Que é A21EG?

Concepto de Axenda 21 Escolar de Galicia

1º Que significa o termo “Axenda 21”?

É un proceso que ten como obxectivo principal avanzar cara á sostibilidade e a calidade ambiental.

A Axenda 21 ten a súa orixe na Conferencia das Nacións Unidas para o Medio Ambiente e o Desenvolvemento que se celebrou en Río de Janeiro o ano 1992, chamada tamén Cumio de Río ou Cumio da Terra. Esta conferencia foi a resposta para deter a degradación do medio ambiente e promover un desenvolvemento sostible e ambientalmente racional en todos os países.

Un dos acordos alcanzados foi a subscrición, por parte de 172 gobernos, do documento do Programa 21 ou Axenda 21. Trátase dun documento extenso, estruturado en 40 capítulos redactados en forma de plan de acción para seren aplicados por gobernos, organismos, Nacións Unidas e grupos de todas as áreas nas que a actividade económica humana ten efectos sobre o ambiente.

 

2º Que é a sostibilidade?

É unha forma de vivir, de actuar, de nos relacionar co noso entorno de forma xusta e respectuosa, integrando os aspectos económicos, ambientais e sociais de forma harmónica.

 

3º Que significa “educar para a sostibilidade”?

Intentar que a nosa práctica educativa sexa o máis coherente posible con estes principios implicando á meirande parte da comunidade escolar.

  • Ensino participativo e democrático.·
  • Interdisciplinar·
  • Coherente co uso dos recursos.
  • Motivador para implicármonos na vida do centro.
  • Aberto ao entorno socioambiental para  intentar melloralo.

    A Educación para a Sostibilidade é unha corrente internacional de pensamento e acción que pretende difundir información ambiental, sensibilizar ante a súa problemática, provocar un cambio de valores e actitudes individuais e colectivas, e inducir á acción promovendo procesos de participación cidadán para avanzar cara un novo modelo de vida baseado na filosofía da sostibilidade.

 

4º Que non é a A21E?·

  • Non é cousa só dun ou dous Departamentos.·
  • Non é só medio natural (no entorno interactúan aspectos sociais, naturais, culturais, económicos, políticos...).·
  • Non é só unha suma de actividades nin actividades paralelas, o ideal sería integralas na actividade lectiva cotiá.
  • Non é só unha actividade extraescolar nin complementaria.
  • Non é só unha suma de actividades.
  • Non é desbaldir recursos e materiais.

 

5º Que é a A21E?

  • É un proxecto de centro, de toda a comunidade escolar entendida no sentido máis amplo posible·
  • Integra temas culturais, sociais, ambientais, etc...
  • Integrado no día a día, é transversal a todos os departamentos.
  • Debe formar parte do PEC e relacionarse cos outros planes e proxectos do centro

A Axenda 21 Escolar é un programa pensado para facilitar a implicación dos centros educativos na educación para a sostibilidade, coa finalidade de imaxinar e de construír un mundo mellor e máis sostible, comezando pola intervención no noso contorno máis inmediato.

A Axenda 21 Escolar é o compromiso da comunidade educativa  para traballar pola calidade ambiental e a sostibilidade do centro educativo e o seu contorno, aceptando a súa parte de responsabilidade en mellorar o presente e o futuro de todos e contribuíndo, desde o seu nivel local, á sostibilidade global.

 

6º De que maneira nos beneficia participar no programa A21EG?

  • Para obtermos recursos.
  • Para favorecer a comunicación e intercambio de experiencias con outros centros.
  • Para que o alumnado forme parte dunha comunidade máis ampla e se interrelacione. 

 

Se che interesa o tema podes informarte máis polo miúdo nestes documentos: