Historia do centro

Introducción histórica

Podes consultar a historia do centro descargando ou visualizando o arquivo adxunto.

INTRODUCCIÓN HISTÓRICA.

O Instituto de Educación Secundaria Lama das Quendas é un dos dous centros de educación secundaria de Chantada (Lugo). Atópase na rúa Alférez Baanante s/n, na parte Norte de Chantada. A existencia do I.E.S. Lama das Quendas de Chantada débese, en grande medida, a unha comisión de veciños que se formou coa intención de acadar do antigo “Ministerio de Educación e Ciencia”, a construción dun Instituto Nacional de Ensinanza Media na vila. Para elo, foi necesario ofertar un solar a dito Ministerio coa extensión suficiente para construír un primeiro edificio. A Comisión, formada por más de vinte veciños e autoridades municipais, encargáronse de adquirir o solar, na chamada “Carreteira do Peto”, e de recadar o diñeiro necesario para tal compra. Algúns dos membros desta comisión comentaron nalgunha ocasión o entusiasmo con que traballaron e a masiva colaboración popular.Foi nos primeiros días de novembro de 1970 cando se iniciaron as actividades académicas no Instituto de Chantada. Existían naquel momento as chamadas “Seccións Delegadas” e para funcionar como unha desas seccións contratouse o edificio, pero por diversas circunstancias, este centro iniciou a súa actividade como EXTENSIÓN  I.N.E.M. de Monforte de Lemos, é dicir, dependendo en todos os aspectos dese Instituto.

Así figurou durante cinco anos, impartindo ensinanzas de Bacharelato (plan antigo), primeiro ata cuarto curso e logo ata sexto, isto é, todo o Bacharelato Superior. Durante estes cinco anos, aínda que o director era o mesmo do Instituto de Monforte de Lemos, o representaba en Chantada dona Carmen Otero Fernández, profesora de Matemáticas, xa falecida.

(De esquerda a dereita) M. Antonio Fernández Rodríguez (alcalde de Carballedo), Guillermo Ruíz del Gallego (gobernador civil), José Regal Vázquez (alcalde de Chantada) e Félix Rodríguez (xuíz), consultando o plano do Instituto.

 

No ano 1975 creouse o INSTITUTO DE BACHARELATO DE CHANTADA. O primeiro director foi o ourensán don Víctor F. Aragonés Herrero, profesor de Inglés, que estivo no cargo ata 1979. No curso 1979/1980 levou a dirección don José Manuel Pereira Cordido, catedrático de Física e Química, con quen se iniciaron as xestións necesarias para ampliar as instalacións: construción dun novo edificio, anexo ao xa existente, e unha pista polideportiva, que sería realizada en varias etapas. Substitúe ao anterior, don Manuel S. Rodríguez Aguiar, que desempeña o cargo durante os cursos 1980/1981 e 1981/1982, despois de ocupar a secretaría durante os cinco anos anteriores. Don Luciano Méndez Rodríguez (1982/1983), dona Carmen Figueiras Rodríguez (1983/1984 e 1984/1985), don José Miranda Ruíz (dende o ano 1986 ata o ano 1991) e don Manuel Busto Magdalena (1991/1992) dirixiron o Centro tamén. Desde o ano 1992 ata o ano 1996 foi director don José Rodríguez Iglesias, e desde o 1996 ata o 2000 foi don José Segundo Navaza, sendo neste período cando o centro cambiou o nome de Instituto de Bacharelato Mixto de Chantada polo de I.E.S. Lama das Quendas de Chantada, co comezo da Educación Secundaria Obrigatoria. Posteriormente entre os anos 2000 e 2004 é dona Ana María Fernández Fortes directora, entre os anos 2004 e 2007 dona Mª Paz Fernández Vázquez, e desde ese último ano ata a actualidade don Javier Conde Vázquez exerce como director do centro.

Xa no ano da súa fundación ocupou o cargo de conserxe don Celso López Gil, a quen se uniría don José Álvarez Rodríguez, quen despois de catro anos en Chantada, ocupou o mesmo cargo nunha das Facultades da Universidade de Santiago. Foi tamén conserxe do Centro don Avelino Arias, xa falecido, home que dedicou moitas horas do seu traballo á perfecta conservación do edificio principal e de quen o alumnado e profesorado gardan un entrañable recordo. Na actualidade cóntase co servizo dos conserxes don Isaac Ferreiro Feás e don Modesto Otero Álvarez.

Por último, salientar que durante estes anos é posible que realizaran estudios no Centro arredor de catro mil alumnos/as, moitos deles pertencentes ao Concello de Chantada, pero tamén aos Concellos de Taboada e Carballedo e, en menor número, aos do Saviñao e Antas de Ulla.

 

 

1 Texto extraído na súa maior parte dun articulo publicado na revista do centro no ano 1995, con motivo do 25 aniversario da creación