Actividades propostas por departamento

Concours International d'Ecriture pour Adolescents

Despois de tantos anos viaxando a países de lingua francesa algo se tiña que notar. Vinte e nove rapazas e rapaces do noso centro tomaron parte este ano no Concours International d'Ecriture pour Adolescents, que organiza a asociación belga L'Atelier de Lectura para adolescentes de todo o mundo.

Neste concurso, que se dirixe a adolescentes en idade escolar, os participantes teñen que escribir un diario persoal en lingua francesa. Valórase, sobre todo, a corrección no uso do francés, mais tamén a orixinalidade das experiencias que se relatan no diario. Todos os grupos do noso centro que participaron obtiveron máis de 60 puntos sobre un total de 100.

O grupo máis destacado foi o composto por Noelia Ameneiro Pernas, Sergio López Paz e Tamara Pérez Permuy. Quitaron unha cualificación de 84 puntos, a moi pouca distancia dos gañadores. Este grupo obtivo unha mención especial, como acreditan os diplomas cos que posan na fotografía.

A proeza do noso alumnado é aínda máis notábel se temos en conta que participaban máis de seis mil alumnas e alumnos de trinta e un países, mesmo moitos que teñen como lingua materna o francés.

Tamara, Sergio e Noelia están aínda en 3º da ESO. Teñen aínda moitos anos por diante para seguiren mellorando. Quen sabe! Se cadra o ano Marisol terá que facer dúas viaxes a Bélxica, unha, coma sempre, co alumnado de Francés, e outra con algún destes rapaces para recoller o premio...

Os vídeos do IES Moncho Valcarce en Vimeo

Uns días atrás abrimos a conta do centro en Vimeo. Estreámola cunha reportaxe que RTV Eume, a televisión local, fixo o 4 de abril sobre a entrega de premios do certame literario A Casa Encantada, que organiza a biblioteca do noso centro. 

 

Os gañadores foron Nerea Guerreiro (1º Ciclo da ESO), Tamara Pérez (2º Ciclo da ESO) e Carmen López (Bacharelato e Ciclo Formativo). Podedes ler os relatos gañadores no enlace que vos deixamos ao blog da biblioteca. No vídeo, amais da entrega de premios, veredes a dramatización dos textos dos gañadores.

Rescatamos tamén unha gravación de marzo de 2012, Cunqueiro nas ondas. Organizada tamén pola biblioteca con ocasión do Ano Cunqueiro, na gravación podedes ver a estudantes, profesoras/es e persoal do instituto lendo poemas de Cunqueiro. Como a anterior a gravación foi realizada por RTV Eume.

Fahrenheit

18/04/2013 11:20
18/04/2013 12:45
Etc/GMT+1

O vindeiro 18 de abril terá lugar no cine Alovi a actividade Fahrenheit proposta polo Equipo de Dinamización da Lingua.

Coidado! Regueifeiros á vista!

 

O xoves 4 de abril viñeron ao centro Pinto d'Herbón e Luis O Caruncho para un obradoiro de regueifas co alumnado de 4º da ES0. A noticia foi contraportada do suplemento A Chaira, que se inclúe semanalmente co xornal El Progreso.

Reproducimos literalmente o texto que asina a xornalista Marta Mancebo (quen por certo foi alumna deste centro). Se queredes ler a noticia picade sobre ela:

Excursións a Asturias e Bélxica

Como xa é tradicional, o noso centro ponse viaxeiro na semana antes da Semana Santa. Este anos tivemos dúas viaxes: unha a Asturias para o estudantado de 1º e 2º de Bacharelato, outra a Bélxica para o alumnado de Francés de 3º da ESO a 1º de Bacharelato.

O alumnado de Ciencias e Tecnoloxía de Bacharelato desprazouse a Asturias entre o xoves 14 e o domingo 17. A visita tiña como obxectivo coñecer os restos da actividade mineira e siderúrxica da zona, para o que visitaron museos como o da Minería e a Industria de L'Entregu, o da Siderurxia en La Felguera ou o dos Muíños de Mazonovo, en Taramundi. De paso, aproveitaron para realizar a ruta de sendeirismo de L'Osu, nas proximidades de Oviedo.

En canto ao alumnado de Francés, a viaxe comezou na madrugada do sábado 16. Trinta e tres rapazas e rapaces partiron en avión para Bruxelas, onde permaneceron até o xoves 21. Ademais de se aproximaren á realidade dun país francófono, os estudantes fixeron unha intensísima xira que os levou a Namur, Amsterdam, Brugge e aos puntos máis sonados de Bruxelas, como o Pazo Real ou o Parlamento Europeo. 

Precisamente no Parlamento tiveron a ocasión de coñecer, en compaña do eurodeputado galego Antolín Sánchez Presedo, o día a día dos europarlamentarios. Agradecemos moito a Sánchez Presedo que convidase ao noso alumnado e os guiase polas instalacións do parlamento, onde se discuten e se aproban as leis comunitarias que tanta influencia teñen nas nosas vidas.

Contra a explotación animal

O luns 25 de Febreiro de 2013, o alumnado de 2º ESO asistiu a unha charla no Salón de Actos do centro sobre a explotación animal que se está producindo en zoolóxicos e acuarios. Programouse como actividade complementaria ao temario de Ciencias da Natureza e foi impartida por Juana Pardo, profesora do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía e activista da protectora de animais ferrolá Arco da Vella.

Durante a sesión tratáronse puntos tan significativos como:

  • A situación, localización e tipos de zoolóxicos e acuarios en Galicia.
  • Consecuencias que se provocan ao viviren os animais en condicións de cautividade.
  • Observación a través de vídeos dos comportamentos antinaturais que se desenvolven nos animais.
  • Déuselle a coñecer distintas páxinas webs onde recadar e ampliar información sobre esta temática.

Os alumnos, grazas á presentación realizada, acadaron unha visión máis completa do trato que se lles está a dar nestes recintos aos animais.

A valoración por parte dos rapaces foi positiva e considerase que é unha actividade que se pode repetir en vindeiros anos.

Conversa con Xabier P. Docampo sobre O misterio das badaladas

Hai un par de semanas foi Natalia Carou, desta volta era a quenda de Xabier P. Docampo, un dos nosos escritores máis recoñecidos.

Xabier falou durante unha hora coas rapazas e rapaces de 1º da ESO acerca dun libro que xa vai para os trinta anos, pero que segue gustando tanto como o primeiro día: O misterio das badaladas. Nel un grupo de rapaces investigan porque no reloxio da súa vila, cando chegan as doce da noite, soan trece badaladas en lugar de doce.

Conversa con Natalia Carou sobre O alento nas costas

 

Onte visitounos Natalia Carou para presentar a súa primeira novela, O alento nas costas.


Natalia falou durante unha hora co alumnado de 1º de Bacharelato, que están lendo a novela na materia de Lingua Galega. O alento nas costas conta dúas historias que se unen nos soños da protagonista, Mireia. Unha das historias é a do reencontro da protagonista coa súa familia, a outra unha historia de amor durante os anos do medievo coa que Mireia non deixa de soñar.

Coidado co que soñades!

Actividades propostas por departamentos

 

Nos seguintes arquivos poden consultarse as programacións de distintas actividades aprobadas polo Consello Escolar do centro para o presente curso 2012-2013:

 

Actividades propostas polos departamentos 2012-2013

Actividades para a potenciación do uso do Galego 2012-2013

Distribuir contido