Skip to Content

Vedra medra. Entroido 2021, outros tempos, novos modos

Vedra medra non quixo pasar por alto o Entroido 2021 e, ao non poder facer como era habitual os atranques, nin dar os vivas pensamos nunha actividade alternativa: reinterpretar as máscaras que temos que poñer cada día para protexernos con motivos dos traxes dos xenerais da Ulla.

Resultou finalmente unha proposta de Entroido sobre fondo negro, metáfora dos tempos de pandemia que nos toca vivir. A máscara negra engalanámola con cores brillantes seguindo os motivos da indumentaria tradicional dos xenerais e correos utilizando abelorios, flocos dourados, plumas, fitas de cores… que foron cosendo ou pegando pacientemente os rapaces e as nais. 

Son obra do alumnado de 3.º da ESO e foron obxecto dunha exposición no centro e base dunha reportaxe fotográfica que pode verse no web do centro e no Facebook Vedra medra.

E á falta do vistoso espectáculo dos atranques, recuperamos por vez primeira a tradición de "poñer o burro". Aínda que sexa propia do Domingo de Piñata, adiantámonos e fixemos a actividade en 1.º e 3.º da ESO. 

Escribimos «coplas do burro» utilizando dous soportes en función da temática, as de amor (ou afecto) nun que imita a figura dun burro namorado e as de crítica ou burla nun que semella o burro dando un couce.

Por obra dalgún demachiño que anda por aí solto… apareceron dous burros nos corredores do centro e procedemos á interpretación: reparto e a lectura das coplas. En breve, subiremos ao Facebook as fotos e a gravación do acto.

Pendentes de difusión están aínda outras achegas que o alumnado de 4.º e 3.º da ESO está elaborando con base naqueles recordos en color que nos veñen á memoria tras ver as fotografías de cursos pasados. Agardamos impacientes os resultados.

Desde Vedra medra queremos dar as grazas a todas aquelas persoas que nos axudaron e fixeron posible coa súa colaboración que estas tradicións poidan continuar celebrándose no CPI de Vedra mesmo nestes tempos escuros.

Pódese ver un album de fotos aquí

 

Xulia Marqués

Coordinadora de Vedra medra



story | by Dr. Radut