VISITA AO SAI (A CORUÑA)

O alumnado de 2º curso do Ciclo Superior de Laboratorio de Análise e Control de calidade visita os Servizos de Apoio á Investigación e o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade de A Coruña con obxecto de achegarse ao ámbito investigador da contorna en relación á formación que están a recibir. Na visita puideron coñecer un numeroso grupo de Técnicas de Análise de aplicación tanto no campo da Biotecnoloxía como no campo Medio-Ambiental e das Ciencias da saúde. Ademais a conferencia relatada polo divulgador do clúster Bioga permitiu ao alumnado darlle as ferramentas máis importantes para a procura de traballo e poñer no seu coñecemento as diferentes empresas da contorna e os diferentes sistemas de contratación para desempeñar a súa actividade unha vez finalizada a súa formación.

 

VISITA AO CITEEC (A CORUÑA) E CONCURSO DE ROBÓTICA

 

O venres 10 de novembro o alumnado de Tecnoloxía de 4º ESO e o de Tecnoloxía e Enxeñaría de 1º e 2º de bacharelato realizaron unha visita á Coruña para participar no XIV concurso de robótica, e para coñecer algúns dos proxectos de investigación que se realizan no CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil).

En primeiro lugar fomos ata o IES Menéndez Pidal, no que se celebrou o concurso ao longo da semana do 5 ao 10 de novembro, e competiron no concurso logo de atender a unha pequena introdución teórica, acadando uns resultados satisfactorios.

Despois desprazámonos ata o CITEEC, onde nos recibiron Carmen López (que fixo as prácticas do máster de profesorado o curso pasado no noso centro) e nos explicou en que consiste o seu traballo de investigación e nos fixo unha demostración. A continuación, Gonzalo García-Alén Lores explicounos en que consiste o proxecto Saturno, no que está a traballar, facendo estudos sobre inundacións e diseñando modelos teóricos que axuden a previr estes episodios. O alumnado puido interactuar no modelo proposto facendo modificacións e vendo a resposta que se obtiña.

Sen dúbida unha visita que nos servíu para tomar contacto co mundo da robótica e da investigación.

 

PLAN DIRECTOR DA GARDA CIVIL

 

Un ano máis levamos a cabo as sesións de charlas do Plan Director da Garda Civil entre a nosa comunidade educativa. Este ano a temática versará sobre prevención de delitos sexuais, acoso e ciberacoso escolar, violencia sobre a muller, drogas e alcohol e delitos de odio e discriminación.

Queremos agradecer o traballo desinteresado do Corpo da Garda Civil no desenvolvemento destas xornadas e conferencias.

 

O BO USO DOS ANTIBIÓTICOS

 

Exposición de carteis divulgativos realizada polo alumnado da materia de Bioloxía e Xeoloxía de 3ºESO e de Anatomía Aplicada de 1ºBach. En primeiro lugar, realizáronse traballos de investigación sobre o concepto de antibiótico e bacteria superresistente; tras isto, o alumnado de 1ºBach realizou pósteres informativos cos conceptos principais, e o de 3ºESO carteis con slogans para promover un uso prudente dos antibióticos.

 

VISITA AO CIS

 

O alumnado de 2ºESO estase a iniciar no estudio da física e química e con este tipo de actividades achegase a importancia destas ciencias na sociedade , poden valorar as aportacións da ciencia na vida das persoas e no avance social dende un punto de vista non tan académico como se fai na aula. Nesta visita ademais poden valorar a importancia da innovación en distintos ámbitos: enerxía, transporte, medicina , etc...

O alumnado participou, a través do programa D´Tec da Axencia galega para a innovación , en dúas actividades  ao longo da mañá do venres 27 de outubro . A primeira foi un reto grupal con formato Escape Room  no que se  traballaron contidos sobre a innovación e a importancia do traballo en equipo, creatividade e colaboración para resolución de problemas. A segunda actividade foi o espectáculo “Innovando a ombros de xigantes” no que se propuxo un recorrido por a innovación dende os inicios ata a actualidade, valorando a importancia histórica para o avance da sociedade. Recreáronse as aportacións máis importantes como o lume, a palanca,  química moderna electricidade, presión , radiactividade, e a intelixencia artificial etc...

 

CHARLA DE PREVENCIÓN DE ADICIÓNS NA XUVENTUDE

 

A asociación AGALURE de persoas afectadas pola ludopatía ofreceu unha charla sobre as diferentes formas de adicións  sen substancias coma o xogo virtual e as apostas. Presentaron ao alumnado as diferentes problemáticas que se desencadean a nivel persoal , familiar e social debido a estas condutas nocivas.   Esta charla ten un carácter preventivo e de difusión dunha realidade cada vez  máis frecuente entre os mozos e mozas describindo as consecuencias que pode ter o xogo descontrolado.

 

PREMIOS EMPRENDE XOVE-MINIMARKET

 

O alumnado de 4º de Educación Secundaria que cursa a materia de Economía e emprendemento vai participar no proxecto Emprende Xove, organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra. Os Premios Emprende Xove - Minimarket buscan fomentar o espírito emprendedor entre o estudantado e axudar a reforzar a acción formadora no ámbito empresarial que lles brindamos dende os centros. 

 O programa consiste en que unha/un alumna/o ou un grupo dun máximo de 5 desenvolva unha idea de negocio ficticia que estea caracterizada pola innovación e a orixinalidade. Este proceso irá acompañado duns obradoiros impartidos dende AJE Ferrolterra en horario lectivo co obxectivo de que o alumnado lle saque o maior partido ao seu proxecto. Finalmente, os participantes presentarano nun formato feira, onde un xurado elixirá aos gañadores das distintas categorías.

AGRADECEMENTO Á ANPA BRIXEO

 

Dende o IES Moncho Valcarce queremos agradecer ás representantes da ANPA BRIXEO a súa participación e colaboración na celebración do Samaín 2023.

Grazas!!!

SAMAÍN 2023

 

 

Un ano máis celebramos a festa do Samaín. Espíritos, bruxos e bruxas, cabazas, esqueletos e seres da nocturnidade deambularon polo noso centro para recordarnos que están entre nós, aínda que ás veces non os vexamos con claridade... Feliz Samaín 2023 a tod@s!!!

 

VISITA A GAIRESA

 

 

O alumnado de 2º curso do Ciclo Superior de Laboratorio de Análise e Control de calidade visita a empresa GAIRESA con obxecto de achegarse ao ámbito industrial da contorna en relación á formación que están a recibir. Na visita puideron coñecer os inicios, evolución temporal, investigacións, deseños de novos produtos e aplicacións de GAIRESA e ademais visitaron os laboratorios de Control de Calidade, Investigación Química e Ensaios Físicos que lles permitiron poñer en práctica gran parte dos contidos teóricos traballados no centro.

Distribuir contido