Skip to Content

Proxecto VEDRA MEDRA

"Bótame un capio": sesións de traballo

 

Vídeos resumo das sesións de traballo conxunto de "Bótame un capio" (Proxecta 2018-19. Lingua, Patrimonio e coñecemento tradicional) que levamos a cabo nas parroquias de San Miguel de Sarandón e Vedra coa axuda dos informantes Luis Neira, Manuel Fuentes, Manolo González, Antonio Vázquez Turnes, Virgilio Carpinteiro e Manuel Rey e a colaboración de alumnado de 1.º, 2.º e 4.º da ESO.

 

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

 

 

 

O CPI de Vedra e Vedra medra con Antonio Fraguas. LETRAS GALEGAS 2019

 

Alguén definiu con moi bo tino a don Antonio Fraguas Fraguas, autor elixido este ano para celebrar o Día das Letras Galegas, como "un notario da realidade, un coñecedor do seu pobo e un investigador incansable” (Antonio Fraguas, mestre da memoria Editorial Galaxia).

Se algún elemento define a cultura tradicional da comarca da Ulla é a celebración do Entroido dos xenerais.

Vedra medra quixo profundar neste ámbito e veu raballando ao longo deste curso cun obxectivo: reafirmar a tradición ullá promovendo actividades dentro e fóra das aulas. As actuacións que levamos a cabo foron diversas (obradoiros, exposicións e desfile) e convertéronse en mostras dun empoderamento simbólico tan necesario como urxente neste rural galego do século XXI.

O Entroido foi tamén un tema recorrente nas investigacións que A. Fraguas levou a cabo. Sabémolo tras rastrexar as súas publicacións desde o ano 1930 en que comezara coa análise do Entroido do sur de Cotobade ata 1994 en que O Museo do Pobo Galego sacara á luz o seu volume Do Entroido.

Antonio Fraguas coma outros escritores galegos achegáronse ao Entroido do Ulla nas súas investigacións e obras. Entre eles, destacamos canda o autor de Cotobade, o grande Xosé Neira Vilas, Xosé M.ª Castroviejo ou o mesmo Álvaro Cunqueiro.

O vídeo que lles amosamos é un resumo de todo o feito no CPI de Vedra arredor do Entroido tradicional ullán; concibímolo a xeito de homenaxe a don Antonio Fraguas quen nos serviu de guía e inspiración para deseñar esta liña de traballo e continuar aprendendo sobre Vedra a partir dun festexo popular propio.

Xulia Marqués

Coordinadora de Vedra medra

 

Segunda sesión de "Bótame un capio"

Segunda sesión de "Bótame un capio" 

Esta vez acompañáronnos tres informantes, Virgilio Carpinteiro (73 anos), Luis Neira (78 anos) e Manuel Rey (80 anos). O punto de encontro foi o CPI de Vedra o pasado 3 de abril pola tarde. 

A esta convocatoria acudiron estes veciños de Cimadevila, Sarandón e San Mamede e un grupo dunha vintena de alumnos/as de 1º e 2º da ESO desexosos de coñecer algo máis do viño e da vendima. Toda a intervención estivo gobernada polas 13 cuestións do caderno de traballo. 

A experiencia dos maiores verquida en respostas foi obxecto de recollida, comentario e debate. 

Xulia Marqués 

Coordinadora de Vedra medra

Ver fotos

Vedra Medra visita San Pedro de Vilanova e San Miguel e San Pedro de Sarandón

O venres 12 de abril, o alumnado de 2º da ESO visitou Pazo Galegos para coñecer de preto unha bodega profesional. Esta actuación enmárcase nunha liña de traballo clásica en Vedra medra sobre a Ribeira do Ulla como comarca vitivinícola e unha das subzonas da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Este curso levamos a cabo un traballo de investigación dentro do programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional centrado na revisión de léxico relacionado co viño e a vendima e que complementamos con saídas didácticas coma esta. 

Manuel García, propietario da bodega, falounos dos traballos na viña, da evolución das técnicas nestas últimas décadas, das esixencias que implica pertencer a unha Denominación de Orixe, do funcionamento da adega e da comercialización do produto. Mostrounos tamén a cepa do Cascón, cepa centenaria que forma parte do contorno do pazo.

Pazo Galegos foi no século pasado residencia do escritor e investigador  don Antonio López Ferreiro, que nun tempo fora tamén cura da parroquia de Vedra.

A visita finalizou nas parroquias de San Pedro e San Miguel de Sarandón onde tivemos a ocasión de ver o traballo que levan a cabo as destilerías.

 

Xulia Marqués

Coordinadora Vedra medra

Ver fotos

VISITA AO PAZO DE SANTA CRUZ. VEDRA MEDRA CO PATRIMONIO NATURAL

Visita ao Pazo de Sta. Cruz. Vedra medra co Patrimonio Natural

O alumnado de 2º da ESO tivo a oportunidade de coñecer as árbores notables, auténticos monumentos verdes que alberga o xardín do pazo. E fíxoo da man de José Luis Vascuas, garda forestal e colaborador do Catálogo Galego de Árbores e Formacións Senlleiras. O dito catálogo recolle 155 árbores e 37 formacións arbóreas e inclúe aqueles exemplares que polo seu valor natural, cultural, científico, didáctico, estético ou paisaxístico, requiren da súa conservación.

No xardín e contorna do pazo medran as oliveiras (a retícula de oliveiras), os buxos (a carreira dos buxos), o ombú, as palmeiras washingtonias e outros exemplares que os/as rapazas tiveron ocasión de identificar e retratar. Axudados das explicacións de José Luis terán que elaborar o seu propio inventario que conterá a denominación, descrición e un amplo repositorio de fotografías.

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

VER FOTOS

E Títeres Cachirulo despiden o obradoiro

E Títeres Cachirulo despiden o obradoiro

O día 15 de xaneiro veu ata o CPI de Vedra a compañía Títeres Cachirulo co seu espectáculo “As xeneralas da Ulla”. Trátase dun espectáculo de rúa con base no Entroido tradicional destas terras das ribeiras do río Ulla. As protagonistas son catro mulleres, dúas correos e dúas xeneralas. Todas chegan de a cabalo e engalanadas cos traxes típicos dando vivas ao público.

A rapazada tivo a ocasión de ver unhas marionetas talladas en madeira e articuladas sobre uns carros de 2.20 metros. As bandeiras que lucían eran a da paz, a ecoloxía, a muller e as artes, ideario que repetiron e defenderon na letras dos atranques.

O obradoiro "Entroido tradicional rural dos xenerais da Ulla" remata así unha andaina que comezara o pasado 30 de outubro. Esta vez estivemos todos os asistentes ao taller acompañados dos nenos/as de 3.º, 4.º, 5.º e 6.º de educación primaria.

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

VER FOTOS

LINGUA E PATRIMONIO EN SAN MIGUEL DE SARANDÓN - A VENDIMA E O VIÑO

Comezamos o traballo de campo en San Miguel de Sarandón

Nesta parroquia fixemos a primeira xuntanza do proxecto Lingua, Patrimonio e Coñecemento Tradicional (Proxecta 2018-19) o pasado o 16 de xaneiro. Principiamos o labor de recollida de léxico tradicional relacionado co ámbito do viño e da vendima. Actuaron como informantes Luis Neira, Manuel Fuentes e Manolo González; o mestre Antonio acolleunos na súa escola e acompañounos tamén nesta ocasión. O traballo de campo correu a cargo dalgunhas alumnas da parroquia de 1.º, 2º e 4º da ESO, Adriana, Teresa, Nerea e Irea.

Vedra medra comeza así o 2019 e continúa co seu empeño de aproximar aos máis novos un PATRIMONIO VIVO, o seu, o de todos.

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

Ver fotos

"EU TAMÉN SON XENERALA" - Obradoiro

 "Eu tamén son xenerala..."

 Esta é a cabeceira que eliximos para a 4ª sesión do obradoiro de Entroido que se vén desenvolvendo no centro desde 30 de outubro. O de onte foi un día enteiramente dedicado a revisar o rol que se lles reservaba ás mulleres hai dúas ou tres décadas neste festexo. Estiveron con nós para contarnos as súas experiencias algunhas veciñas de Vedra, San Pedro de Vilanova e Sergude, algunhas son nais de alumnos/as, avoas, coñecidas… Son mulleres con nome e apelido: Nieves Iglesias, Julia Villanueva, Victoria Villa, Carmiña Cutrín, Sonia Gamás, Cristina Orosa, Luz Divina Balado. Todas falaron nesta xornada, unhas en calidade de donas e fillas de xeneral, outras de costureiras expertas en arranxos e feitura de traxes ou de xeneralas. Tamén nos acompañaron Bárbara Penas, Rosa Rodríguez e Iria de Asla da Asociación Berenguela pola Igualdade de Vedra para darnos a súa visión desde outra óptica, a daquelas que traballan pola concienciación e a sensibilización pola igualdade.

 Como complemento ao feito, o próximo xoves 24 Títeres Cachirulo virá ao CPI de Vedra co espectáculo “As xeneralas da Ulla”.

 Xulia Marqués

 Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

Ver fotos

 

Obradoiro Vedra Medra. Tradicións para vivir un Nadal á galega

Tradicións para vivir un Nadal á galega

Vedra medra vai rematando as actuacións previstas para o 2018 e faino traendo ata a aula a tradición das cantarelas de Nadal aínda vivas nalgunhas parroquias como Trobe e San Miguel de Sarandón. Desta última chegaron o 17 de decembro José Mª Albela Canicova (Pepe de Nande) e Iván para explicarlle ao alumnado en que consistía este costume practicamente desaparecido.

As cantarelas estaban formadas por un grupo de mozos cantadores acompañados de requinteiros, que na noite de Reis e Noiteboa percorrían a parroquia pedindo, casa por casa, permiso para cantar. Tamén formaban parte desta comitiva os charrascos, un instrumento ritual vinculado ao Entroido e ao Nadal que tivemos ocasión de ver e tocar na aula.

Grazas ao interese e ao esforzo dalgunhas familias e asociacións como a A. C. San Campio, que traballan por preservar o noso patrimonio cultural inmaterial, en Vedra aínda é posible vivir coma antano un NADAL Á GALEGA.

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e Vedra medra

VER MAIS FOTOS

Obradoiro Entroido Tradicional - Vedra Medra: 3ª Entrega

Á terceira vai a vencida

Seguindo coa nosa convocatoria, este martes fomos pola última do trimestre. O 27 de novembro estiveron convidados os veciños de San Xián de Sales. Nesta parroquia mantense viva a festa e nela participa activamente toda a veciñanza. Acompañáronnos axudando coa elaboración das cancións de coro, Juan Duarte e dos atranques, Ángela Sánchez. Viñeron contarnos a súa participación como integrantes dos coros de bonito e de vello Lourdes Mallo, María Elena Guimarey e Mariluz Turnes. Ata aquí achegáronse tamén dous xenerais veteranos Manuel López e Jesús Amenal, acompañado este último da súa filla Margarita que nos agasallaron co relato das súas experiencias.

O mes de decembro paramos para poder estudar sen sobresaltos e regresaremos tras as vacacións de Nadal con dúas sesións novas, unha enteiramente destinada a revisar o papel da muller neste festexo tradicional e unha segunda, animadísima na que están convocados todos os informantes que nos visitaron.

Vedra medra finalizará a 1ª parte desta actuación a finais de xaneiro en compañía de xenerais, correos e coros das parroquias de Vedra, Trobe, S. Pedro de Vilanova e S. Xián de Sales.

Febreiro será o mes que destinaremos aos ensaios porque este curso todo o alumnado da ESO vai renderlle unha homenaxe ao Entroido tradicional rural do Ulla facendo unha macrorrepresentación na que estarán presentes todas aquelas figuras que concorrían na celebración.

O obradoiro serviu para quentar motores…

Á beira disto, nos corredores do CPI de Vedra teremos unha exposición de fotografías antigas e de traxes de Entroido.

Todos foron cedidos por xente de Vedra que gustosamente se comprometeu connosco neste labor emprendido desde o EDLG do centro educativo.

Xulia Marqués

Coordinadora do Vedra Medra

Ver fotos

 

Distribuir contido


by Dr. Radut