MOBILIDADE AOS PAÍSES BÁLTICOS (ERASMUS+)

                     

                                        

Durante os días 4 e 9 de xuño do curso 2022-23, un profesor do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía e participante no Club de Ciencia do IES Moncho Valcarce, realizou unha mobilidade aos países bálticos (Lituania e Estonia) dentro do programa Erasmus+ da Xunta de Galicia, a cal foi organizada polo CFR de Ferrol.

Esta actividade formativa de profesorado tivo como principais obxectivos a formación nun país estranxeiro no uso da robótica e outras actividades STEM no ámbito educativo, así como o coñecemento doutros sistemas educativos dentro do ámbito europeo. Secundariamente foi unha oportunidade excepcional para mellorar a competencia lingüística do profesorado, así como unha forma de establecer contactos no ámbito educativo non só no estranxeiro senón tamén entre as persoas participantes.

A primeira actividade formativa realizada o día 5 de xuño, o profesorado participante tivo a oportunidade de visitar e reunirse con representantes do Ministerio de Educación, Ciencia e Deporte de Lituania, na cidade de Vilna, onde se plantexaron dúbidas, ideas e experiencias do noso sistema educativo e do propio de Lituania. Ese mesmo día realizouse unha visita a un centro educativo de secundaria de referencia na mesma cidade, o Vilnius Pilaite Gymnasium.

Nos días seguintes, os asistentes estiveron na cidade de Tallin (Estonia), onde recibiron formación na Universidade de Tallin sobre o sistema educativo estoniano, así como un taller sobre o uso de robots no eido educativo, practicando e recoñecendo diferentes modelos que poden empregarse en diferentes etapas educativas dentro e fóra das aulas. Tamén foi nesta cidade, onde se visitou o parque temático de divulgación sobre inventos e ciencia PROTO invention factory, onde se fan talleres con grupos escolares no ámbito STEM.

En resumo, esta actividade foi unha excelente oportunidade para a formación do profesorado no ámbito STEM que seguro será de proveito na realización de novos proxectos co alumnado dentro e fóra da aula, como no caso do Club de Ciencia do instituto.