VISITA A ENTREPINARES (VILALBA)

 

O día 31 de marzo o noso alumnado de 1º do CS de Laboratorio de Análise e Control de Calidade visitou a sede de Entrepinares de Vilalba. É unha empresa familiar do sector agroalimentario dedicada á fabricación de queixos e derivados lácteos, pioneiras ademais no aseguramento da calidade e da seguridade. Con esas premisas, como non íamos ir!

 

PROXECTO TERRA: OBRADOIRO DE ARQUITECTURA

 

O martes 28 de marzo os alumnos e alumnas de 4º ESO de EPVA (Educación Plástica, Visual e Audiovisual) fixeron unha visita ao casco vello de As Pontes con o obxectivo de relacionar diversos mapas coa realidade de As Pontes, utilizando de base a cartografía do  “Casco vello” das Normas Subsidiarias de Planeamento.  A Actividade levouse a cabo dentro do Obradoiro de Arquitectura no marco do Proxecto Terra.

O percorrido foi a pé dende o centro. O alumnado, que está a traballar por grupos, tivo que elixir unha ubicación para o seu: “un refuxio”, do que deben facer os planos e unha maqueta. Para algún dos membros do alumnado que viven fora do núcleo, foi unha visita que axudou a coñecer o lugar ao que pertence o IES Moncho Valcarce.

 

VISITA A SOTAVENTO

 

O día 22 de marzo o alumnado de 2º ESO fixo unha visita ao parque experimental de Sotavento onde comezamos a visita facendo unha reflexión colectiva sobre a  relación entre a enerxía que se consume e as fontes de onde se obtén. Despois divididos en 3 grupos fixemos a visita as distintas instalacións como son: a casa bioclimática, comprobar o tamaño real da multiplicadora e o xerador dun eólico, visitar un eólico por dentro e montar distintos circuítos con placas solares. O obxectivo desta visita é  coñecer de preto o uso das enerxías renovables e as aplicacións que teñen para axudar a mellorar o planeta no que vivimos.  

 

FP INNOVA 2023

 

O alumnado do ciclo formativo asistiu en xornada de mañá  ao FP Innova, un evento organizado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que constitúe un referente á hora de difundir as actividades de innovación didáctica e tecnolóxica, de transferencia de coñecemento e de capacidade de emprender na que está inmersa a Formación Profesional de Galicia.

CONFERENCIA FORZAS ARMADAS

 

Dous membros das Forzas Armadas presentaron ao noso alumnado as posibles saídas profesionais deste sector: requisitos, vías de acceso, formación e proxección de futuro. Coñecer as diferentes vías laborais  axuda ao alumnado a tomar decisións maduras e reflexivas. Coñecer a oferta formativa e laboral actualizada facilita a elección de futuros estudos entre o alumnado que remata unha etapa educativa.

 

TEATRO NO ALOVI: AMANTIS

 

O venres 24 de marzo, alumnado de 3º da ESO asistiu no cine Alovi á representación da obra teatral “Amantis”. AMANTIS conta a historia de M. Un rapaz de barrio obreiro que quere ser influencer, amado e aceptado. Nese camiño topará coas trampas dun universo intanxible no que non todo é o que parece e no que descubrirá que el mesmo non é quen pensaba ser. A peza explora a brecha xeracional entre nativas/os e non nativas/os dixitais, tentando comprender como inflúen as Redes Sociais, o selfie e o sexting na formación da identidade propia e nas relacións interpersoais. Un retrato das novas linguaxes coas que nos relacionamos e de como estas inflúen dun xeito determinante na identidade. Unha ollada desprexuizada e optimista, pero consciente das trampas que a hiperconexión e o voraz enfoque mercartil das RRSS gardan para a liberdade, a intimidade e a igualdade de oportunidades.

 

VIAXE CULTURAL A ROMA

 

As profesoras Susana Pico e Azucena Sanz acompañaron a 34 estudantes de Bacharelato na viaxe a Roma do 15 ao 19 de marzo. É difícil resumir todas as experiencias vividas: saíamos cada mañá do noso hotel preparados para percorrer a cidade e, a pesar da fatiga, conseguimos visitar os Museos Vaticanos, os Capitolinos, o Mercado de Traxano, o Coliseo, os Foros, ... Roma recibiunos con tempo primaveral e puidemos gozar da piazza Navona, da Fontana di Trevi, do magnífico Panteón de Agripa, da piazza Spagna, da piazzaVenezia. Roma de día, Roma de noite, co río Tíber acompañándonos nos nosos paseos. Unha cidade chea de arte, cosmopolita, alegre, con moitos turistas e tráfico complicado. Os viaxeiros do Moncho constituiron un grupo cordial que permitiu aproveitar plenamente esta experiencia. Parabéns ao noso alumnado!

 

VIAXE CULTURAL A PARÍS

 

Un total de 43 alumna/os de 3º e 4º ESO participaron nunha viaxe cultural a ParÍs do 10 ao 15 de marzo de 2023. Aloxáronse nun hotel da periferia de París con traslados ao centro da cidade para visitar os principais monumentos e lugares da capital francesa: Arc de Triomphe, Tour Eiffel, Musée du Louvre, Musée d’Orsay, la Conciergerie, Place de la Concorde, Les Tuileires, Saint Germain des prés, Quartier Latín, Quartier Montmartre, Sacré-Coeur, Moulin Rouge, Palacio e xardíns de Versalles. Outras actividades que se levaron a cobo forn un paseo polo Sena  eb bateau-mouche, desprazamento no metro de París e visita ao parque Disneylan París.

 

Tratouse dunha actividade interesante para o alumnado xa que fomenta o seu interese pola lingua e cultura francesas ademais de ser unha actividade que lles axuda a desenvolver a súa independencia persoal como cidadán.

VISITA AO MUSEO DE CIENCIA E TECNOLOXÍA

 

O día 15 de marzo o alumnado de 1º ESO fixo unha visita ao museo de ciencia e tecnoloxía (Muncyt) de A Coruña onde fixemos unha visita guiada polas salas máis importantes do mesmo,  coñecendo como era o antigo faro da Torre de Hércules ou o primeiro ordenador que se usou, que nos asombrou polo seu tamaño. Tamén participaron nun taller que serviu de toma de contacto coa electricidade. Despois visitamos os arredores do Monte de San Pedro onde fixeron uns retos. 

 

EXPOSICIÓN 8M: MULLERES DA CIENCIA

 

 Dentro das actividades do Día Internacional da Muller, o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO elaborou esta fermosa exposición titulada “Mulleres da Ciencia”. A través dos carteis informativos podemos coñecer e adentrarnos nos logros científicos que estas mulleres alcanzaron e nas dificultades que se atoparon nas súas distintas épocas. 

Parabéns ao alumnado e ao profesorado coordinador do IES Moncho Valcarce!

 

Distribuir contido