Inte
resantísima campaña que ven de lanzar a Xunta de Galicia:
A Xunta de Galicia promove o uso do galego entre o empresariado como lingua de negocios no mundo
A campaña ten como obxectivo concienciar o empresariado galego de que a nosa lingua é unha vantaxe competitiva nospaíses da Lusofonía.
http://www.xunta.es/linguagalega/galego_chave_negocios
O galego é un valor cultural que nos identifica como pobo, mais tamén nos conecta cunha comunidade maior de case 200 millóns de persoas que falan portugués, xa que permite a intercomprensión sen necesidade de mediación. Este valor cultural transfórmase en valor económico cando falamos de negocios e de elementos tan importantes para estes como a comunicación. O galego non só permite a comunicación coa Lusofonía, senón que xera o clima de confianza que proporciona comunicarse sen intermediacións.
O galego na Lusofonía emerxente
As empresas galegas son cada vez máis conscientes da necesidade de internacionalizaren a súa actividade e de procuraren novos mercados para ofrecer os seus produtos e servizos. Á hora de emprender o camiño da internacionalización moitas empresas xa se decataron de que o galego é un factor que suma: unha vantaxe competitiva que serve para situar as súas empresas de forma diferencial en mercados moi competitivos. En contraposición a uns mercados europeos paralizados ou cando menos ralentizados pola crise, novos lugares para facer negocios emerxen na América latina e en África, e dúas das economías máis vigorosas neses dous contextos son a brasileira e a angolana. Economía, lingua e cultura únense neste contexto para facilitaren a comunicación do empresariado galego en novos lugares nos cinco continentes: Portugal, Brasil, Mozambique, Angola, Guinea Bissau, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe, Timor Leste e Macau teñen o portugués como lingua oficial, e importantes comunidades lusófonas abren portas en lugares como os Estados Unidos, Canadá, África do Sur, Francia, Luxemburgo ou Xapón, por citar só algunhas.
Mentres en todo o mundo se populariza o ensino do portugués como lingua de proxección internacional, o empresariado galego dispón dun valor que o sitúa en clara vantaxe neste contexto. Só ten que saber aproveitalo.