Un pouco de Historia

 

 

       A historia deste centro remóntase ao curso 1983-1984, cando comenza a funcionar como Instituto Municipal de Bacharelato, dependente do Instituto de Bacharelato de Canido (Ferrol). O alumnado estaba nunhas aulas do Instituto de Formación Profesional de As Pontes (actual Instituto de Educación Secundaria Castro da Uz).

       O actual edificio inaugurouse en xaneiro de 1987. Había 276 alumnos e alumnas.

       O centro chamábase Instituto de Bacharelato Mixto de As Pontes. Non será ata dez anos máis tarde, en xullo de 1997, cando lle concedan a nova denominación: Instituto de Educación Secundaria Moncho Valcarce. Curiosamente, xa o 16 de maio de 1994, a "vox pópuli", nun acto moi sinxelo púxolle este nome en honor á figura de Moncho Valcarce.

       Moncho Valcarce (Ramón Valcarce Vega; 1935-1993) estivo no centro como profesor de Relixión durante os cursos 1990-1991 e 1991-1992. En setembro de 1992 colleu a baixa. Morreu o 1 de febreiro de 1993.

       Ademais do seu traballo como docente, non podemos esquecer a súa traxectoria de home comprometido coa súa época e o seu labor a prol da cultura galega. O seu libro Revolucionario e místico (que recolle o diario íntimo deste sacerdote ao longo da súa enfermidade) reflicte a dobre vertente que configurou a súa identidade cristiá e galega:

· Como crego vai practicar un novo xeito de exercicio pastoral: dinamización social e sinxeleza eclesiástica.

· Como activista político opta decididamente polo nacionalismo militante e vai intervir nas numerosas loitas que puxeron en pé ao campo galego e que tiveron o seu apoxeo en 1977. Así, será coñecido popularmente como "O Cura das Encrobas”, onde loitou contra a expropiación dos terreos de todo o lugar a cambio de moi pouco diñeiro.

· No plano cultural vai reivindicar a nosa lingua, potenciar as nosas tradicións, fomentar o asociacionismo ou loitar polos sinais de identidade. Preocupouse pola mellora dos colexios, pola celebración do Día das Letras Galegas, formou parte do Grupo Ecoloxista ”Niño do Azor”, etc.

 

       Para rematar, cómpre destacar que, a pesar de estar pouco tempo nas Pontes, deixou unha forte pegada na vila coa que se identificaba, e coma el mesmo confesaba:

”Collinlle agarimo á vila de As Pontes. Non é bonita, segundo falan os de fóra, que lles debe asustar a cheminea. A min gústame, e considérome un pontés”.

       Os seus amigos íntimos fundaron a Irmandade Moncho Valcarce, que ten como finalidade dignificar a súa figura como persoeiro histórico galego, con especial relación co medio rural e coa defensa dos pobres e oprimidos, e recopilar todo o material referente a el. Tamén se establece o Premio Moncho Valcarce, que se concederá ás persoas ou colectivos que máis se distinguiran na axuda e defensa dos labregos e do mundo rural.

Distribuir contido