Actividades

UNHA MIRADA A TRAVÉS DO MICROSCOPIO

   Núcleo, membrana, citoplasma,...

@s nen@s de quinto recurrimos ao laboratorio para observar no microscopio as células vexetais.

Unha mirada interesante...

 

 

 

SEMENTAMOS CENORIAS

Os nen@s de 4º aproveitamos a clase de ciencias naturais para sair ao horto a sementar cenorias e, de paso, plantamos tamén un par de verduras de inverno: coliflor e brócoli.

 

 

A chuvia desta noite vailles sentar fenomenal.

SEMENTAMOS NABIZAS

Como se prevé que caian as primeiras chuvias do outono decidimos sair a sementar as nabizas.

 

 

Aquí temos ao alumnado e profesorado de 5º e 6º en plena sementeira.

A ver se nacen!!

 

MERENDA SAUDABLE

O luns, aproveitando as cebolas do noso horto e cuns tomates cherri e millo natural cultivados na horta de Jose, preparamos unha merenda saudable para degustar na clase.

Velaquí uns momentos durante a preparación

 

 

 

 Quedounos un pincho saudable. Como di un chef famoso: "rico e con fundamento".

 

PREPARAMOS O HORTO

O venres 28 de setembro o alumnado de 5º e 6º saímos a preparar o noso horto. Primeiro arrancamos todo o que quedaba do curso pasado para logo cavar ben e abonar. 

 

 

Aquí estamos en plena tarefa, por turnos, pois tanto a ferramenta como o espazo é un pouco limitado.

E aquí estamos todo o grupo coa satisfacción do traballo ben feito e coas mans manchadas de terra, coma os bos labregos! Risa

 

Agora, a agardar que chova un pouquiño para poder sementar e plantar de novo.

CHARLA SOBRE COEDUCACIÓN 18-19

Hoxe tivo lugar unha charla sobre igualdade e coeducación para o alumnado de 5º e 6º de primaria que está integrada dentro do programa "Plan estratéxico para a Igualdade Dodro 2018. Crecer en Igualdade é cousa nosa". Foi organizada polo departamento de Servizos Sociais do Concello,  impartida no noso centro e elaborada a partir de  retazos da película Billy Elliot.

A actividade desenvolveuse tamén para o alumnado de ESO. A película escollida neste caso foi "Quiero ser como Beckham"

O NOSO HORTO DESPOIS DO VERÁN

 Así foi como atopamos a horta ao regreso das vacacións:

 

 

Ao principio pareceunos un pouco penoso... pero deseguida vimos que non era así.

Atopamos cabaciñas, fabas e cebolas:

 

 

E... mans á obra! Iniciamos a colleita. O alumnado de 4º, 5º e 6º recolle e debulla para obter as sementes para a próxima sementeira.

 

 

 

 

En breve iniciaremos de novo o proceso coa mesma ilusión do curso pasado. Ánimo chic@s!! Risa

DE RUTA POLAS FRAGAS DO EUME

 O martes 19 de xuño o alumnado de 4º, 5º e 6º viaxamos ata o parque natural das fragas do Eume para disfrutar dunha andaina por esta marabillosa paisaxe.

Escollemos a ruta da Ventureira, que pasa pola central hidroeléctrica.

 Levabamos un guía que nos foi explicando curiosidades sobre a flora e fauna do lugar. Sabías que neste parque natural existen 28 especies de fieitos? oito das cales están protexidas.

 Fomos camiñando por un sendeiro moi estreitiño todo pola beira do río

 Ata que chegamos ao mosteiro de Caaveiro. Como curios¡dade: noutros tempos vivían aquí os monxes, hoxe está habitado por unha colonia de morcegos de ferradura.

 Mirade que fermosa vista desde o mosteiro

E despois do esforzo sempre senta ben recuperar enerxías

 

Resumo da ruta percorrida.

 Á volta paramos un ratiño no parque do Pasatempo en Betanzos.

Pasámolo moi ben!

ROTEIRO CRUZ DO AVELÁN

Hoxe os máis pequenos do cole fixemos un roteiro polo monte da parroquia de san Xoán de Laíño.

Arrancamos na Cruz do Avelán e o primeiro que visitamos foron os petróglifos de Bouza Badín. 

Contabamos cun guía de luxo: o noso veciño Xoán que nos acompañou ao longo de toda a andaina e nos foi explicando moitas cousas que non sabiamos sobre o noso patrimonio.

Desde aquí facémoslle chegar o noso agradecemento.

 

 En ningún momento perdemos folgos, camiñamos moito observando as diferentes especies vexetais e algún animaliño...

 O percorrido foi longo.

 

 Aquí estamos co río Ulla ao fondo despois de ver a aldea de Bexo.

No Castro de Bexo fixemos unha parada para merendar e recuperar folgos.

 Aquí estamos vendo o Pozo do Ouro. Sabías que hai unha lenda sobre este lugar? A nós contóunola Xoán.

 E aquí atopámonos na Eira dos Mouros, onde non medraba vexetación debido ao sangue derramado neste lugar polos mouros noutros tempos... Fixádevos que fermosa vista da ría de Arousa se ve ao fondo.

 Desde o monte Carboeiro vimos as aldeas de Teaio, O Vilar e A Devesa. Ao fondo vemos a serra do Barbanza co pico Muralla

 E cando demos chegado de volta á Cruz do Avelán despois de percorrer 8km. aínda nos quedaron folgos para xogar no parque e practicar acrobacias.

 

 

Déixovos unha captura de pantalla co resumo do roteiro, para que vexades o fortes que somos.

E velaquí o equipo que fixo posible esta andaina, falta Xoán na foto. 

Xa estamos pensando en organizar a seguinte!

A RECOMPENSA

Todo traballo ten a súa recompensa.

Velaquí a nosa:

O venres saímos á nosa horta a facer a colleita.

Apañamos rabaniños, cebolas, leitugas, chícharos, tirabeques,...

  

 

 

Con todo o que recollemos, e algo máis que mercamos, preparamos ensaladas, humus, amorodos con iogur e augas saborizadas coas herbas aromáticas que nós mesmos sementamos.

 

 

Houbo que lavar, pelar, cortar, relar, aliñar,...

e despois de todo o traballo demos paso á degustación:

 

 

 Deixamos as culleriñas e os recipientes ben lambidiños, pois estaba todo moi rico. Como di Carlos Arguiñano: "rico e con fundamento"

 

 E para finalizar recollemos, lavamos e secamos todo moi ben.

 Quedounos a satisfacción do traballo BEN FEITO!

Como eu digo: "FACEMOS UN BO EQUIPO!"

Powered by Drupal - Design by artinet