Skip to Content

contador gratis para blog

Información importante a familias

IMPORTANTE
A TODAS AS FAMILIAS DO ALUMNADO DO CPI VIRXE DA SALETA
A dirección do Centro, atendendo as directrices recibidas por parte da Inspección Educativa da Consellería de Educación, informa de que mañá venres a asistencia a clases por parte do alumnado será voluntaria.
Por este motivo no Centro supéndense dende mañá exames, e clases dos programas Refórza-T e PRELIN.
Asimesmo comunicamos que dende o luns os centros educativos estarán pechados para o alumnado ata novo aviso.
Pregamos que estean atentos á pax web, facebook ou prensa.
O Equipo Directivo

Queremos ser o teu cole

 

Queremos ser o teu cole!

O Cole de Cea está listo para recibir novo alumnado e novas familias.

Solicita a túa praza entre o 1 e 20 de marzo a través da sede electrónica da Xunta ou na secretaría do centro.
O martes 3 de marzo de 15h a 17h recibímoste coas portas abertas e contámosche todo o que agarda por ti se queres formar da nosa Comunidade Educativa. E estes son os nosos motivos.

Instalacións

- Aulas amplas e todas dotadas de ordenador e encerado dixital interactivo.

- Dúas aulas de Informática, unha aula de inglés, dúas aulas de Pedagoxía Terapéutica e unha aula de Audición e Linguaxe.

- Departamento de Orientación para Ed. Infantil, Ed. Primaria e ESO.

- Laboratorio de ciencias.

- Taller de Tecnoloxía e Aula de Plástica.

- Ximnasio e Polideportivo.

- Espazo de convivencia.

- Amplas zonas deportivas e de lecer.

- Patio de Ed. Infantil pechado e con mobiliario axeitado e areeiro.

- Biblioteca escolar Ramón Caride con programación propia e organización de diferentes actividades.

- Recuncho lector.

- Horto escolar.

Niveis e horarios

Niveis educativos: Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria.

Horario do centro: 

Luns e martes de 9:30 a 16:40 h.

Mércores, xoves e venres de 9:30 a 15:50 h.

Servizos

- Comedor con cociña de xestión directa.

- Almorzos no cole: almorzo e custodia dende as 7:15 h.

- Actividades extraescolares ofertadas e xestionadas pola AF.

- Programa Reforza-T de 3º EP a 2º ESO ao finalizar a xornada escolar.

- Programa PRELIN, para 3º e 4º de ESO ao finalizar a xornada escolar.

- Saídas pedagóxicas e culturais (teatro, cine, exposicións, visitas…) en todos os niveis, programadas por trimestres.

- Organización de charlas temáticas para toda a comunidade educativa. 

- Celebracións abertas a toda a comunidade educativa (O Noso Nadal, Entroido, O Serán do Cole de Cea…)

 Proxectos de Centro

- Cole polo clima – Reciclamos o Noso Futuro.

- Proxecto ContoContigo.

- Plan Proxecta.

- Escola Titiriteira – Nas nosas mans, monicreques na aula.

- Radio escolar: Radio Roxar.

- Taller de canto coral e participación do alumnado en eventos como Ourencanto.

- Animación á lectura: Hora de Ler (Infantil e Primaria) e Club de Lectura (ESO).

Obxectivos permanentes de centro:

- Obxectivo FALAMOS BEN

- Obxectivo BOAS MANEIRAS

- Obxectivo EMOCEANTE

 E ademais:

- Moi bo ambiente de estudo e convivencia.

- Grupos reducidos.

- Excelente preparación e gran porcentaxe de éxito en etapas posteriores (Bacharelato, ciclos de Grao Medio e Superior).

- Ferramentas STEM: Robótica, Impresión 3D e Programación.

- Fomento do uso das TICs.

- Produccións audiovisuais (Un día, 50 anos, O Cole que mola, A lingua sabe a pan, Os xeranios do Sr. Alfonso, Cóntame e cántame avoa, Unha cuestión de educación…)

- Fomento de hábitos saudables e deportivos. Participación en competicións deportivas (Xogade)

- Participación destacada en certames nacionais e internacionais:

- Finalistas Rally Matemático Toulousse 2019.

- Finalistas Olimpiada de Historia.

- Diversos Premios en festivais de creación audiovisual nacionais e internacionais (Os Xeranios do Sr. Alfonso).

- Fomento das comptetencias e autonomía do alumnado, que participa activamente na organización do centro, asumindo responsabilidades e xestionando actividades.

 + Información

 

Información de matrícula

Información Matrícula Curso 2020/2021

Decreto 254/2012, do 13 de decembro: Admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos (DOG)

Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado (DOG)

Orde do 25 de xaneiro de 2017 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos.

Calendario que se establece para o proceso de admisión do alumnado no curso 2019/2020:
• Reserva de praza para un centro adscrito 1 ao 15 de febreiro.
• Publicación de postos escolares vacantes, antes do 1 de marzo.
• Solicitude de Admisión do 1 ao 20 de marzo (previsión transporte escolar).
• Presentación de documentación acreditativa dos criterios de baremo do 22 de marzo ao 5 de abril.
• Publicación de listaxes provisionais de admitidos e non admitidos antes do 25 de abril.
• Publicación de listaxes definitivas de admitidos e non admitidos antes do 15 de maio.
• Formalización de matrícula en Infantil e Primaria do 20 ao 30 de xuño
• Formalización da matricula en ESO e Bacharelato do 25 de xuño ao 10 de xullo
• Prazo extraordinario de formalización de matrícula en ESO e Bacharelato do 1 ao 10 de setembro.

Información Importante

1. Os Anexos I (reserva de praza nun centro adscrito) e Anexo II (solicitude de admisión) poderanse presentar a través da aplicación informática “admisionalumnado

2. Os alumnos que xa están matriculados neste Centro teñen, automaticamente, a reserva feita para o próximo curso 2020/2021. O único trámite que terán que facer será a formalización de matrícula a partir do 20 de xuño.

3. O alumnado ten garantía de permanencia nun centro, e se presenta solicitude noutro distinto ao que está, debe comunicalo ao centro de orixe.

4. No caso de solicitar a admisión noutro Centro para o próximo curso, deberá facer a solicitude de admisión en dito Centro no prazo establecido a tal efecto e presentar unha copia de dita solicitude nesta Secretaría.

5. Cada alumno/a só pode presentar una única solicitude no centro no que solicite praza en primeiro lugar.

6. O Prazo de presentación de solicitude de admisión: do 1 ao 20 de marzo. (Presentar cumprimentado o Anexo II, copia do Libro de Familia e certificado do Expediente Académico se é o caso)

7. Despois do prazo de admisión publicaranse as distintas listas de admitidos/as, número de prazas ofertadas e datas para a formalización de matrícula, así como calquera outra información necesaria.

Podes descargar esta mesma información no seguinte PDF

INFORMACIÓN MATRÍCULA CURSO 2020/2021

Da Paz a Rosalía

Dende o equipo da Biblioteca Ramón Caride e o Equipo de Dinamización Lingüística do Cole de Cea, convidámosvos a participar na celebración de tan senlleiras datas.

1. Cada clase poderá participar escribindo cantos poemas desexe en cartolina de xeito cooperativo entre o alumnado.

2. Todos os traballos poderán ir acompañados de debuxos para ilustrar os versos.

3. A temática sobre a que deben versar os traballos, abranguerá temas como: a paz, o respecto, a igualdade, a tolerancia ou a diversidade.

4. O prazo para participar abrirase o Día da Paz (30 de Xaneiro) e pecharase o Día de Rosalía de Castro (24 de Febreiro).

5. Cada aula participante recibirá un agasallo.

 

Un mundo en paz

Só temos un planeta.
E queremos vivilo en paz.
Feliz Día Escolar pola NonViolencia e a Paz.

Concurso de Árbores de Nadal


O Equipo de Actividades Extraescolares do Cole de Cea, organiza un Concurso de Árbores de Nadal.

Para participar só tedes que deseñar e crear unha Árbore de Nadal, elaborada con materiais procedentes da reciclaxe, a reutilización ou a natureza.

O concurso ten como obxectivo promover a participación de grandes e pequenos en familia, nunha actividade creativa que «fomenta actitudes de consumo responsable, reutilización e coidado do medioambiente».

BASES do Concurso:

Cada familia poderá presentar unha árbore, elaborada con materiais reciclados ou naturais. Se son varios irmáns poderán presentar, se o desexan, un único traballo.

As árbores que se presenten deberán ser de creación propia, podendo empregar calquera material para a elaboración das mesmas.

As árbores non poderán medir máis de 1 metro de altura e deberán ter unha base que permita manterse en pé por si soa.

Non entrarán no concurso árbores mercadas ou adornadas con obxectos mercados.

Cada árbore traerá o nome do participante oculto na base do traballo.

Todas as árbores serán expostas no cole e as familias poderán disfrutar da exposición o día do Festival de Nadal.

A data límite de entrega será o día 14 de decembro.

Os premios ás árbores gañadoras entregaranse no Festival de Nadal.

As tres árbores máis votadas obterán premio.

A árbore premiada co 1º premio, será exposta no escenario do Festival de Nadal.

Por un #nadalconcabeciña

Animádevos a participar!!!!

 

Semana da Ciencia en Galego na Biblioteca


Para conmemorar o mes da Ciencia en Galego na Biblioteca Escolar, celebraremos ao longo da derradeira semana do mes, unha serie de actividades dirixidas polos departamentos de Ciencia e Matemáticas do noso CPI.

Mart26N
Experimenta-Cea O alumnado da ESO guía ao de primaria na realización dos seus primeiros experimentos científicos.

Merc27N
Bio_Elas Dramatización da biografía de mulleres que tiveron un papel salientable no mundo.
ciencia ao longo da historia: Marie Curie, Rosalind Franklin e Henrielte Leavitt.
NeuroCea Queres saber como funciona o teu cerebro?
MaxiaCea A Ciencia pode ser algo máxico.

Ven29N
MaxiaCea A Ciencia pode ser algo máxico.

Escola Titiriteira

PROXECTO “ESCOLA TITIRITEIRA”. COLE DE CEA.

Os ultimos anos o Cole de Cea ten realizado numerosas actividades vinculadas á figura dos títeres, todos eles englobados no proxecto de centro “Escola Titiriteira”, tales como o deseño e fabricación de títeres, a construcción do escenario, ou a creación e representación de diferentes obras, a ultima delas no entroido do curso pasado.

 Seguindo nesta liña de traballo, este curso 2019-2020 o Cole de Cea vai colaborar coa asociación “Morreu o Demo”, que traballa dende o ano 2012 pola Recuperación do Títere Tradicional Galego, para dar a coñecer este patrimonio cultural.

A asociación naceu co obxectivo de investigar e afondar na recuperación do patrimonio dos títeres tradicionais en Galicia, divulgar este legado e reactivar o personaxe de Barriga Verde entre as novas xeracións.

Co seu proxecto Barriga Verde, da Barraca á aula, pretende falicitar a integración do mundo titiriteiro nas aulas.

O Cole de Cea embarcarase neste proxecto, no que se propoñen varias actividades, como o encontro co profesorado (xa previsto para o vindeiro 21 de novembro) coa visita de membros da compañía de títeres títeres VIRAVOLTA, seguida da asistencia ao documental “Morreu o Demo, acabouse a peseta” sobre a historia de Barriga Verde e as súas conexións cos títeres europeos.

A intención é continuar coa realización de obradoiros de guión, obradoiros de construcción e manexo de títeres, obradoiros de monicreques en igualdade, ademáis da dotación de lotes de material documental ao centro, e a instalación da  exposición Onde foi Barriga Verde? no Cole.

 

Para dar inicio a esta colaboración, e facer un primeiro achegamento ao mundo do títere, a asociación convidounos a visitar o festival de títeres tradicionais TITIRIBERIA, que terá lugar en Teo (A Coruña) entre o 9 e o 12 de novembro. Poderemos coñecer a membros da asociación “Moreu o Demo”, e desfrutar da obra de títeres “Manulengo Capiroto” en compañia do alumnado da ESO do IES Cacheiras de Teo, o outro centro que está a colaborar neste proxecto.

“Mamulengo Capiroto”

Marcelo la Fontana (Portugal)

 

O barriga Verde brasileiro, o Mamulengo, chega ao Titiriberia da man de Marcelo Lafontana, titiriteiro afincado en Portugal. Novos acentos e formas achegan como se entende da outra banda do atlántico esta tradición escénica.

cun alto compoñente de improvisación, este espectáculo baséase nunha interacción constante co público con grandes doses de música e danza, que completan en grande medida o que os bonecos apenas chegan a dicir.

Samaín Creativo

Samaín Creativo

Bases dos concursos

Concurso de Disfraces
O mércores 30 de outubro.
Categorías:
Infantil. Mellor Disfraz
1º, 2º e 3º de Primaria. Mellor Disfraz
4º, 5º e 6º de Primaria. Mellor Disfraz
Secundaria. Mellor Disfraz
Participación individual.

O disfraz farase exclusivamente empregando materiais reutilizados ou reciclados.

Os premios entregaranse o día do Magosto.

Concurso de Banda Deseñada
Categorías:
Infantil. Mellor Debuxo
Primaria. Mellor Banda Deseñada
Secundaria. Mellor Banda Deseñada
Pódese participar individualmente ou en grupos de ata tres persoas.
O prazo está aberto até o 30 de novembro.
A Banda Deseñada debe ter un tema relacionado co SAMAÍN, o misterio, o medo, ou temas semellantes.
O formato da banda deseñada será o seguinte:
Extensión: de 1 a 4 páxinas, tamaño A4 ou proporcional.
Técnica: libre, sobre papel de debuxo (non folios), tendo en conta que debe permitir a súa lexibilidade, reprodución e impresión.
Os traballos irán acompañados dunha folla de texto onde aparezan os datos dos autores e o título da obra.
Os traballos serán entregados ao titor/a ou a membros do E.D.L.
Os traballos serán valorados por un xurado que decidirá os gañadores.
Non se admitirán obras que non sexan orixinais.
As BDs que cumpran os requisitos de participación exporanse e/ou publicaranse no lugar e data por determinar.
Os premios entregaranse o día do Festival de Nadal.

 

O Cole de Cea: Cole polo Clima

ADHESIÓN DO CONSELLO ESCOLAR DO CPI VIRXE DA SALETA Á DECLARACIÓN ESCOLAR DE EMERXENCIA CLIMÁTICA CONSTITUÍNDOSE COMO CENTRO EDUCATIVO POLO CLIMA

 O Consello Escolar do CPI Virxe da Saleta, máximo órgano de representación e participación da comunidade educativa, recoñece que o noso Planeta, a súa atmosfera, a súa hidrosfera, os seus seres vivos, os ecosistemas, os recursos naturais e as sociedades que nos apoiamos neles están en seria situación de alteración, degradación, desaparición ou colapso.

 Facémonos eco das insistentes declaracións das organizacións científicas, sociais e políticas internacionais (IPBES, IPCC, ONU, Unión Europea...) que reclaman a urxencia dun cambio drástico nas formas de organizar a nosa sociedade e empregar recursos. Non cambiar o rumbo supón a extinción de boa parte dos ecosistemas terrestres e a alteración dos mariños. Un millón de especies están ameazadas pola actividade humana. Tamén estamos a piques de chegar ao punto de non retorno fronte ao  cambio climático, o esgotamento dos recursos de enerxía fósil e mineral, terra fértil e acuíferos.

 Entendemos que non responder con urxencia á crise ecolóxica global pode levar a unha redución demográfica traumática, ao grave deterioro das normas de benestar humano e á extinción insubstituíble das especies esenciais para a vida na Terra. Ningunha sociedade pode escapar desta realidade.

 Este Consello Escolar toma conciencia da gravidade da situación e declara a súa firme determinación de desenvolver e consolidar, a partir do curso actual, medidas concretas para reducir as emisións no campo da vida escolar, a pegada ambiental nas compras e consumo no Centro e na acción e formación da comunidade escolar (familias, alumnado e profesorado), co fin de responder dun xeito real e significativo á emerxencia climática, na escala que nos corresponda.

 Como xeito de selar formalmente esta adhesión, este Consello Escolar declara o CPI Virxe da Saleta como Centro Educativo polo Clima.

 En, Cea o 30 de setembro de 2019.

Distribuir contido


by Dr. Radut